Novas por contido

O deber legal de capacitar o persoal público en galego non pode depender de convenios temporais nin asentarse na precariedade laboral

A CIG esixe a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, ao que a Xunta duplicou a carga de traballo dende o  1 de setembro. A sobrecarga pon en risco os prazos, a atención ao alumnado e a calidade da formación.

Na primeira xuntanza para negociar as condicións laborais do colectivo, celebrada o 8 de setembro, a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude  recoñeceu que o problema xa existía antes da estabilización derivada da Lei 20/2021. Porén, presentou unha solución provisional baseada en horas complementarias, sen garantir nin a xornada completa nin a actividade durante os doce meses.

A Administración non achegou informes sobre o tempo necesario para desenvolver as tarefas, a carga efectiva, a demanda atendida e non atendida, o financiamento, o impacto de xénero ou o custo da ampliación. Escúdase na anualidade orzamentaria, na dependencia de convenios e fondos externos e nos límites previstos para incrementar determinadas partidas en 2027. Para a CIG, nada disto xustifica unha precariedade que dura décadas.

Unha necesidade permanente tratada como temporal

Os 18 postos da relación de postos de traballo, a media xornada e con só sete meses de actividade anual, non abondan para atender unha demanda elevadísima. En 2024 a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocou oficialmente 750 prazas para os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (LAG e LXG) fronte ao redor de 5.000 solicitudes —únicos datos facilitados pola propia Escola—. Milleiros de persoas empregadas públicas fican sen formación ano tras ano.

Os cursos Celga, LAG e LXG préstanse de maneira continuada dende hai décadas. A reiteración da actividade, a renovación anual dos convenios e a propia estabilización dos postos acreditan  unha necesidade estrutural. A súa natureza non muda porque se financie mediante fondos ou convenios temporais. A Xunta non pode manter durante anos un servizo permanente con financiamento provisional e empregar despois a falla de orzamento para negar a xornada completa e a estabilidade laboral.

Formar en galego é un deber legal permanente

A formación lingüística en lingua galega non é unha actividade ordinaria nin accesoria. Está ligada ao dereito da cidadanía a empregar esta lingua, á obriga dos poderes públicos de garantilo e á capacitación do persoal para atender, redactar e tramitar en galego con corrección e seguridade.

O artigo 3.1.i) da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, na redacción dada pola Lei 10/1989, atribúelle a capacitación do persoal, a difusión e normalización do galego na Administración e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica. Son deberes públicos permanentes, non tarefas subordinadas á existencia dun convenio anual.

Nun contexto de perda de falantes, feble presenza do galego en ámbitos profesionais e  competencia insuficiente por parte do persoal público, a formación especializada resulta indispensábel. Non abonda con acreditar coñecementos xerais: cómpre garantir unha capacidade efectiva para traballar en galego con calidade.

A proposta do goberno da Xunta da actualización do Plan xeral de normalización da lingua Galega en 2026 recoñece a elevada demanda, a insuficiencia da oferta especializada e o limitado protagonismo da EGAP, da Academia Galega de Seguridade Pública e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. É contraditorio anunciar a revitalización do idioma mentres se precariza o persoal encargado de facela posíbel. Un plan sen persoal suficiente, estabilidade, orzamento e avaliación non é unha política lingüística efectiva: é propaganda.

Persoal precario e distribución opaca do traballo

A CIG reclamou información sobre quen imparte e titoriza os cursos, coordina a formación, realiza as segundas e terceiras correccións, elabora materiais e exames ou participa nas avaliacións. Tamén pediu datos sobre convenios, entidades asinantes, horas, retribucións e compatibilidades.

Segundo a información trasladada polo colectivo, parte destas tarefas estaría a ser realizada por persoal doutras escalas da Xunta ou doutras administracións que xa traballa a xornada completa. A Secretaría Xeral Técnica non aclarou o alcance destas colaboracións nin a distribución efectiva da carga.

Para a CIG é inaceptábel manter o persoal propio a media xornada e con actividade descontinua mentres parte das súas funcións se atribúen a outras persoas como segunda actividade. O traballo estrutural debe corresponder ao colectivo que o ten encomendado. As colaboracións externas, de existiren, deben ser excepcionais, complementarias, motivadas e transparentes, nunca substitutivas do cadro propio.

Unha precariedade con faciana de muller

En 2016, o colectivo de persoas colaboradoras estaba integrado por 51 mulleres e 11 homes: un 82 % de mulleres, tendencia que se mantén. A parcialidade, a descontinuidade e a imprevisibilidade prexudican as retribucións, a cotización, a protección social e a conciliación. A CIG reclama que se avalíe expresamente este impacto de xénero.

As deficientes condicións económicas provocaron varias renuncias após a estabilización. A Administración non fixou un prazo certo para publicar a relación complementaria dos procesos selectivos e adía até 2027 a posíbel incorporación de persoal. A CIG esixe a cobertura inmediata e unha listaxe específica, consonte o Decreto 37/2006, para substituír con axilidade baixas, permisos e renuncias. Parte do colectivo comunicou, ademais, a presentación dunha denuncia perante a Inspección de Traballo. A negociación non pode limitar os dereitos nin as accións individuais ou colectivas xa iniciadas.

Xa non caben máis parches! Solución xa!

Outras novas recentes

Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...