Novas por contido

Hidratación, avituallamento e medios de apoio

A CIG solicita á Consellería do Medio Rural medidas preventivas para garantir a seguridade e a saúde do persoal que permanece longos períodos fóra da base durante episodios de calor.

A SITUACIÓN

Coas vagas de calor que estamos sufrindo, o persoal do SPIF está sometido a un estrés térmico engadido ao propio estrés térmico da súa actividade. É preciso establecer medidas preventivas nas vagas de calor para evitar os riscos asociados a altas temperaturas e radiación solar elevada.

Durante as quendas de traballo, o persoal do SPIF pode permanecer durante longos períodos fóra da base, en desprazamentos, labores de vixilancia e prevención, intervencións ou dispoñibilidade operativa.

Cando os equipos están integrados por máis de catro persoas, o espazo dispoñible no vehículo e nos medios asignados resulta insuficiente para transportar axeitadamente neveiras portátiles, acumuladores de frío, auga fresca, bebidas e alimentos básicos para toda a quenda.

Esta carencia dificulta garantir unha hidratación suficiente e unhas condicións mínimas de recuperación, sobre todo con temperaturas elevadas, avisos meteorolóxicos ou traballos en zonas afastadas da base e sen acceso inmediato a puntos de subministración.

Ademais da auga fresca, nas xornadas prolongadas con calor e actividade física pode ser necesario dispor dun avituallamento básico de apoio.

A CIG SOLICITA

1. Incluír esta situación na avaliación de riscos laborais das quendas do SPIF durante os períodos de altas temperaturas.

2. Adoptar medidas organizativas e materiais que garantan a dispoñibilidade de auga fresca durante toda a quenda cando deban permanecer afastados da base.

3. Facilitar neveiras portátiles ou bolsas isotérmicas, acumuladores de frío, auga fresca, avituallamento básico e os medios necesarios para conservar estes produtos.

4. Establecer instrucións claras, nos días de especial risco, sobre hidratación, pausas, reposición de auga e alimentos, organización das tarefas e demais medidas preventivas.

5. Habilitar puntos de avituallamento ou reposición durante a xornada cando o persoal non poida regresar á base ou careza de medios suficientes.

6. Autorizar a utilización dun vehículo de apoio cando o equipo estea formado por máis de catro compoñentes, para transportar con seguridade o persoal, a auga, o avituallamento e o material necesario.

PREVIR A CALOR É PROTEXER AO PERSOAL E A PRESTACIÓN DO SERVIZO

Outras novas recentes

Martes, 15 Setembro 2026

A Xunta de Galiza discrimina na carreira profesional ás súas traballadoras en redución de xornada por conciliación

A CIG denuncia que Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras.Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver  denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez...
Luns, 14 Setembro 2026

A CIG denuncia que a Xunta precariza o persoal formador en lingua galega

O deber legal de capacitar o persoal público en galego non pode depender de convenios temporais nin asentarse na precariedade laboral A CIG esixe a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, ao que a Xunta duplicou a carga de traballo dende o  1 de setembro. A sobrecarga pon en risco os...