Novas por contido

No Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e vivenda deron de prazo ata o 16 de outubro para aportar suxerencias formativas en materia de PRL.

O 29 de setembro tivemos reunión telemática do CSSL, sen posibilidade de que fose presencial (ante a queixa a Presidenta comprometeuse a dar a opción para o futuro). Se a isto sumámoslle a escasa orde do día sen documentación e a actitude relaxada da reunión telemática o que manifesta é unha clara falta de seriedade coa protección da seguridade e saúde do seu persoal.

Como punto ían as propostas formativas para o ano 2024 no que a Administración non fixo NINGUNHA PROPOSTA, ante o que esiximos que se nos dese un prazo para enviarlles as necesidades (ata o 16 de outubro) e denunciamos que esta consellería se caracteriza pola escasa formación que da o seu persoal.

E por iso, que dende a CIG, solicitamos a realización de convenios entre as Consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente e Mar para formación de materias que afectan ao persoal de campo de ambas e que non nos den prazas sobrantes “de caridade”. Tamén que as formacións foran descentralizadas, dun mínimo de 8 horas para poder ser valoradas en procesos selectivos e concursos e que foran avaladas pola EGAP, pero destacar que nestes asuntos obtivemos a calada por resposta.

O que si se aprobou foi a realización dun curso formativo de seguridade nos vehículos.

No apartado de Rogos e Preguntas a CIG fíxolle saber ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral da grave situación dos grupos electróxenos existentes nas instalacións das illas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas onde existen depósitos de combustibles de 5000 l, e xa non é a primera vez que existen incidentes con traballadores. Denunciamos o último incidente que puido ter consecuencias graves e que tivo lugar fai unhos meses na illa de Ons. Ademais lembrámoslle a Presidenta do Comité, que a Primeira Avaliación de Riscos e o Plan de Acción tivo lugar no ano 2016 onde xa se advirte deste risco e que aínda non se fixo nada ata o día de hoxe (7 anos despois); a Presidenta do comité dixo que non tiña constancia de ningún incidente, non obstante, comprometeuse a recopilar información e tratar de solucionar o problema.

Por un Comité de Seguridade e Saúde Laboral máis útil

Non admitimos que isto quede como unha reunión trimestal de mínimos legais, temos moito que tratar polo que instamos a unha nova convocatoria no que se resolvan asuntos demandados polo persoal como:

1.Cumprir coa ARL e crear dunha vez por todas a centraliña de recepción e avisos.

2. SIMULACRO DE ACCIDENTE xa que temos denuncias de que o botón de SOS das emisoras non funciona.

3. Revisión dos Plans de Accións das ARL. Esiximos que se cubra o Check list da propia avaliación para comprobar o cumprimento.

4. Linternas de calidade e botas (de monte) para realizar vixilancia, cousas simples nas que imos para atrás e que dificultan realizar o traballo habitual con seguridade.

Se queres facernos chegar algunha cuestión tanto en propostas formativa como por outras cuestións de saúde laboral ponte en contacto coa CIG.

A Dirección Xeral da Función Pública informounos que o vindeiro venres 6 de outubro publicarase no DOG a Resolución do 26 de setembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2022, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galiza.

É curioso como o director xeral entende a teoría da relatividade de Einstein. Nótase que a súa familia non depende da axuda do FAS 2022.

A Dirección Xeral da Función Pública informounos que o vindeiro 6 de outubro de 2023 publicarase no DOG a resolución do concurso de traslados das escalas superior e técnica de finanzas pola que se modifica a adxudicación (publicación das resultas) e se abre o prazo posesorio.

Non foi sen tempo...

O pasado 27 de setembro tivo lugar unha xuntanza da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos na que se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT de Política Social; 2) RPT de Cultura, Educación e Universidade. Dentro do punto de Rogos e preguntas tratamos os seguintes asuntos: autobaremación nos procesos de estabilización, adscricións e superiores categorías, procesos selectivos, carreira profesional e permiso paternal.

MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

A CIG manifestou o seguinte:

  • Falta do informe favorable da D.X. de Planificación e Orzamentos

  • A D.X. de Simplificación Administrativa indica que os postos: PS.C02.00.000.15770.057, PS.C02.00.000.15770.057, PS.C02.00.000.15770.066, PS.C02.00.000.15770.067, PS.C05.00.000.15770.051, PS.C05.00.002.15770.003, PS.C05.00.000.15770.055 e PS.C06.00.000.15770.030, non son amortizables. Contradí así o informe da D.X. de Función Pública. Nada podemos dicir do informe da D.X. de Planificación e Orzamentos pois non o temos. Ante estas disparidades solicitamos que se revise toda a información e se nos presente unha nova co mesmo criterio en todas eles.

  • Polo leído no informe emitido pola D.X. de Simplificación Administrativa, denunciamos a ocultación da documentación seguinte: anexo de equivalencias de persoal funcionario, e anexo de equivalencias de persoal laboral. En varias ocasións solicitamos nas mesas de negociación estes documento de traballo. Sempre se nos negou o acceso a eles, e agora dísenos que o 11/09/2023 xa existía dita documentación solicitada, pero non se nos remitiu para a reunión que tivemos coa consellería o 14/09/2023.

  • No punto 2.2 modificacións, rexeitamos a súa pretensión de apertura a A11 (estado e outras comunidades autónomas), de postos C2. Como alternativa, propomos que se oferten novamente en comisión de servizos ao persoal da Xunta e, se non se cubren, fagan chamamentos das listas de contratación temporal.

  • No punto 2.5, apertura do tipo de administración de varios postos, de xeral a xeral/especial, instamos a que o postos PSC991000036560480, coordinador/a equipo valoración dependencia xefatura territorial de Vigo, deberá continuar na Admón. Especial, EMS2/EMS3/EMS5/EMS6/ESS2/ESS3, para permitir a estas especialidades a súa promoción profesional.

  • Tras sinalar a creación dunha xefatura de sección N25, financiada coa amortización de dous postos de negociado, a motivación é a seguinte “viu incrementado considerablemente a súa carga de traballo, debido entre outras circunstancias á execución dos proxectos de mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) e á asunción ex novo da xestión do bono térmico, entre outras actuacións” .. “Para paliar a situación de sobrecarga de traballo...”

  • Rexeitamos esta argumentación, xa que se hai incremento de traballo haberá que dispoñer de máis efectivos e non sobrecargar a unha soa persoas. Tampouco nos serve que non hai demanda destes postos en comisión de servizos, polo que instamos o mantemento dos mesmos e o chamamento ás listas de contratación.

  • En canto ao posto base subgrupo C2, PSC030000015770035, e que está en comisión de servizos, opoñémonos á súa amortizacións, pois estamos creando RPTs “á carta”. Ademais a argumentación da creación de 3 postos de xefatura de negociado para a súa cobertura contradise coa argumentación do apartado anterior na que amortizan dúas xefatura de negociado.
  • Abráianos que nos postos abertos a LD apareza que poden ser ocupados por persoal laboral temporal. A norma di que poden ser ocupados por persoal funcionario de carreira e por correlación en tal caso debería ser persoal laboral fixo.

  • Manifestamos o noso desacordo con tódalas amortizacións que se presentan. Rexeitamos especialmente as amortizacións no centro de menores Avelino Montero, tendo en conta a gran inversión económica realizada no centro. A este respecto, denunciamos que están a derivar, de xeito malintencionado, os e as menores a centros privados para minorar a carga de traballo e así xustificar que non son necesarias as prazas. Esta consellería cada vez é máis política e menos social, deixando os servizos en mans privadas que buscan o lucro. Isto non é política social. Solicitamos dotar os servizos públicos do persoal necesario para dar unha atención de cualidade.

  • Solicitamos que se equiparen os salarios dos postos de traballo social dos Equipos de Valoración da Discapacidade, pois non se entende que os postos de Pontevedra, Ferrol e Compostela cobren menos que o resto, cando de persoal laboral si cobraban o mesmo.

  • Solicitamos que os postos de persoal fixos-descontinuo de Panxón e Carballiño pasen a postos de 12 meses para que o persoal fixo se podida funcionarizar.

  • Solicitamos a creación dunha praza de oficial 2ª de cociña na Residencia de Maiores de Marín e da Estrada, e cubrir a xa existente en Pontevedra para que sempre haxa un oficial en cada quenda.

  • Opoñémonos á transformación da xefatura de servizo de Protección de Menores de Concurso Especifico a LD, xa que as súas funcións dende o ano 2015 que aparecen no decreto de estrutura da consellería e ata o último decreto de estrutura, non foron modificadas. Xa que logo, non é de recibo que se pretenda cambiar a forma de proveer o posto. 

MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

Esta modificación da RPT aparenta ser boa. Ata a CIG podería estar a favor dela xa que crean 57 postos, moito máis que os 11 que amortizan. E a iso engadimos que entre as modificacións que meten, inclúen o cambio de tres postos de media xornada que pasan a xornada completa. Sumamos a iso que crearon 5 novos postos propostos pola CIG que non ían na proposta inicial.

Pero hai dúas cuestións nesta RPT coas que non podemos estar de acordo se non se lles da unha solución inmediata:

  1. De todos eses postos que se crean (57), en realidade uns 46 xa existen, xa están dotados e xa ocupados por persoal. A maioría (31) son persoal coidador, traballando dende setembro do 2022.

    Nós entendemos que a igual traballo igual salario. Pero este persoal leva un ano cobrando menos que o resto das súas compañeiras e compañeiros polo simple feito de que están fora da RPT.

    A maiores, ao comezo do presente curso creáronse outros 14 postos. Pero non lles da a gana de metelos na RPT. Queremos que se inclúan xa, nesta modificación, para que así poidan cobrar o salario completo dende a primeira nómina (que aínda non cobraron).

    Solicitamos polo tanto que se abonen ao persoal afectado os importes non percibidos dende que prestan servizos e si os novos postos non se inclúen xa na RPT que se lle abone o salario completo dende o comenzo da relación laboral.

  2. A outra cuestión ten que ver coa circular do 6 de xuño de 1994 (do século pasado), na que se establecen unhas ratios que a consellería emprega para determinar o persoal que se precisa. Circular imposta de xeito unilateral e sen negociación coas organizacións sindicais.

    Solicitamos, xa que logo, que se poña xa unha data para a apertura dunha mesa de negociación específica para adaptar as ratios á situación actual dos centros e as condicións do persoal.

    Tamén queremos que se estableza un prazo para negociar a ampliación das medias xornadas a completas (a maioría destas situacións danse en Educación, aínda que afecta tamén en menor medida a outras consellerías), tal e como se nos comentou na negociación da RPT de funcionarización do persoal de limpeza e cociña.

Para rematar, comentamos que tiñamos coñecemento dunha sentenza no CEE de Ferrol onde se lle recoñecen pluses ao persoal coidador. Non sabemos si puideron revisar este tema, si o fixeron e se a nosa información é correcta. En todo caso, solicitamos que se inclúa tamén nesta RPT e se estenda a todos os centros das mesmas características.

ROGOS E PREGUNTAS

Autobaremación dos procesos derivados da Lei 20/21: informa o DXFP de que querían ter publicado as autobaremacións conxuntamente coas notas dos exames de galego, pero tiveron problemas na elaboración das listaxes. Teñen previsto sacar esas autobaremacións antes deste venres 29 de setembro. Subliña que xa detectaron erros nos méritos declarados en bastantes autobaremacións.

Adscricións e superiores categorías: Función Pública non está a autorizar as peticións de adscricións e superiores categorías a prazas de persoal laboral do persoal laboral que ocupa prazas xa funcionarizadas. Pedimos explicacións. O DXFP non resposta, limítase a poñer verde á CIG.

Cronograma de tomas de posesión de procesos selectivos rematados ou case finalizados: enviaron o cronograma de datas de exames, pero solicitamos tamén os das tomas de posesión. O DXFP di que non van facer tal cousa, que xa irá transmitindo a información segundo proceda.

Toma de posesión de gardacostas: fai unha semana dixo que o miraría. Repreguntamos, e di que “está xa para saír a presentación de documentación”.

Estado do proceso selectivo de especialidade de seguridade no traballo (convocado fai máis de catro anos): non resposta.

Publicación de notas de exames feitos en xullo: di que como tiñan moitos procesos con segundo exame, corrixiron primeiro estes, e os do primeiro (coidadores, aux. clínica, subalternos), quedaron pendentes, pero que xa están rematando e pensa que nesta semana ou na seguinte publicarán as notas.

Carreira profesional: preguntamos que pasa coa carreira nos contratos de relevo por xubilación parcial do 75%. Non resposta.

Proceso selectivo PSX: queixámonos polos cambios de criterio do tribunal (na convocatoria eran 90 preguntas [60 xeral e 30 específica], en xaneiro mudaron a 80 preguntas [50 xeral, 30 específica], o 21/09/23 o tribunal di que son 30-50, ao revés). O DXFP di que había algo pendente de aclarar, e que volverá a preguntar.

Permiso paternal novo das 8 semanas para coidado de menores de oito anos: o DXFP di que é de difícil aplicación (a culpa é de Pedro Sánchez, dixit).

Convocatoria da Comisión Paritaria do V Convenio Colectivo: solicitamos unha vez máis a convocatoria da Paritaria. Di que convocarán en outubro.

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o venres 29/09/23, coa seguinte Orde do día:

1. RPT de Política Social. Descargar

2. RPT de Cultura, Educación e Universidades. Descargar

3. Modificacion da Orde que regula a flexibilidade por conciliación familiar. Descargar

A Dirección Xeral de Función Pública (DXFP) enviounos un borrador dunha Orde pola que regulan o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración Xeral da Comundiade Autónoma de Galiza e das súas entidades públicas instrumentais.

Os sindicatos temos de prazo ata o martes 3 de outubro para presentar alegacións. Se é do teu interese aportar algo, podes contactar coa CIG.

Previamente, os días 14 e 15 de setembro, o DXFP anunciara que este novo expediente "FIDES" ven a substituír ao actual Portax. Informou que comezarán co envorcado de datos priorizando os das persoas inmersas en procesos selectivos e recoñecen problemas en Medio Rural polas persoas fixas-descontinuas. Informou tamén que farán un manual e xornada de formación para o persoal dos servizos de persoal.

O martes 26 de setembro asistimos a unha xuntanza coa consellería de Sanidade para tratar unha proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo.

Antes de comezar explícannos que retiran da súa proposta o apartado c) “Cambio na apertura dos postos a diferentes corpos e escalas e adscrición de postos” da Subdirección de Servizos Sanitarios. Indican que o pospoñen isto para futuras modificacións da RPT porque non teñen a documentación ou maneira de comprobar administrativamente o traspaso da administración do Estado á Autonómica debido a que son prazas creadas hai máis de 30 anos. A maioría do persoal que ocupa as prazas está preto da xubilación. Queren agardar á xubilación dese persoal para pasar as prazas á Administración da Xunta de Galiza na escala correspondente.

A CIG manifestou:

  • Solicitamos que a memoria non sexa unha mera descrición senón que amplíen a explicación e os motivos das amortizacións, así como unha avaliación da carga de traballo.
  • Preguntamos polo cambio do código do posto de Xefatura de Negociado I.
  • Comentamos, a pesar da retirada do punto, que estamos de acordo co peche dos postos da Inspección de Servizos á Administración da Xunta pero esiximos que se faga o mesmo coas Xefaturas de Servizo. Solicitamos que este asunto non quede no esquecemento e se retome en próximas modificacións.
  • Estamos de acordo coa creación do novo posto de inspector/a na Coruña pero consideramos que tamén son necesarios noutras comarcas.
  • Por outra banda, e aínda que non é obxecto desta RPT xa que dependen de Saúde Pública, trasladamos a nosa queixa sobre a carga de traballo e a necesidade de ampliar o cadro de persoal dos FISP e eliminar as asistencias técnicas que contrataron a raíz da folga, como as de análises das augas de baño.
  • Comentamos que hai un erro no posto da Subdirección X. de Selección de Persoal (SA.S05.00.01.15770.015) que aparece na denominación como Xefatura de Sección III e no resumo como Xefatura de Sección II.
  • Por último, solicitamos explicación pola situación de estancamento e opacidade da Comisión de Seguimento das listas de substitucións das escalas sanitarias.

A Consellería resposta:

  • Toman nota das alegacións e van remitir unha nova memoria cos cambios e as explicacións. Tamén nos indican que teñen presa en pechar a negociación e solicitan as alegacións por escrito canto antes.
  • O cambio de posto do negociado débese a unha cuestión de orde na RPT. Ao aumentarlle o nivel pasan o código a 001.
  • Van valorar se é necesario crear máis postos de inspección de servizos noutras comarcas.
  • O tema dos FISP non é asunto desta RPT e non hai ninguén presente da Dirección Xeral de Saúde Pública. Aínda así toman nota das nosas alegacións.
  • Efectivamente é un erro a denominación das Xefaturas de Sección III e van corrixilo.
  • O tema das listas non depende da Consellería senón de Persoal do Sergas. Aínda así opinan que as deberían levar dende Función Pública co fin de evitar esta situación.
  • As xefaturas de Réxime Xurídico e Recursos e Reclamacións que se crean de nivel 28 na memoria, poñen cobertura mediante concurso ordinario, e din que é un erro xa que serán concurso específico.
  • Os postos de negociado de nova creación que se propón abrir ao C1, neste momento non poden facelo xa que se trata dunha modificación importante pero o ven factible nun futuro.
  • Explican que todos os postos que amortizan están vacantes o descubertos. Indican que a súa amortización se debe a dificultades na súa cobertura e, no caso do Técnico Sanitario, non se adecúa esa categoría ás funcións da inspección. A creación do posto da Xefatura Territorial da Coruña, con centro de destino en Servizos Centrais en Compostela, débese a que a área da Coruña abarca moito territorio e precisaban apoio.
  • Da DX de Recursos Humanos,
    • Explican que as tres xefaturas de sección débense á sobrecarga de traballo derivada da acumulación de procesos selectivos e ao Plan de Igualdade.
    • O cambio de denominación de posto débese a que só había unha xefatura de sección de selección de persoal e agora hai tres e hai que numeralas.
    • Nas xefaturas de Servizo que mudan o requisito de licenciatura/grao en Dereito por mérito, débese a que consideran que funcionarios/as doutras titulacións poden realizar as funcións propias dos postos e tamén porque non se esixe en corpos xerais unha titulación determinada.
    • Os postos que amortizan son todos vacantes e desocupados.
  • Na DX de Recursos Económicos, a modificación da denominación do posto de arquitecto superior e a súa apertura a enxeñería industrial débese ao aumento de carga de traballo e as funcións a desenvolver nas obras licitadas.

Desexabamos que o I Plan de Igualdade para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza trouxera avances en materia de conciliación familiar pero quedou nunha simple declaración de intencións que non achega nada novo. Ao igual que a Lei de impulso demográfico, coa que o goberno do PP nos encheu de propaganda da súa marabillosa receita para acabar co envellecemento poboacional, pero que segue sen desenvolverse a pesar de que o prazo máximo era dun ano dende a súa publicación o 2 de febreiro de 2021.

Así, na Galiza, a Xunta, que tería que ser referente para outras administracións e o sector privado en facilitar a conciliación para o fomento da natalidade e o benestar social das familias, o que fai é vender fume e nin sequera aplicar adecuadamente o que xa lexislaron no goberno do Estado Español e dende a Unión Europea.

A proposta da Administración autonómica en materia de flexibilización horaria

A Administración leva máis dun ano activando (xa van tres veces) e logo parando a negociación da Orde que regulará a flexibilidade por conciliación. A proposta que levaron á mesa de negociación limita o dereito de flexibilidade ao marcar prioridades e vinculalo ás necesidades do servizo. Débeselle “facer moito” permitir conciliar ao seu persoal. Nin sequera se propón ampliar ou dimensionar os cadros de persoal cando temos unha atención directa ao usuario/a ou buscar outras medidas organizativas.

E, que coa Lei de impulso demográfico, ampliaron a posibilidade de acollerse á flexibilidade por fillos/as menores de 18 anos, sorprendéndonos a todas, xa que levabamos anos a esixir pasar dos 12 actuais aos 14 anos (iso si, moitas das veces, e en moitas das consellerías, non dan a flexibilidade nin que sexan crianzas de dous anos). Pero A realidade é que, dous anos despois, aínda non se está aplicar e moitas familias de empregadas e empregados públicos comezaron o curso escolar 2023-2024 sen poder acollerse á flexibilización prometida.

Non é nada novo para o PP, facer campaña e propaganda cando só compilan medidas que xa estaban noutra lexislación, como queren facer na Lei de igualdade e na Lei de familias. Ao final, os datos dirán se medramos ou seguimos a decrecer demográficamente e como a pirámide poboacional crece invertida na Galiza.

En definitiva, non estamos a falar dun capricho individual para “funcionarios escaqueados” como nos queren vender, a conciliación familiar é un beneficio social que aumenta o benestar das familias e reduce o gasto público propio e dos servizos de atención social.

É unha cuestión fundamental para o desenvolvemento do país, para facer de ”punta de lanza” para outros sectores e, xa avisamos...

Na CIG non nos imos conformar cunha conciliación de rebaixas!

 

Defendemos que se amplíe o tempo de traballo ata 12 meses para todo o persoal e coa  maior seguridade xurídica

O 26 de setembro de 2023 tivo lugar unha segunda xuntanza do Comité Intercentros para tratar a ampliación do tempo de traballo do persoal do SPIF de 9 meses a 12 meses. Nesta reunión CIG e CSIF emitimos o voto favorable logo de que a administración confirmase a inclusión expresa do persoal temporal e indefinido non fixo e o carácter voluntario desta ampliación de tempo de traballo. CCOO e UGT xa o fixeron na xuntanza do pasado venres, xa que como é habitual, conformábanse co primeiro borrador que nos puxeron diante.

Aínda así, esta nova proposta da Administración segue a ser insuficiente porque queda pendente a cuestión fundamental da ampliación do tempo de traballo para o persoal de 6 meses. Tamén solicitamos a aplicación deste acordo ao persoal oficial de defensa contra incendios forestais (categoría a extinguir).

Por iso, e tendo en conta que houbo cambios substanciais respecto do primeiro borrador e que temos que impulsar a ampliación do tempo a 12 meses para que a Administración non teña escusas e siga a paralizar todo coa súa ineptitude, apretamos ata o final para que o texto fora o máis exhaustivo posible. Coa CIG seguimos na loita: agora tócalle ampliar ao persoal de 6 meses.

AVANTE COA CIG!

No DOG do 26/09/2023 publican a RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter definitivo que solicitaron a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <listas de contratacion>; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).

Nas devanditas listas figura a seguinte información:

– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, con indicación da puntuación definitiva resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.

– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes das solicitudes presentadas no prazo do 2023 nas listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes segundo o punto sétimo da dita resolución, con indicación da puntuación definitiva resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.

– Persoas excluídas ao abeiro da Resolución do 11 de outubro de 2021, con expresión da causa de exclusión.

As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

Outras novas recentes

Xoves, 31 Xullo 2025

RPT de Atriga, Facenda, C.Presidencia. RPT con cambios en admon. especial (para 01/08/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unhas xuntanzas que serán o día 1 de agosto, coa seguinte Orde do día: RPT DA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES Trátase dunha proposta de certa amplitude que foi tratada nunha xuntanza previa o día 11 de xullo. E agora, no mesmo día pretenden "negociar" en Mesa Sectorial de...
Luns, 04 Agosto 2025

Directora da EGAP no Consello Reitor: que fastío!

Como un cura que sermona á freguesía durante unha hora, así actúa a directora da EGAP nos consellos reitores. E como un cura iracundo coas ovellas descarriladas, deste xeito se comporta a directora coa representante da CIG por non darlle xabón e levármoslle a contraria. O mércores 30 de xullo tivo lugar unha xuntanza do órgano de goberno da EGAP, o Consello Reitor. Que...
Xoves, 31 Xullo 2025

Privatización do servizo de vixilancia de explotación de estradas

O pasado 10 de xuño, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) publicou na páxina de Contratos Públicos de Galiza a documentación relativa á contratación da conservación ordinaria e vialidade invernal das estradas dependentes da Xunta de Galicia. Nos pregos desta licitación figuran os requisitos e tipo de persoal con dedicación exclusiva que deben contratar as empresas...