Novas por contido

A CIG reclama avaliacións de riscos para todo o persoal axente ambiental e garda de recursos naturais en base as novas directrices do INSST

Nestes días estamos a solicitar á Xunta a elaboración de novas avaliacións de riscos laborais adaptadas á Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais, e ás novas directrices do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, publicadas neste mes de xuño.

As solicitudes diríxense aos distintos departamentos nos que existen postos destas escalas:

  • Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático: persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Incluímos aquí tamén a gardería dos recursos naturais pola similitude dos riscos e por estar comprendidos no ámbito da lei en razón das funcións que poden desenvolver.

  • Consellería do Medio Rural: persoal dependente dos distritos forestais, da DXDM e do AGACAL.

  • Consellería de Economía e Industria: postos dependentes do XERA, no CIF de Lourizán.

As avaliacións existentes, que teñen importantes carencias, deben ser substituídas por estudos adaptados ás funcións e ás condicións reais de cada ámbito.

As novas avaliacións das tarefas de campo son independentes dos centros de traballo e deben analizar os riscos específicos da actividade, a organización do servizo, os medios empregados, o traballo en solitario, os riscos psicosociais e as situacións de conflito ou emerxencia. Pero non valen unhas avaliacións xenéricas para todos/as, senón que deben analizar as diferentes condicións, ter en conta cando se desenvolve o traballo nunha zona de costa ou no macizo central, unha granxa intensiva ou en extensivo, unha inspección dentro de instalacións ou no río, etc.

Agora xa non o di só a CIG: tamén o establece a normativa. A Xunta terá que poñerse as pilas, avaliar correctamente os riscos e protexer de maneira efectiva o seu persoal.

A norma xa di especificamente que as novas avaliacións deberán realizarse coa participación do persoal afectado e da representación preventiva e incorporar transversalmente a perspectiva de xénero. Isto inclúe a adecuación da uniformidade e dos EPI, os riscos ergonómicos, as condicións hixiénicas e as desigualdades na exposición e nos efectos sobre a saúde e non se poden quedar so nas cuestións de maternidade.

Tamén deberán analizar os riscos para a seguridade derivados das actuacións con persoas armadas ou potencialmente agresivas, das situacións de illamento e da prestación de servizos en lugares afastados ou con dificultades de comunicación, e analizar obrigatoriamente os riscos psicosociais. Tampouco lles vale derivar a un futuro protocolo que ao final nunca se fai.

Esta é unha cuestión que a CIG xa trasladou durante a tramitación da Lei básica, cando demandamos estudos específicos de riscos e de vixilancia da saúde, unha planificación preventiva adecuada e unha protección efectiva desde a perspectiva de xénero. Lembramos que a necesidade desta lei naceu logo do asasinato a queimarroupa de dous compañeiros en Cataluña no 2017, e as agresións, insultos e vexacións seguen sendo frecuentes nestes funcionarios/as. Case dez anos despois seguimos loitando para que a lei sexa útil e que non quede en simples declaracións de intencións ou en papel mollado, conseguímolo coa xubilación anticipada, agora toca a prevención.

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...