- Detalles
Na defensa do poder adquisitivo do persoal empregado público! Concentración da Área Pública da CIG, este venres ás 11 horas, diante da delegación do goberno en Coruña
A suba proposta consuma a perda de poder adquisitivo do conxunto do persoal. O pacto de perdas avalado por CCOO e UGT non recolle sequera a perda do poder adquisitivo que xa temos consolidada en 2022, de preto do 10%, a un trimestre de rematar o ano.
Xunto a isto é de subliñar que a suba acordada para os anos 2022-2024 non chega a contemplar a inflación de prezos deste ano. Neste sentido, lembra que neste setembro situouse o IPC nun 9%, mais que estivo por riba do 10% boa parte do ano.
En tres anos, no mellor dos casos, non se recupera sequera o poder adquisitivo perdido no 2022, e asínase un acordo que dá por boa unha perda de máis do 5% entre este ano e o próximo. Ao que habería que sumar preto do -20% que levamos desde 2010.

- Detalles
O Anteproxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autonoma da Galiza pasou pola Mesa Xeral o 10 de outubro e apróbase na Comisión de Persoal do día 11 co voto favorable de CCOO, UGT e CSIF e en contra da CIG.
Esta norma reproduce a Lei 20/2021 de temporalidade coas súas discriminacións sen dar unha solución a moitas das eivas que se derivan da lei estatal. Cabe lembrar que a Administración Xeral da Xunta é a campioa da temporalidade, superando o 30% de media de persoal temporal e interino.
Fixemos un esforzo ata o derradeiro minuto para mellorar o texto pero esta lei aínda non responde as expectativas do persoal. E como isto non remata aquí, imos poñernos en contacto cos grupos parlamentares para que recollan as nosas emendas e as defendan na tramitación parlamentar da lei. Función Pública segue tratando de xeito vago moitas cuestións que deberían ser definidas nesta lei, e a maiores crea novas escalas e especialidades e modifica de xeito significativo funcións e requisitos para escalas xa creadas sen telas negociado previamente.
Destacamos:
- Limita a fase de concurso do concurso oposición a 30% experiencia-10% outros méritos.
- Cunha declaración responsable os/as aspirantes farán a autobaremación dos méritos pero Función Pública só vai revisar as de maior puntuación ata completar o número de prazas convocadas. Ademais se falseas ou erras podes ser expulsado/a do proceso. Normal no primeiro caso, unha aberración no segundo.
- Reduce os prazos a metade dos procesos selectivos pero á vez auméntanse os prazos sobre os límites da lei estatal para convocar ou incluso ter rematados os procesos.
- Para evitar a concorrencia limita as excedencias por interese particular e incompatibilidade por 2 anos e obriga a escoller entre escalas se superas varios procesos para que ninguén aprobe máis de un á vez ou tome posesión nun solicitando excedencia noutro.
- No concurso-oposición nin exames tipo test, nin se garante un único exercicio con nota de corte ponderada se hai varias probas. Eso si aceptan eliminar o corte por lei da metade de preguntas acertadas.
- Crean escalas e especialidades: capataz, patrón, guía, gobernante, técnica e superior de información xeográfica, reprodución cartográfica, agrupacións profesionais, etc.) e mudan funcións e requisitos. Anuncian que isto vaise negociar nas emendas á lei.
- As probas que van ser valoradas na fase de méritos se refiren unicamente a administración convocante.
- A lingua galega vai ser requisito previo e poderá facerse proba previa de coñecemento do nivel requirido.
- Outorgarase unha puntuación maior (sen aclarar canto) para os servizos prestados na administración convocante.
- Unicamente se valora o tempo traballado como temporal/interino ou INF.
- Muda a data de referencia para os méritos e requisitos a data de entrada en vigor da lei pola data da convocatoria.
- Dalle poderes a Dirección Xeral de Función Pública para mudar equivalencias e reducir prazos.
Estamos pendentes de que a Administración nos remita canto antes o documento definitivo para facelo público, pois na propia Comisión de Persoal mudaron cuestións. Mentres, tes a túa disposición o documento que foi a votación na Comisión de Persoal: descargar.
Apróbase tamén, co único voto a favor da CSIF, a modificación dos estatutos da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) para darlle entrada no seu Consello Reitor á Universidade privada unha porta aberta á privatización no ámbito universitario. A CIG, CCOO e UGT votamos en contra
Mais cousas nos rogos e preguntas:
- Vaise facer unha reunión técnica para ver que esta a acontecer coa certificación de servizos prestados como ámbito sociosanitario no SERGAS da OPE social.
- Están a traballar na RPT de medio rural, teremos borrador a finais de mes.
- A orde de integración do persoal do Consorcio vira nos vindeiros días a Mesa Xeral de empregados públicos.
- Detalles
A CIG vén de rexistrar sendos escritos dirixidos á Dirección Xeral de Función Pública onde pedimos unha rebaremación da fase de concurso dos procesos selectivos para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, nas especialidades de medicina e terapia ocupacional. Ao tempo, na Comisión de Persoal do 11 de outubro fixemos extensiva esa petición de rebaremación ao resto de procesos selectivos da OEP Social.
No apartado II.2.2.1. das bases deses procesos selectivos disponse como se valorará en ditos procesos a experiencia profesional. Nese apartado recóllese textualmente:
“Experiencia profesional, entendida como os servizos prestados nalgunha das actividades descritas no catálogo de servizos sociais, a que fai referencia o artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galiza, en calquera Administración pública...”
En función da área sanitaria o servizo de persoal do SERGAS acreditou ou non que os servizos prestados na mesma pertencen ao catálogo de servizos sociais sin ter un criterio homoxéneo nin unificado. O criterio nalgunha área sanitaria foi acreditalo dese xeito se a persoa interesada así o solicitaba.
Para a CIG isto é un claro erro de interpretación das bases da convocatoria, xa que os centros do SERGAS son centros sanitarios, non son centros prestadores de Servizos Sociais, polo que non pertencen ao citado catálogo de Servizos Sociais. Non poden ser puntuados consonte o apartado II.2.2.1. senón que lles correspondería ser baremados dacordo ao apartado II.2.2.2. das citadas bases: “Experiencia profesional, entendida como os servizos prestados en calquera Administración pública, como persoal laboral na categoría (...)
Isto supón unha situación moi discriminatoria por varios motivos: en primeiro lugar, persoas que prestan servizos no mesmo organismo (SERGAS) están sendo baremadas de maneira distinta en función da área sanitaria, e en segundo lugar, as persoas que si prestan servizos dentro do catálogo de servizos sociais vense perxudicadas por ese erro de baremación. Pode suceder que no prazo de presentación de reclamacións as persoas que saen beneficiadas por este erro non realicen ningunha reclamación, polo que o baremo definitivo estaría errado.
Cumpre lembrar que estas diferenzas de puntuación entre prestar servizos no Sergas ou noutras administracións públicas tamén se dan nas bases dos procesos selectivos convocados polo SERGAS, puntuándose tamén dobre a experiencia neste organismo fronte a outras administracións públicas, como a Xunta.
Esta situación estase a producir tamén noutros procesos selectivos da chamada OEP Social, polo que na Comisión de Persoal do 11 de outubro a CIG esixíullea Función Pública que se fixera unha revisión completa da valoración de méritos da fase de concurso dos procesos selectivos derivados da OEP Social onde se estaban a facer polo SERGAS esas certificacións erradas.
Ante a insistencia da CIG conseguimos arrancar de Función Pública o compromiso de convocarnos a unha sorte de "gabinete de crise" para valorar a situación en aras de buscar unha solución á desfeita provocada polo SERGAS.
Para a CIG a única solución pasa por facer unha rebaremación completa respectando o estipulado nas convocatorias dos procesos selectivos para non xerar inxustizas nin discriminacións entre as persoas participantes neses procesos selectivos, que se revisen tódalas certificacións emitidas, que non se puntúe do mesmo xeito o tempo traballado no SERGAS que na Xunta e que, en definitiva, non se xogue co posto de traballo nin o destino de moitos compañeiras/os.
- Detalles
Función Pública achéganos información relativa ao proceso de funcionarización de persoal laboral das categorías 1 (axudante de cociña) e 11 (limpador/a) do grupo V na escala de persoal de limpeza e cociña e recursos naturais e forestais (especialidade de persoal de limpeza e cociña) pertencente á Agrupación Profesional do persoal funcionario da Administración Xeral.
Podes consultar o documento aquí. O prazo de alegacións remata o día 21 de outubro ás 14:00 horas. Se tes algo que alegar faino a través desta ligazón.
- Detalles
Despois das nosas sentenzas favorables ao recoñecemento do dereito para todo o persoal a Xunta e os sindicatos asinantes poñen en marcha, despois de tela paralizado durante case dous ano, a carreira profesional.
Os novos acordos de carreira, se ben teñen melloras gañadas pola CIG nos tribunais seguen a ter fundamentalmente 3 eivas:
1) Non recoñecen o carácter retroactivo do grao I para o persoal interino e temporal.
A sentenza gañada contra a orde do grao I di textualmente que se recoñeza o dereito a este persoal a acceder ao mesmo. A Xunta, CCOO e UGT manteñen que se debe de recoñecer sen efectos retroactivos. Nós mantemos que si a sentenza recoñece ese dereito este se estende ata o 2019, ano no que comezou o grao I para o restante persoal.
A CIG solicitou no TSXG un acto de execución de sentenza ao entender que con este novo acordo non se ateñen á sentenza e polo tanto será este tribunal o que decidirá quen ten razón, se o persoal interino e temporal debe cobrar o grao I dende agora ou dende o 2019.
2) Manteñen a obriga de funcionarizarse para o persoal laboral fixo que queira acceder á carreira.
Outra das sentenzas gañadas anula as disposicións da orde de confección de nóminas onde se suspende o dereito á carreira ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar e se lle esixe a devolución dos importes.
A Xunta non cumpre coa sentenza e mantén a exclusión, ademais de recorrer en casación ante o Tribunal Supremo. Haberá que esperar á sentenza deste recurso.
3) Non inician o recoñecemento do grao II no ano 2021 para os subgrupos C1, C2 e AP.
A Xunta, CCOO e UGT van asinar un novo acordo para pór en marcha o grao II pero con efectos de 2022.
Hai que lembrar que paralizaron a posta en marcha do acceso ao grao II, cando se tiña que regular no segundo semestre de 2020 e ter efectos dende o 1 de xaneiro de 2021.
A escusa que puxeron para non facelo é que a CIG presentara unha demanda, escusa de mal pagador, pois unha demanda non paraliza un procedemento, as sentenzas da CIG son de mediados do 2021, cando o grao II xa tiña que estar en marcha. E a maiores o discurso de que houbo un “parón xudicial” non cola cando nin había sentenzas, nin había medidas cautelares que paralizaran nada.
Para a CIG non retomar os prazos iniciais e recoñecer o inicio en 2021 para os subgrupos C1, C2 e AP significa unha perda de dereitos e dos importes do 33% do grao II do 2021 para estes subgrupos, algo que non é tolerable.
Aínda así queremos facer unhas consideracións xa que nestes acordos hai unha serie de avances que son derivados das sentenzas gañadas pola CIG ou da negociación dos mesmos:
1) Os tramos para acceder ao grao II se igualan para todos os subgrupos.
En tres anos se chega ao 100% do complemento de carreira. No anterior acordo para os subgrupos A1 e A2, o grao II se iniciaba en 2022 e se chegaba ao 100% en 4 anos. Nestes novos acordos se reduce a tres anos e se iguala ao resto dos subgrupos e isto é positivo. Pero non a costa de que o C1, C2 e AP non comecen a cobrar con efectos de 2021, algo que sería compatible coa reducción de tramos.
2) A carreira se estende ao persoal interino e temporal.
Obrigados polas sentenzas así o fan. Pero non recoñecen o efecto retroactivo.
Aínda que con avances produto das nosas accións, consideramos que a execución das sentenzas se fai de xeito torticeiro e que non se cumpre na súa integridade o sentenciado pola Xustiza, polo que seguiremos negociando ata a Comisión de Persoal, pero de non mudar nos aspectos antes enumerados dende a CIG non poderemos darlle o noso visto e prace a esta nova carreira.
- Detalles
A proposta, aceptada por CCOO e UGT, e rexeitada pola CIG, ELA e CSIF, non compensa sequera a perda do poder adquisitivo que xa temos consolidada en 2022, de preto do 10%, a un trimestre de rematar o ano
A suba acordada para os anos 2022, 2023 e 2024 non chega a compensar a inflación de prezos que xa temos neste ano 2022. Neste sentido, hai que ter en conta que en setembro o IPC interanual situouse nun 9%, mais que estivo por riba do 10% boa parte do ano.
Goberno, CCOO e UGT están a propoñer para o actual ano 2022 un incremento do 3,5%, que en realidade inclúe o 2% que xa está aplicado dende xaneiro e ao que lle sumarían un pago único do 1,5% en decembro. Xa que logo, o persoal ao servizo das administracións públicas perdemos como mínimo un 5,5% de poder adquisitivo só no ano 2022.
Para 2023 o incremento sería do 2,5%, ao que se lle podería sumar un 0,5% máis en outubro en función do IPC harmonizado 2022-23 (se suma máis do 6%), e outro 0,5% se o PIB nominal do 23 supera a previsión do Goberno.
E para 2024 a suba salarial sería do 2% coa posibilidade de sumar outro 0,5% se o IPC 2022-2024 harmonizado supera o incremento salarial previsto.
Poñéndonos no mellor dos casos, no 2022 xa perdemos como mínimo un 5,5%, e en tres anos, tendo en conta a evolución do IPC do 2022 a 2024 en total podemos ir a un 10% de perda do noso poder de compra. A esto hai que sumar o que levamos perdido en anos pasados. Esto é o que asinan CCOO e UGT co Goberno do Estado e que venden como un logro.
Diante desta situación, a CIG convoca unha concentración para o día 14 diante da sede da Delegación do Goberno na Coruña na defensa dos dereitos das persoas empregadas públicas e da medida de baterías ante a carestía da vida que xa ten presentado ante o Goberno.

- Detalles
En novembro do 2021 denunciamos a pretensión do director xeral de Xustiza de realizar convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicoloxía e de traballo social de Galiza para a elaboración dos informes dos ámbitos penal e da familia.
A CIG rexeitou enerxicamente esta externalización, e apostamos decididamente polo incremento de equipos técnicos psicosociais que dean resposta ao incremento de informes nos procesos que afectan ás persoas máis vulnerábeis, como poden ser: as valoracións de vítimas de violencia machista, separacións, divorcios..; informes preceptivos para a asistencia técnica aos tribunais, da fiscalía e do xulgado.
Despois destas denuncias, o director xeral, en sede parlamentar, recoñeceu un “atraso puntual” e ofreceu o reforzo de equipos, contratación de interinidades, horas extras, etc. Ata o día de hoxe, non houbo nin incremento de equipos nin contratación de persoal e si ofreceu o desenvolvemento de horas extras.
Na apertura do ano xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, diante do director xeral de Xustiza, reclamou o incremento de equipos técnicos por considerar que o atraso acumulado na emisión de informes así como as novas esixencias lexislativas non son situacións coiunturais, senón que se trata dunha necesidade estrutural que non pode resolverse con convenios de colaboración e si coa creación de novos equipos nas distintas subdireccións do IMELGA. Ao mesmo tempo, os colexios profesionais da abogacía e procuradores de Pontevedra tamén denunciaron estes atrasos e pediron máis equipos.
Os equipos psicosociais da subdirección do Imelga de Santiago e de Pontevedra acumulan atrasos que van para os dous anos, tanto na emisión de informes para o xulgado de familia como para o do penal. Na subdirección do Imelga de Lugo, os atrasos son considerables no que atinxe ao de instrución e instancia; e aceptables para o penal. Nas subdireccións de Ferrol, Vigo e Ourense estes atrasos poden considerarse aceptables.
Xa está ben de promesas valeiras de contido, de convenios imposibles e da desprotección das persoas máis necesitadas
A CIG exixe ao director xeral de Xustiza unha inmediata actuación que só pasa pola creación de novos equipos psicosociais, estables e profesionais, que resolvan os atrasos acumulados nas distintas subdireccións e as novas necesidades lexislativas; inxente aumento de probas preconstituídas e asistencia á declaración de menores e vítimas vulnerábeis que se incrementou coa nova Lei orgánica de protección integral da infancia e da adolescencia contra a violencia (Lei “Rhodes”)
- Detalles
Demandamos aos grupos do Congreso que condicionen a isto o seu apoio aos orzamentos
Os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical comparecimos en rolda de prensa ás portas do Congreso dos Deputados e Deputadas para informar das reunións celebradas cos distintos grupos políticos aos que solicitamos que condicionen o seu apoio aos próximos orzamentos á aprobación do dereito á xubilación do persoal da Sanidade e dos sectores sociosanitarios aos 60 anos, tanto no sistema público como no privado.
Ademais, coincidindo con esta comparecencia delegados e delegadas da CIG dos distintos sectores atinxidos concentrabámonos diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela, para sumarnos á exixencia que as organizacións sindicais vascas, catalá e galega presentamos en Madrid.
Por parte da CIG participaron nas xuntanzas a responsábel do sector Autonómico da CIG-Administración, Zeltia Burgos, a secretaria nacional de CIG-Servizos, Tránsito Fernández e o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira.
A demanda de CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá, concrétase na petición ao goberno de que respecte, de maneira inmediata, o dereito das e os profesionais da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo esixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura.
Neste sentido, demandamos dos partidos políticos con representación en Madrid que, prioricen este asunto e que, mostrando o seu claro compromiso con este persoal esencial para a sociedade, para a aprobación dos próximos orzamentos, condicionen os seus votos á aprobación deste dereito.
Así mesmo, exiximos aos Gobernos e diferentes Administracións de Galiza, Euskal Herria e Catalunya, que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos como son as primas de xubilación anticipada.
Nese sentido, na comparecencia, lembramos que a actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade esixida que resulte de aplicación en cada caso.
Sen penalizacións
Pero a articulación dese dereito, implica a aplicación de porcentaxes de redución á contía da pensión que poden alcanzar ata o 21% e que non é recuperable ao cumprir os 65 anos. A Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social, prevé que a idade mínima de 65 anos póidase rebaixar por Real Decreto para grupos ou actividades profesionais, categorías e especialidades cuxo traballo sexa de natureza penosa, tóxica ou perigosa. Tamén se terán en conta os efectos do traballo en quendas (penosidade por traballar en quendas de noite) e o esforzo físico para o desenvolvemento do traballo que se realiza.
Por iso reclamamos a aplicación da Lei 40/2007 para o dereito á xubilación aos 63 anos, sen penalización, este ano, para o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, incluídas en calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social.
O que demandamos é que o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, póidase xubilar sen as penalizacións que marca a actual lexislación. E que ademais perciba o complemento de xénero.
Esta medida só precisa da aprobación dun Real Decreto en base á Lei 40/2007 polo que as Organizacións sindicais CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá solicitaremos reunirnos coas organizacións políticas presentes no parlamento español para solicitar os apoios necesarios para a súa aprobación. “Á vista da actual aritmética parlamentaria, os seus votos son decisivos e é por iso que, de cara á aprobación dos próximos orzamentos, esiximos que prioricen este tema”.
Tamén instamos ao goberno a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, e a que non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.
Cadros de persoal avellentados
Lembramos que “estamos diante de cadros de persoal cunha media de idade moi alta (máis de 50 anos) e cunhas condicións penosas no desempeño. Condicións que, como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas os últimos anos, fan imprescindible a articulación deste dereito”.
Denunciamos que a situación actual de falta de profesionais na sanidade e nos sectores sociosanitarios “é consecuencia da planificación sanitaria realizada durante os últimos 10 anos”. Unha planificación baseada en “recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos, poñendo en cuestión o dereito da sociedade a unha prestación de calidade”.
Por iso CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá instamos tamén a que durante esta Lexislatura se abra un proceso negociador para a modificación da Lei 40/2007, para que o persoal comprendido neste ámbito de aplicación poida acceder á xubilación cando cumpra os 60 anos, e teña 35 anos cotizados.

- Detalles
A CIG gañou a demanda contra a disposición da Orde de confección de nóminas que obriga a devolver as contías da carreira profesional se ao final decides non funcionarizarte. E, aínda que gañamos xudicialmente e se elimina esa obriga de funcionarización ademais de ampliar o dereito do cobro a todo o persoal independentemente do seu réxime xurídico, agora as Consellerías obvian a sentenza e tiran para adiante coa retirada da carreira e a notificación da devolución do percibido.
Unha actuación de dubidosa legalidade
Resulta incrible esta actuación, porque aínda que a Xunta, recorreu o fallo no Tribunal Supremo, ao menos por precaución e por sentido común non deberan meterse nun novo fregado quitando a pasta da carreira. Que vai pasar se perde o recurso no Supremo como os outros dous da carreira profesional que xa perdeu? Pois igual terá que restituír o diñeiro con danos e prexuízos ademais de intereses.
Entón que sentido ten todo isto? Por que a Xunta actúa así?
Se a funcionarización é voluntaria que non nos chantaxeen. Abonda con que negocien un Acordo marco que traslade os dereitos do V Convenio e que puxen pola xubilación parcial anticipada, subscribindo un acordo que o permita.
E si aínda así non queremos funcionarizarnos pois non pasa nada, aí nos quedamos. Eso si, con carreira que para algo nos esforzamos e gañamos a praza nun proceso selectivo.
- Detalles
Igual que bloquearon a posta en marcha do grao II hai dous anos
Despois de termos unha xuntanza sobre os novos borradores de carreira profesional (cos eufemismos de chamarlle “carreira administrativa” para o persoal funcionario e “complemento de desempeño do posto” para o persoal laboral) todos se congratulan de que se pon en marcha unha carreira e que é universal. Recoñecen entón que a outra non o era?
O que pretenden con este novo modelo de carreira é AFORRARLLE Á XUNTA TER QUE PAGAR entre 1 e 3 anos ás persoas empregadas públicas, en concreto:
• 1 ano do grao II ás persoas funcionarias de carreira dos subgrupos C1, C2, AP e laborais fixos dos grupos III, IV e V.
• 3 anos do grao I ás persoas funcionarias interinas e laborais temporais de todos os subgrupos.
Para tratar de disfrazar o seu recorte de dereitos e que perderon todas as sentenzas tratan de contarnos trolas para xustificar o ben que o fixeron, “parón xudicial”, “anulación”, ou ben confesar sen pudor na exposición de motivos do novo acordo que se confundiron, que o que acordaron non era o desenvolvemento da carreira profesional recollida no EBEP e na LEPG, senón unha “carreira administrativa”.
“Vamos con ello, pero es demasiado burdo”
Antonio García Ferreras
Por que non cobramos o grao II da carreira?
Segundo os seus panfletos “polo parón xudicial”. A realidade é porque Función Pública, coa complicidade de CCOO e UGT NON QUIXERON poñer en marcha a orde que regula o grao II, pois NON HABÍA NADA QUE LLO IMPEDIRA.
O grao II tiña que poñerse en marcha no segundo semestre de 2020 e ter efectos do 1 de xaneiro de 2021 para os subgrupos AP, C2 e C1 e do 1 de xaneiro do 2022 para o A1 e A2.
Por que non o puxeron en marcha? Segundo eles porque a CIG presentou unha demanda, algo que non cola, cando todo o mundo nunha Administración Pública sabe que UNHA DEMANDA NON INTERROMPE UN PROCEDEMENTO. En todo caso, as primeiras sentenzas foron moitos meses despois da data prevista para convocar o grao II.
Os novos borradores de carreira fan que sexa universal, din Función Pública, CCOO e UGT.
Segundo isto, se hai que facer un novo acordo de carreira que sexa universal iso significa que a de antes, asinada por CCOO e UGT NON O ERA. Ainda así, seguen a excluir ao persoal laboral que non quere funcionarizarse.
Hai que facer novos acordos porque “a CIG anulou a carreira”
FALSO, o que anulou o TSXG, e non a CIG, foi o acordo de concertación por discriminatorio e no fallo da sentenza do grao I se di literalmente “recoñecer o dereito destes colectivos a participar no procedemento de recoñecemento do grao I .”
Calquera pode entender que si este fallo recoñece o dereito a participar no procedemento do grao I, non pode ao mesmo tempo anular o procedemento e negar o grao I ao persoal funcionario. E calquera pode entender que o sentido do fallo é incluír a todo o persoal no sistema de carreira porque OBRIGA a que eses colectivos poidan participar.
Isto significa, e na práctica o vemos porque o estamos cobrando, que a sentenza non obriga a suspender absolutamente nada, senón a INCLUÍR. Por iso AS PERSOAS FUNCIONARIAS DE CARREIRA SEGUEN A COBRALO.
E a PREGUNTA DO MILLÓN: Se agora se pode incluír a todo o mundo, POR QUE ANTES NON SE PODÍA e por que nos fixeron perder todo este tempo?
A resposta é moi doada, PORQUE A CIG TIVO TRES SENTENZAS A FAVOR NO TSXG, contra o acordo de concertación, contra a orde que regula o grao I e contra a orde de confección de nóminas. E todas no sentido inclusivo.
Por iso, nos parece ben que se inclúa a CASE todo o persoal, a pesar de Función Pública, CCOO e UGT.
Seguiremos negociando para que cumpran e executen as sentenzas, pero non imos asinar un acordo:
- Que non recoñeza o dereito á carreira ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar, é máis cunha sentenza gañada contra a Orde de confección de nóminas que anula as disposicións que obrigan a funcionarizarse para cobrar a carreira.
- Que non recoñeza que o grao II do persoal dos subgrupos C1, C2 e AP comece no 2021 e que non reduza a 2 os anos para igualar o grao II dos subgrupos A1 e A2 aos prazos do resto dos subgrupos.
- Que non recoñeza os efectos retroactivos ao persoal que se lle negou o dereito á carreira.
- Que non estableza un novo prazo para o acceso ao grao extraordinario para aquelas persoas que agora cumpran os requisitos.
