Novas por contido

O venres 17 de abril celebrouse por videoconferencia o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que demandamos para a avaliación e control das medidas preventivas ante a emerxencia sanitaria polo coronavirus. 

A vicesecretaria xeral técnica presentou os protocolos actualizados para o persoal de traballos esenciais, que podemos consultar (xunto cos medios de contacto coa consellería) na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/coronavirus.

Dende a CIG reclamamos:

  1. O Plan de prevención de riscos ante o coronavirus nos traballos esenciais (que aínda non fixeron).
  2. Protocolo preventivo nas embarcacións ao que respostaron que o elaborarán o “antes posible”.
  3. Que se repoñan os EPIS, sobre todo as máscaras de protección axeitadas.  Respostan que non dispoñen xa que estan moi solicitadas no mercado e que van intentar por ao dispor. Dende a CIG denunciamos que teñen para repartir a poboación pero envian ao seu persoal a facer funcións esenciais sen elas.

En referencia a "Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia" (podes ver a guía no DOG, ou podes ver o resumo da CIG):

  • Denunciamos que non se negociou coas organizacións sindicais.
  • Rexeitamos que o persoal sensible “deberá traballar” ata que se lle recoñeza a condición de traballador/a vulnerable ao COVID e se tramite a baixa.
  • E queixámonos deste enfarragoso sistema para a protección do persoal sensible.

A administración da largas e resposta que é unha “resolución de obrigado cumplimento do CECOP” e que intentará resolver as solicitudes o antes posible.

Ademais preguntamos polas razóns polas que non están a traballar algunhas persoas que teñen funcións esenciais. Non respostan. 

Infórmase por parte da consellería que hai un servizo de desinfección dos vehículos con ozono que hai que solicitalo nas xefaturas territoriais. 

A presidenta do CSSL emprazounos a realizar novas xuntanzas cada sete ou dez días mentres dure esta situación, para ir analizando os avances da pandemia e as accións desta consellería. Dende a CIG esperamos que na vindeira xuntanza dean resposta ás demandas que presentamos para que sexa realmente efectiva e sacar accións de proveito na prevención do risco fronte ao COVID 19.

Ante a falta de información oficial da situación real nos centros de Política Social, a CIG entregou á Fiscalía Superior de Galiza, por segunda vez, datos actualizados elaborados coa información recollida polos nosos delegados/as e persoal dos centros. Podes descargala aquí.

A pesar de que llo vimos requirindo dende o comezo desta crise, a consellería de Política Social négase a dar datos de persoas usuarias infectadas, persoas falecidas por causa do virus e incluso non informa das  traballadoras e traballadores que deron positivo nos seus centros. 

Este escurantismo non permite avaliar a dimensión real das persoas contaxiadas polo virus nin a efectividade das medidas de prevención implementadas.

Destacar tamén a falta de información acerca das chamadas “residencias integradas”, é dicir, as residencias de xestión pública onde envían a residentes positivos ou negativos derivados de residencias privadas nas que saltou a alarma. Como a Residencia de Tempo Libre de Panxón (de negativos) ou Porta de Camiño e Baños de Molgas, e agora parece que hai algunha mais como Nuestra Señora de Fátima en O Barco, etc. Isto unicamente sabémolo polas comunicacións directas de persoas que prestan servizo nos centros xa que a CIG, como organización mais representativa neste ámbito, non ten información por parte da consellería.

Sabemos polo persoal empregado público que os están a trasladar a residencias privadas, con declaración de intervención, integración ou sen ela, nunha estraña sorte de cesión de persoal onde só existen obrigas laborais e poucos dereitos e nin se garante nin un triste EPI axeitado, e moito menos formación preventiva ante o contaxio do COVID 19. Compre  que nas residencias privadas das que estamos a falar teñen un alto numero de contaxios entre persoas usuarias e traballadoras, e as medidas preventivas fronte o COVID19 non existen.

Cando remate todo isto teremos que facer as contas sociais e económicas do que supón este sistema de xestión privada dos servizos sociais para o pobo galego.

Diante da apertura de dilixencias por parte da Fiscalía de Galiza sobre a xestión nas residencias de terceira idade durante a presente situación de emerxencia sanitaria presentámoslle un segundo informe que actualiza o anterior do día 26 de marzo. Nel introducimos a situación a nivel de prevención de riscos laborais dos centros sociais-residenciais, entre os que están as residencias de maiores, de menores e os centros de atención á discapacidade dependentes da Consellería de Política Social, xunto cos datos de contaxios e realización de test aportados polo persoal.

Ambos datos, de vital importancia, porque na CIG entendemos que é a única forma de actuar consecuentemente contra a expansión do virus e coñecer a presencia real do coronavirus. 

Así tamén volvemos a ofrecer a posta ao dispor de toda a documentación, denuncias e outra información que fixemos en relación ás residencias da Xunta dende o comezo da alarma sanitaria polo COVID 19.

A CIG denuncia na Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense a imposición de vacacións nos distritos forestais por parte da Xunta en pleno estado de alarma.

As xefaturas de distrito da provincia de Ourense chamaron ao persoal de incendios forestais para poñerlles as vacacións durante estes días de estado de alarma. Non se informou das razóns deste proceder nin ao persoal traballador afectado nin aos seus representantes. Na práctica, a Xunta impón vacacións ao persoal deste servizo esencial para que se “confine” nas súas casas, todo un despropósito polo que acordamos presentar denuncia ante a inspección de traballo e seguridade social.

A denuncia da CIG inclúe entre outras as seguintes cuestións:

  1. O SPIF é un servizo de atención á emerxencia provocada polo coronavirus e están a realizar funcións importantes de desinfección en residencias de maiores, centros de saúde etc...
  2. Só unha parte do persoal está para atender aos incendios forestais aos que se lle suman o persoal que esta de vacacións ordinarias polo que a efectos prácticos o cadro para atender a lumes está minguado.
  3. En base ao anterior, non se motivan as “necesidades do servizo” para establecer períodos de vacacións durante o estado de alarma.
  4. Implantouse este período de vacacións “obrigatorio” sen que existira negociación previa coa representación do persoal.

NON É ADMISIBLE que se establezan VACACIÓNS OBRIGATORIAS ao persoal durante o período do estado de alarma. Na CIG rexeitamos este proceder opaco e autoritario por parte da Consellería do Medio Rural.

A Consellería de Presidencia, Administracions Públicas e Xustiza, elaborou unha guía, para todo o persoal da Xunta, que complica extraordinariamente o procedemento de protección do persoal especialmente sensible á exposición ao coronavirus.

Así cambia a túa situación: que presentes algunha das patoloxías indicadas ou teñas máis de 60 anos NON determina directamente o recoñecemento de “especialmente sensible”. Terás que ir a traballar estando exposto ao risco ata que se resolva a túa solicitude.

 A CIG-Autonómica denuncia que non se lles deu formación

A CIG vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo e da Seguridade Social de Ourense, logo de Política Social chamar para traballar na residencia de maiores “Nuestra Señora de Fátima”, do Barco de Valdeorras, a 6 auxiliares coidadoras de centros educativos, sen ningunha experiencia nin formación previa en atención a maiores, ás que non proporcionou formación en prevención de riscos laborais, para traballar en plantas de residentes infectados/as por coronavirus.

A residencia de maiores “Nuestra Señora de Fátima” está xestionada pola Xunta de Galiza tras a súa intervención, logo de que apareceran un centenar de positivos en residentes e en máis de 20 en persoas traballadoras desta entidade privada.

No DOG do luns 13 de abril de 2020 sae publicada a RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2020, conxunta da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

Diante das dúbidas xeradas con esta Resolución, dende a CIG puxémonos en contacto con Función Pública. Unha vez feita a consulta, transmitimos as seguintes aclaracións

  • O novo sistema de chamamentos electrónicos implementarase de xeito progresivo comenzando por categorías nas que hai poucas persoas inscritas e, deste xeito, ir comprobando o correcto funcionamento do programa 
  • Despois do verán e unha vez comprobado que o programa funciona correctamente, aplicarase de xeito xeneralizado para os chamamentos de listas.


COMO FUNCIONA?

Para poder ser chamado electronicamente hai que darse de alta no sistema notifica.gal. Para isto é preciso dispor do sistema de identificación Chave 365 ou dun certificado dixital. Unha vez dado de alta o procedemento será o seguinte:

  • A persoa integrante nunha lista recibirá un SMS no seu teléfono móbil cunha ligazón a través da cal entrará directamente na aplicación informática sen necesidade de identificarse en cada chamamento coa Chave 365 ou cun certificado dixital.
  • Dende esta aplicación, a persoa integrante da lista poderá efectuar tódolos trámites precisos en relación co chamamento sen ter que presentarse fisicamente nunha oficina da Administración.

A Xunta escúdase no panorama desolador das residencias privadas para non dar datos sobre o que acontece na pública. Onte por primeira vez deron datos dos falecementos desagregados por residencias e se ben todos sabemos que o COVID-19 estase a cebar en residencias privadas, non se pode ocultar o que está a acontecer nas públicas, onde a falta de datos é notoria.

Pero o que máis nos preocupa neste momento non é xa a falla de datos, senón que dende o inicio desta crise levamos pedindo que se adopten medidas de protección dos nosos maiores e se dote de EPIs ao persoal e se realicen test, para así alonxar o COVID-19 das residencias, e a pesares diso, e de que a Inspección de Traballo a instancias da CIG, obriga a realizar os test ao persoal para que non contaxien aos residentes, isto non se fai.

Por exemplo na Residencia de tempo libre de Panxón, Nigrán (residencia de negativos onde xa hai positivos) o cronograma deste desastre é o seguinte:

• Día 1 de abril: incorpóranse os/as traballadoras ao centro sen ter pasado ningunha proba do COVID-19 (e tendo traballado xa nalgunha residencia con posibles positivos).

• Día 2 de abril: os primeiros catro residentes/as entran no centro recibidos por Corina Porro, Delegada da Xunta en Vigo.

• Día 5 de abril: incorpóranse o resto de residentes.

• Día 8 de abril: fan as probas ao persoal.

• Día 14 de abril: os resultados comunícanselle ao persoal.

A neglixencia da Xunta, o incumprimento das obrigas provoca infectados. Temos que comezar a pensar que ademais de enfrontarnos a unha pandemia, aquí existe, como mínimo, unha mala xestión da crise.

Segue o descontrol de Politica Social nas súas residencias de maiores: a consellería non aprende e repite o caos da xestión do resto das residencias.

A Xunta xestiona a residencia de “Nuestra señora de Fátima”, ante a centena de persoas infectadas confirmadas, enviando ao persoal sen formacion preventiva, sen EPIS adecuados e un plan de prevención de riscos laborais que os protexa fronte o COVID 19.

A CIG tivo coñecemento polos medios de comunicación e as traballadoras as que están requirindo para traballar nesta residencia privada de O Barco de Valdeorras. En ningún momento se informou por parte da Consellería de Politica Social e a situación é insostible polo que vimos de solicitar con urxencia:

  1. Plan de acción preventivo de COVID 19 para esta residencia coa distribución de espazos e protocolo preventivo por tarefas, formacion e EPIS axeitados.
  2. Negociacion das condicións laborais do persoal, con especificación de horarios, xornada, quendas e descanso semanal. No caso de facer quendas intensivas tempo de descanso por xornada, confinamento e descanso compensatorio ao remate alarma sanitaria.
  3. Informacion do persoal chamado con especificacion de tarefas e categorías e titulación. Propoñemos as persoas que non teñan titulación se deriven cara a outros centros para tarefas asistenciais sen caracter clínico.
  4. Solicitamos o criterio de proximidade xeográfica.
  5. Que se oferte un aloxamento apropiado para o persoal con garantía de seguridade.

Por outra banda tamén presentamos queixa pola xestión doutras residencias integradas na dos Milagres en Baños de Molgas e Porta do Camiño en Compostela.

Coa publicación o día 13 de abril dun anuncio no DOG onde se empraza ás persoas interesadas a que poidan comparecer como parte nun procedemento contencioso-administrativo relacionado coas listas de substitucións, a Dirección Xeral de Función Pública xera confusión sobre a vixencia da suspensión dos prazos administrativos e xudiciais.

O estado de alarma que foi decretado polo Goberno español no RD 463/2020, establece a suspensións dos prazos tamén no caso da xurisdición contencioso-administrativa polo que entendemos que a Xunta publicou o anuncio como se nada pasase, sen facer constar de que o prazo comezará a contar a partir do remate do estado de alarma.

Dende a CIG queremos pensar que se trata dun erro polo que pedimos a Xunta que o corrixa e que nos seus anuncios aclare os prazos ou espere ao remate do estado de alarma para facer este tipo de comunicacións “non esenciais”.

A Escola Galega da Administración Pública (EGAP) vén de poñer en marcha recentemente os cursos de preparación da promoción interna dos corpos xerais da Administración xeral a través de medios propios.  Esta é unha demanda histórica da CIG que por fin ve a luz.

Pero non estamos totalmente satisfeitos/as porque somos coñecedores/as de que os temarios e material non van ser integramente publicados en galego; pois sabemos que a lexislación estatal cuxa versión consolidada estea en castelán así vai ser impartida e subministrada polas persoas que actúan de titoras e docentes.

Temos que dicir antes de nada que a EGAP, como organismo autónomo da Xunta de Galiza, está afectada polo Estatuto de Autonomía que obriga a todas as AAPP a promocionar especialmente a lingua propia de Galiza; pero amáis disto é que a propia EGAP ten un mandato específico para iso.  Así tanto na propia Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP (art 3.5, DOG núm. 103, do 2 de xuño de 1987), como no seu Regulamento de organizacióne funcionamento (art. 2.1., Decreto 306/1990, do 24 de maio, DOG de 12 de xuño de 1990) establecen como fins da EGAP:

2.1 l)  A difusión e normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e a participación na fixación de linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega

É por iso que vimos de enviar un escrito solicitando que se aplique a normativa de funcionamento da Escola no tocante ao fornecemento e tradución de toda a lexislación dos cursos de preparación de promoción interna no idioma galego.

Para iso poderían subscribirse acordos ou convenios con outros órganos da Administración que teñen competencia na lingua como son a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o servizo de Tradución da Consellería de Presidencia.

Outras novas recentes

Xoves, 26 Marzo 2026

A saúde pública non pode esperar: vacantes sen cubrir, comisións bloqueadas e restricións de teletraballo sen sentido en Ourense

A CIG mantivo o pasado mércores 18 de marzo unha reunión coa directora territorial de Sanidade e o xefe de persoal para abordar o teletraballo, a falta de persoal e a situación de distintos servizos. Teletraballo Trasladamos a queixa do persoal pola limitación a un único día semanal, unha decisión difícil de entender cando o Acordo vixente permite até o 50% das xornadas e...
Martes, 24 Marzo 2026

Xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría do Mar (17/03/2026)

Avaliacións de riscos psicosociais Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) Dende a CIG recordámoslle á Administración que se están a incumprir as medidas acordadas após a avaliación de riscos psicosociais no Igafa. Estas medidas son de obrigatorio cumprimento, polo que esiximos a súa implantación de forma inmediata. Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ferrol A...
Mércores, 18 Marzo 2026

O TSXG resolve que o persoal de servizos xerais non ten que facer as tarefas de limpeza ordinaria dos centros do Consorcio Galego de Serv...

A CIG interpuxo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) un conflito colectivo en desconformidade coa interpretación que o Consorcio dá á cláusula do Acordo de Integración e coa práctica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar consistente en impor, aos/ás traballadores/as coa categoría de PSX de determinados centros de día, vivendas comunitarias e...