Novas por contido

O venres 3 de xullo de 2026 tivemos unha xuntanza informativa coa directora xeral de Emprego Público na que deu unha serie de información a respecto dos autos de extensión de efectos de sentenzas de destino definitivo

O 29 de abril a Xunta de Galiza recibiu o fallo do Tribunal Supremo polo que desestimaba o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza contra tres sentenzas de autos de extensión de efectos.

A Xunta tiña presentados recursos de casación contra todos os autos de extensión de efectos que foron saíndo, pero unha vez emitido este fallo, o Tribunal Supremo estaos inadmitindo, polo que todos os autos adquiren firmeza e xeran xurisprudencia.

O 22 de maio tivo lugar unha xuntanza cos sindicatos para informar que ían enviar unha serie de comunicacións a todas as persoas que promoveran autos de extensión de efectos, e que dependendo da situación desas persoas elaboraron diferentes modelos de comunicacións.

Tiñan un modelo para aquelas persoas que solicitaran medidas cautelares e xa estaban ocupando o posto con carácter definitivo por execución provisional do auto. A esas persoas o que lle indicaron nese modelo é que permanecerían nese posto no que xa tiñan unha resolución de adxudicación e que, por tanto, non as convocarían para a elección de destino.

Despois había outras solicitudes con autos que non estaban executados de forma provisional ou incluso que aínda non tiñan auto porque estaban suspendidas polo TSXG en tanto en canto non se pronunciase o Tribunal Supremo.
Agora que o Tribunal Supremo se pronunciou, os autos das solicitudes de extensión de sentenza adquiriron firmeza e xa lle están chegando ás persoas afectadas, que xa poden instar a súa execución á Xunta de Galiza. Para todas estas persoas, segundo a súa situación, Emprego Público elaborou dous modelos:

  • Un modelo para o caso dos concursos de traslados que non están resoltos e que non teñen unha resolución de adxudicación, no que lle indicaban as persoas afectadas que tiñan dúas opcións: ou continuar coa súa pretensión de extensión de efectos, co que de estar o seu posto incluído no concurso de traslados sería retirado, ou que os convocarían á elección de destino. Neste caso, se o posto se adxudica no concurso de traslados pois así quedaría, e se non fose adxudicado, iría para a elección de destino.
  • Un segundo modelo para o caso do concurso de traslados de corpos xerais, no que xa había unha resolución de adxudicación. Neste caso, o que lle indicaban ás persoas era que se continuaban coa súa pretensión de solicitude de extensión de efectos sacarían unha modificación da resolución da adxudicación de postos do concurso publicada no DOG do 17 de abril.

As comunicacións realizáronas o 28 de maio e enviaron comunicacións relativas a postos de facultativos e de escalas sociais e corpos xerais. O 5 de xuño enviaron comunicacións a postos da escala de persoal veterinario e o 9 de xuño a postos da escala de informática.

Como resumo da situación dos postos afectados nos concursos de traslados, no caso do concurso de corpos xerais, na xuntanza do 22 de maio dixeran que eran 18 postos, pero finalmente quedáronse en 15. No caso das escalas sociais, indicara que eran 41 postos os afectados, pero finalmente son 37 e no caso do concurso de persoal veterinario, son 19 postos que aparecen retirados do concurso no DOG do 3 de xullo, que se engaden aos 6 postos que xa retiraran no seu momento na resolución de solicitude de postos do concurso.

Xustifícase a DXEP en que enviaron todas estas comunicacións para poder finalizar os concursos de traslados. Dixo que se non as enviaran terían que paralizar os concursos ata que as persoas que promoveron os autos instasen á Xunta de Galiza a executalos unha vez declarados firmes. E tamén quedarían afectadas todas as persoas dos procesos selectivos que están á espera de elección de destino.

Dixo tamén que para poder continuar cos concursos de traslados con seguridade xurídica e para poder dar destino a todas as persoas afectadas, fixeron esas comunicacións tras pedir asesoramento á Asesoría Xurídica Xeral.
No caso das comunicacións nas que as persoas tiñan que optar por continuar coa súa pretensión ou por ir á elección de destino, no propio texto xa poñía que no caso de que non optaran por ningunha desas dúas opcións, consideraban que o que prevalecía era a súa pretensión de continuar coa solicitude de extensión de efectos e, polo tanto, a esas persoas non as convocaban para o acto de elección de destino.
No caso de ter que modificar a resolución da adxudicación de postos do concurso de corpos xerais, faríano neste mes de xullo para que as persoas afectadas poidan tomar posesión cos mesmos efectos nun posto de similares características o 15 de setembro.

Na vindeira semana publicarán tanto a resolución de adxudicación de postos como a resolución de elección de destino pendentes e nas vindeiras semanas publicarán o resultado de adxudicación de destino de corpos xerais e das escalas sociais, e no caso da escala de veterinaria o baremo provisional xa o publicaron no DOG do 3 de xullo.

Na rolda de intervencións, como CIG preguntamos pola situación á que se viron avocadas as persoas ás que lles foi adxudicado un posto no concurso de traslados e que agora se ven afectadas polos autos de extensión de sentenza.
A DXEP respostou que o 25 de xuño enviaron unha comunicación a través do sistema Notifica.gal para abrir un trámite de audiencia coas 15 persoas afectadas adxudicatarias dun posto no concurso de traslados de corpos xerais para ofrecerlles un posto de similares características, entendendo por similares características o mesmo nivel, a mesma localidade e as mesmas retribucións. Dixo que en calquera caso queren chegar a un acordo con esas persoas.

Outras novas recentes

Sábado, 04 Xullo 2026

Oposicións de enxeñaría de camiños, canles e portos e análises de laboratorio (CP 03/07/2026)

Na Comisión de Persoal (CP) do 3 de xullo de 2026 tratamos a convocatoria de oposicións (acceso libre e promoción interna) de enxeñaría de camiños, canles e portos e de análises de laboratorio. A Administración non tivo en conta ningunha das nosas alegacións, polo que votamos en contra das propostas de ambos os dous procesos. A Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP)...
Sábado, 04 Xullo 2026

Modificación de RPT de Gain (xuntanza do 03/07/2026)

Fomos convocadas á negociación dunha modificación da RPT con cambios debidos á redistribución de competencias entre Educación e Industria, co paso da Axencia Galega de Innovación (Gain) a Educación. Opoñémonos ás modificacións das xefaturas de negociado, e solicitamos a revisión das áreas funcionais.  A respecto da proposta de modificación de RPT que trae á mesa de...
Sábado, 04 Xullo 2026

Carreira profesional e concursos F0425, F0326 e F0525 (CP 03/07/2026)

Na rolda de intervencións da Comisión de Persoal do venres 3 de xullo preguntamos polas solicitudes da carreira pendentes de resolución, así como pola concreción de datas das distintas fases dos concursos F0425, F0326 e F0525.  Resolucións pendentes da carreira profesional  Preguntamos pola situación na que está a tramitación das solicitudes, dado que nos consta que a día...