Novas por contido
A Inspección de Traballo vén de efectuar un requirimento á Consellaría de Medio Rural en Ourense, polos incumprimentos en materia de prevención de riscos. A actuación inspectora produciuse logo dunha denuncia presentada pola CIG ante a actitude da consellaría, que ignorou as peticións e propostas da central sindical para que se cumprise a normativa.

A Inspección comprobou a inexistencia de Avaliación de Riscos Laborais e a conseguinte planificación da actividade preventiva nos cinco distritos forestais, o que representa un incumprimento grave da Lei de Prevención de Riscos, 18 anos despois de ser promulgada.

Ao tempo, a Inspección require a Medio Rural que realice a avaliación de todos os postos de traballo adscritos aos respectivos distritos, traballen dentro ou fóra das oficinas dos mesmos ou dos centros comarcais, aspecto este de vital importancia dado que a consellaría unicamente toma en consideración os postos do interior das oficinas, deixando ao persoal que realiza as funcións no monte sen avaliación e, polo tanto, sen planificación preventiva para o seu traballo.

Xunto a isto, realízase requirimento á Xefatura territorial de Medio Rural para a imposición de medidas correctoras de incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais no ámbito da Administración Xeral do Estado.

Prazo de dous meses

A Inspección de Traballo dá un prazo de dous meses, que remata na primeira quincena de febreiro, para que a consellaría realice as avaliacións e planifique a actividade preventiva. Porén, a estas alturas a CIG non ten constancia de que se estean corrixindo as deficiencias detectadas na actuación inspectora.

A CIG sinala que Medio Rural ten que cumprir a normativa legal e subsanar as medidas requiridas pola Inspección de Traballo, así como garantir a presenza de representantes sindicais nas respectivas avaliacións.

A CIG lamenta ademais que sexa precisamente a administración pública  a primeira en incumprir a lexislación en materia de prevención de riscos e en non velar pola seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores.

Outras novas recentes

Mércores, 25 Novembro 2026

Proba piloto de Avaliación de Desempeño: repetimos a chapuza dos tempos de Fraga?

Recibimos unha chamada do Sr. Barreiro, actual director xeral de Simplificación Administrativa e anterior de Función Pública, para informarnos que van facer unha proba piloto para experimentar coa futura avaliación do desempeño das persoas traballadoras da Administración Autonómica. Resulta que en Simplificación Administrativa tiveron a xenial e marabillosa idea de “elixir”...
Xoves, 19 Novembro 2026

Aplicación do Decreto 37/2006 e listas definitivas de PSX e xerocultura

No DOG do 19/11/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se dispón a aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na cobertura dos postos do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares...
Martes, 24 Novembro 2026

A Administración actúa como polo sen cabeza coas tomas de posesión

Por fin rematou a toma de posesión convocada no DOG do 11 de novembro de 2026, a toma de posesión en escalas de persoal funcionario que ía ocupar maioritariamente postos en centros de destino das Consellerías de Educación, Política Social, Medio Rural e Medio Ambiente. Podíamos imaxinarnos que nada ía saír ben tendo como referencia a toma de posesión convocada en agosto,...