Novas por contido

O luns, martes e mércores de entroido tivemos xuntanzas con Función Pública por dúas RPTs e falamos de asuntos como as tomas de posesión de corpos xerais (concurso e procesos selectivos), a aplicación da lei da temporalidade, situación das RPTs (o que incide no concurso especial), a carreira profesional e funcionarización.

RPT Vicepresidencia 1ª (delegación territorial de Ferrol)

Opoñémonos a que un delegado ou delegada territorial necesite tres secretarios/as, LDs, e abertos a outras administracións. O que necesitamos no Ferrol son servizos, non estrutura política. Non apoiamos que creen unha xefatura de sección tamén LD. Non concordamos coas xustificacións e non aceptan ningunha alegación da CIG.

CIG, CCOO e UGT votan en contra. CSIF vota a favor.

RPT Axencia de protección da legalidade urbanística (APLU)

Non hai cambios sobre a proposta inicial, non queren negociar. CIG, CCOO e CSIF votan en contra. UGT abstense.

Lei 20/2021 (temporalidade)

O director xeral de Función Pública traslada a seguinte información:

  • A lei básica aclara que teñen que saír en OEP todas as prazas estruturais, estean ou non en RPT. O primeiro é negociar e sacar a OEP que incluiría a oferta ordinaria e extraordinaria. Incluír as prazas en RPT é secundario (máis entendemos que facilita as cousas sobre todo naquelas prazas que teñen condicións especiais de servizo ou titulación). As negociacións, coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT), poderían comezar a semana que ven.

  • Os prazos da OEP, convocatorias, e finalización están taxados na Lei. OEP publicada antes do 1/6/2022 e convocadas antes do 31/12/2022. Rematado antes do 31/12/2024.

  • Haberá dúas modalidades (concurso-oposición e concurso).

  • Neste momento temos en execución unhas 2.500 prazas, moitas delas na fase de concurso que aclara que nin se paralizan nin se inclúen na nova OEP. Si se repescan as prazas de estabilización ou consolidación ofertadas e non convocadas das OEPs do 17 e 18, así como aquelas que convocadas quedasen vacantes, polo que estariamos a falar dunhas 4000 prazas para a nova OEP.

  • O mércores 2 van participar na “Comisión de coordinación de emprego público” a nivel estatal, para tratar uns criterios para aplicar a lei. Neste criterios van as orientacións para baremar o proceso extraordinario por concurso de méritos, por exemplo. Función Pública adianta que non concordan (e nós tampouco), pois priman en exceso os méritos académicos (titulación), e non os profesionais (experiencia nas escalas). Porén, non sería norma básica, polo que non estarían obrigados a trasladalo á nosa administración. Toca negociar.

  • O que si ten claro Función Publica e que queren criterios sinxelos nas convocatorias que faciliten executar rápido (agora caen da burra). Falan de experiencia na administración (na escala correspondente ou noutra escala) e formación. Non se negan a algún criterio máis, pero non moito mais. Esta negociación das bases de convocatorias será posterior á da OEP.


Advertimos que non podemos verificar a autenticidade do borrador de criterios comúns que xa está a circular. En todo caso, ese documento non é máis que un documento inicial de propostas e que a negociación definitiva tócalle á Mesa Xeral de Empregados Públicos de Galiza.

Carreira profesional

Comunica o DXFP que nunhas semanas negociaremos a substitución da sección 2ª do acordo de concertación ou no seu caso un novo acordo correspondente. Lembramos que a CIG xa ten tres sentenzas gañadas, e que moito antes das sentenzas a Xunta incumpriu o que pactou con CCOO e UGT, pois xa en decembro do 2020 tiña que estar convocada a Orde para pagar o grao II anticipado, así como o grao I ordinario.

Corpos xerais: concurso e procesos selectivos

Preguntamos ao DXFP polo ruxe-ruxe que circula de que a toma de posesión do concurso sería en setembro, tendo en conta que nas súas últimas palabras falaba de marzo ou abril. O DXFP mantén que será en marzo ou máis ben en abril, e que en ningún caso valoran que poida ser en setembro.

Di que xa remitiron as consellerías todos os postos susceptibles na elección de destino definitivo de quen están agora en destino provisional (nomea tanto promoción interna como A1, A2, C2 e AP de acceso libre).

As dúas tomas de posesión (concurso e elección de destino definitivo) serían coordinadas.

Unha vez tomada posesión os/as de concurso e os/as de destino provisional, irán posteriormente os/as que están agora en execución (que contan que vaian rematando neste semestre).

Outros concursos de traslados

Respecto do concurso de administración especial, di que están a traballar na RPT de saúde pública sobre os postos de persoal veterinario (nunhas semanas presentaránolo aos sindicatos). Posteriormente irá o concurso (que será para o conxunto da administración especial).

Funcionarización

Nos vindeiros meses (maio/xuño) irán aprobándose as RPTs correspondentes.

Oposicións escalas sanitarias (lei 17)

A CIG preguntara a semana pasada pola data prevista para a realización do primeiro exercicio, pois a diferenza doutras convocatorias, negáronse a poñer nas bases unha data de referencia. O DXFP comprometérase a falalo con Sanidade, pero non trae a resposta. Volve a comprometerse para outra xuntanza.

RPTs pendentes

Están en proceso de negociación as RPTs de Educación, Medio Ambiente, AXI, Consellería de infraestruturas. E vai comezar a RPT de Saúde Pública no referente ao persoal veterinario. En marzo retomarán os flecos pendentes da RPT do Consorcio. Pola carga que supón a lei da temporalidade, deixan as demais RPTs.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...