Novas por contido

A experiencia deste ano demostrou que o teletraballo é unha ferramenta fundamental para a prestación dos servizos públicos que evitou o peche dos mesmos e demostrou que os servizos de carácter administrativo puideron seguir funcionando con normalidade e con altos índices de eficiencia durante a crise do COVID.

Pero lonxe de aprender desta experiencia, a Xunta nos presenta un borrador de acordo sobre o teletraballo con algúns avances pero tamén con varias eivas e limitacións.

Como CIG queremos destacar unha serie de elementos deste borrador que nos sirvan para afrontar a negociación.

 

A vía máis doada: exclusión total de determinados corpos, escalas e colectivos en vez dunha análise concreta dos postos de traballo

Se ben a nova regulación do teletraballo parece configurar un sistema máis amplo en canto ao persoal que pode recorrer a esta modalidade, establece en realidade un sistema de limitacións que debería ser máis flexible (exclúe colectivos completos onde parte dos seus efectivos fan todo ou parte do traballo de carácter administrativo).

Esta exclusión de corpos e escalas completos é máis cómoda para a Xunta que determinar que postos de traballo concretos poden acollerse ao teletraballo ou non. A modo de exemplo, nun instituto de ensino secundario onde hai 3 ou 4 auxiliares administrativos, por que se exclúe a este persoal do teletraballo?

 

Flexibilización por conciliación OU teletraballo

No relativo á conxugación do teletraballo con medidas de flexibilización horaria por conciliación xa existentes o borrador supón un retroceso ao restrinxir esta flexibilidade ás franxas da ordinaria (de 9 a 14:30 como período obrigatorio de conexión) o que supón dinamitar a flexibilización horaria por coidado de fillos menores ou maiores a cargo e impedir que o persoal que xa a teña autorizado poida acollerse ao teletraballo.

 

Concursos e promoción interna OU teletraballo

Outra limitación absurda establecida neste borrador é a de esixir 2 anos de servizo no posto de traballo para o cal se solicita o teletraballo. Isto parece significar ou que ben a Xunta ou non quere teletraballo ou non quere mobilidade nin concursos nin promocións internas, porque quen se mova non vai saír na foto do teletraballo.

 

Redución das xornadas de teletraballo con respecto ás actuais

Restrínxense as xornadas que se poden prestar nesta modalidade en relación á regulación actual pasando a ser a metade das xornadas laborais mensuais o que reduciría en cómputo semanal as xornadas de 3 a 2,5.

 

O 40%: Presente!

Outra limitación arbitraria, recurso da indolencia intelectual da Xunta é a de fixar como café para todos unha porcentaxe de presenza dos efectivos de cada unidade administrativa, neste caso do 40%. É o camiño máis cómodo en vez de analizar as necesidades de presenza do persoal en cada unha das unidades.

 

Día do contaxio

Establécese que un día de cada semana todo o cadro de persoal de cada unidade administrativa preste servizos de forma presencial simultaneamente. Se ben nunha situación de normalidade isto pode ser aceptable, na situación actual non parece unha grande idea e habería que contemplar a suspensión desta obriga nunha disposición transitoria.

 

A parsimonia coas solicitudes de teletraballo actualmente en trámite

Para as solicitudes presentadas este ano e que estean en trámite á entrada en vigor deste acordo, a Administración amplía o seu prazo outros 3 meses máis para resolver o que non foi capaz de resolver, polo que haberá persoas que teñan unha agardar de ata 6 meses para poder teletraballar.

 

Medios propios OU ata un ano para que che concedan o teletraballo

No caso de non utilizar medios propios hai que esperar a que AMTEGA os facilite. A pesar do que di a nova modificación do EBEP, a Xunta establece que a obrigatoriedade de facilitar os medios non vai ser efectiva ata que transcorra un ano dende a entrada en vigor, o que supón que se a persoa non ten os medios non poderá teletraballar.

 

E o dereito á desconexión dixital?

Como xa dixemos aquí, na modificación do teletraballo no EBEP asinada por CCOO, UGT e CSIF, un dos motivos da CIG para non asinala foi que moitas das nosas demandas se contemplaban na exposición de motivos pero non na parte dispositiva e polo tanto non obrigaban ás administracións. Unha delas era a desconexión dixital, e parece que desgraciadamente tiñamos razón. Para a Xunta o que está na exposición de motivos non existe e por isto non contempla este dereito.

 

Conclusións provisionais

Parece que moitas destas limitacións, como a incompatibilidade con algunhas flexibilidades horarias ou con concursos e promocións internas, parecen destinadas a impedir que o persoal que teletraballa non sexa a maioría que en principio se deduce.

A Administración segue a gardar un as na manga ao establecer as necesidades do servizo como guillotina das concesións do teletraballo.

Todo parece ralentizarse, danse un ano de vacatio da obriga de facilitar os medios e prorróganse o seu prazo para resolver as solicitudes en trámite 3 meses máis.

En definitiva, que o que nos presentan é un documento ambiguo, con algúns avances, pero tamén con retrocesos. Retrocesos con respecto ao teletraballo COVID, pero tamén con respecto á regulación anterior.

Non parecen entender que o teletraballo non só é un dereito senón un sistema eficaz para dar cumprimento aos cometidos das administracións públicas, unha ferramenta que pode permitir a unha administración afrontar retos como o presente ou futuros. A percepción da Xunta de que o teletraballo debe ser algo anecdótico, restrinxido a uns poucos e graciable na súa concesión, é o pasado. E na CIG apostamos polo futuro.

Outras novas recentes

Mércores, 15 Xaneiro 2025

Apertura do prazo de solicitude das listas para o desempeño transitorio de prazas do Servizo de Prevención de Incendios Forestais

Abren o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista para o nomeamento de persoal interino para o desempeño transitorio de postos reservados a funcionarios do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios...
Martes, 21 Xaneiro 2025

Comisión de seguimento do acordo de SPIF (17/01/25)

Na Xuntanza do 17 de xaneiro para o seguimento do acordo do SPIF a Consellería do Medio Rural ven de propor: Reagrupar as brigadas con 7 compoñentes e libranzas conxuntas (de maneira unilateral en contra da opinión das organizacións asistentes a reunión). A CIG mantense na postura inicial da proposta, de brigadas de 5 compoñentes (1 xefe/a de brigada e 4 bombeiros/as),...
Venres, 17 Xaneiro 2025

Non era necesario reclamar o grao I da carreira do ano 2019 antes do 17 de xaneiro

Ante as dúbidas que se suscitaron por unha campaña alentando a todas aquelas persoas ás que non lle concederan o grao I da carreira en 2019 a presentar unha reclamación previa, e logo de ser estudado o caso pola nosa asesoría concluímos que NON É NECESARIO PRESENTAR NINGUNHA RECLAMACIÓN. Se alguén presentou unha reclamación NON pasa nada, non sobra, pero vai ser...