Novas por contido

O luns 14 de marzo realizouse o acto de eleición de destino do persoal C1 cunha relación de prazas que deixarán contentos a moi poucos. Unha relación de prazas que de provisional a definitiva veuse reducida de 209 a 149, co consecuente cabreo da xente de libre.

Asegura Función Pública que non hai vacantes do concurso abondo, motivo polo que se ven obrigados a ofrecer postos de nivel, e case todas en servizos centrais.

As posturas son contrapostas: algúns dos que van escoller primeiro están encantados, pois teñen ante si a oportunidade de aterrar cun nivel que outros inda non conseguiron tras décadas de antiguidade; a maioría dos que escollen están mosqueados, porque ven que teñen nulas opcións ás localidades que lles interesa; e o persoal funcionario con antigüidade está que ferve, porque persoal de novo ingreso vai optar a niveis que por concurso son imposibeis até que estean a piques de xubilarse.


A postura teorica da CIG, defendida de sempre para todos os subgrupos, é a seguinte:

  • O destino debe ser definitivo, pois o provisional pode chegar a que por un mesmo posto pasen até tres persoas en poucos meses, co que esto supón de incomodidade para as persoas e para o funcionamento dos servizos.
  • Ofertar so postos que previamente fosen ofertados nos concursos de traslados. Aquí excluiriamos as prazas de resultas da fase de resultas, pois o persoal de concurso NUNCA tivo opción a solicitalos. Tan só aceptamos que ofrezan postos que non pasasen polo concurso se o destino é provisional.
  • En ningún caso ofertar postos de nivel, pois para a CIG, a antigüidade é un criterio fundamental nas promocións internas e nos concursos de traslados.


Esta é a teoría, pero a practica nos sobrepasa: que facer cando non existen postos vacantes do concurso e de nivel base abondos para as eleicións de destino?

A CIG enviou escrito e falou co Director Xeral da Función Pública solicitando:

  • A suspensión do acto de eleición de destino durante unas semanas para procurar unha solución.
  • Como mal menor, ofrecer postos vacantes da fase de resultas, pero sempre de nivel base.
  • VALORAR a recualificación de postos vacantes de C2. Este sería o caso dos postos C2 de institutos, que por teren xa nivel 14, que é o base do C1, suporía un incremento de orzamentos cativo. Falamos de postos vacantes, postos sen titular, que pasarian de C2-14 a C1/C2-14 e, xa que logo, subsceptibeis de seren ocupados tanto por C1 como por C2.


Para acto de eleición de destino de hoxe, e sen tempo de reacción, a CIG convocou unha asembleia de urxencia unha hora antes. O número de asistentes foi duns 30 e decidimos tentar falar cos responsabeis de Función Pública para solicitar a subspensión do acto. Resulta que o Director Xeral estaba ausente (sería casualidade?), e a subdirectora responsábel estaba xa no salón de actos (rematando coa eleición de destinos de C2). Foi imposíbel acceder ao salón, defendido pola policía, e tan so houbo opción de ter unha conversa coa subdirectora quen se negou a suspender o acto.

En definitiva, temos que:

  • Algúns van ficar contentos por entrar na administración pola porta grande, en postos de niveis que custan anos e anos a outros.
  • A maioría dos de novo ingreso ven que non hai prazas na sua localidade.
  • O persoal veterano cabreado polo nulo interese da nosa empresa na promoción dos seus empregados e empregadas.


Desde a CIG-Autonómica vemos estos vaivéns na postura da Función Pública como a consecuencia das presas por colocar a todas as persoas no seu sitio, unhas presas que non existían o ano pasado cando se desenvolvían os procesos selectivos e se resolvía lentamente o concurso de traslados; unhas presas que traerán as súas consecuencias. Agora xa poucas opcións quedan. Vamos poñer esto en mans da asesoría xurídica da CIG, por se houbese algo que tumbar pola via xudicial.


(Relación de postos que fican vacantes trala eleición de destino de C1: 49, 52, 81, 82, 87, 88, 90, 94, 108, 109, 129, 136, 137, 138. Todos eles de nivel 14, pois todos os 41 postos de nivel 16 ofertados, foron collidos)

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...
Martes, 04 Agosto 2026

Que vaia facendo balance quen asinou este simulacro de plan de igualdade!

A CIG reclama o rexistro retributivo, imprescindíbel para analizar a fenda retributiva entre mulleres e homes.No mes de xuño a CIG solicitou o rexistro retributivo do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma do ámbito subxectivo do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, que afecta a máis de 26.000 persoas.A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal...
Mércores, 05 Agosto 2026

Xuntanza informativa sobre as eleccións de destino (05/08/26)

Nesta xuntanza comunicáronsenos as datas relevantes de resolucións de adxudicacións de destino, cesamentos, incorporacións, tomas de posesión e outras informacións sobre escolas infantís (A2 e C1), persoal auxiliar coidador, escalas sociosanitarias, e outros asuntos (comisións de servizo, conciliación, adaptacións de postos, prestacións por embarazo e COMEs).
 
Na reunión...