Novas por contido

Estas propostas forman parte da campaña da CIG «Por unha EGAP transparente e en galego». A recada foi posible grazas ás abondosas contribucións do persoal desta Administración, que demanda non só o incremento substancial da cantidade de cursos, que permita un acceso máis doado e xusto, senón tamén a total transparencia na selección do persoal formador, como garante dunha maior calidade da formación recibida.

O sistema obsoleto e opaco de xestión da formación da EGAP

A EGAP teima a día de hoxe en manter un sistema de xestión da formación caracterizado pola nula transparencia, a selección discrecional de persoal formador (persoal titor, persoal xestor, persoal director, persoal coordinador, etc.), moito del empregado público, para o cal Emprego Público quere que esta segunda actividade constitúa un mérito, para os efectos, por exemplo, dos concursos. Non obstante, esta é unha actividade profesional caracterizada pola inexistencia de convocatorias de selección e baremos públicos. Tampouco sabemos a día de hoxe, en pleno século XXI, cal é a puntuación obtida polas persoas solicitantes de formación, desagregada segundo os criterios de selección aplicados en cada caso, porque a EGAP non fornece esta información ano tras ano.

A CIG pide cambios substanciais, a elaboración participativa da programación formativa e máis e mellor formación

Mentres na programación anual se repiten determinadas constantes, como é a sucesión dos mesmos cursos impartidos sempre polas mesmas persoas ―moitas delas cargos da Xunta, e outras moitas pertencentes a empresas privadas―, constatamos que non se diversifican as temáticas e especialidades dos cursos para atender a todas as necesidades do persoal `por igual, deixando fóra da formación a moitos e moitas das nosas profesionais.

Por estes motivos, un ano máis, a CIG pide cambios substanciais na xestión e na atención ás necesidades de formación. Entre estes cambios está unha viraxe obrigada de 360º cara á transparencia, como garante dunha maior calidade das actuacións formativas; e unha programación da formación participativa e que sitúe no centro as necesidades das persoas empregadas públicas, cunha oferta considerablemente maior e máis diversa que responda, verdadeiramente, á demanda existente.

Plans de formación específicos para o SPIF, para a promoción interna, para o galego e outras linguas e para a igualdade 

Capítulo á parte merece a demanda de formación do SPIF. Ao igual que fixemos en anos anteriores, solicitamos que a EGAP dote o plan de formación anual dun plan específico para o SPIF, indispensable sempre, e con máis motivo aínda ante un escenario de lumes extremos como os vividos este verán. O plan que achegamos ampliouse para recoller innumerábeis necesidades non satisfeitas até o de agora.

Outro punto candente é a enorme demanda de formación en lingua galega, que ano tras ano a EGAP ignora, ao programar unha oferta manifestamente insuficiente, e que non responde, nin de lonxe, as necesidades existentes. Como vimos denunciando, isto constitúe unha deixación de funcións da EGAP, que non cumpre cos fins para os que foi creada, feito que leva moitos anos tendo un efecto desgaleguizador moi grande. A súa obriga legal é  adoptar medidas de fomento do galego na formación e a docencia e no resto de esferas da súa actividade (edición, adquisición de fondos da biblioteca, premios, convenios e contratos, etc.) e da propia Administración.

Non esquecemos a necesidade de dispoñer dun plan propio para a promoción interna. Incluímos de novo, como vimos facendo dende hai anos, un plan de formación avanzado, técnico e amplo en lingua e cultura galegas, en portugués e na Lusofonía; volvemos engadir un plan de linguas cooficiais e de linguas da UE diversificado e con niveis de competencia acordes á demanda, e tamén un plan de linguas internacionais; todos os cales deben contar coa formación para a preparación de probas oficiais de nivel. A eles engádese un programa específico para profesionais da linguaxe de signos. Tamén se propoñen un plan formativo en materia de igualdade entre mulleres e homes ampliado, e outro en materia de LGTBIQ+. 

Completan a proposta innumerábeis temáticas, como a IA, as institucións sociosanitarias, a fisioterapia, o traballo social, a saúde pública, os museos, as obras e edificacións, a PRL e os primeiros auxilios, a cociña, a condución, a protección do patrimonio natural, a I+D+i, a saúde pública, a sanidade vexetal ou os informes técnicos

Non faltan os eidos nos que o persoal ten especial inquedanza, como as aplicacións prácticas da intelixencia artificial e TIC no día a día da Administración, dende o traballo de oficina e tramitación electrónica, ao traballo de campo ou a cociña; así como a protección de datos e seguridade da información; a loita antifraude e a transparencia; ou o estrés laboral, a prevención de riscos e os primeiros auxilios aplicados a distintos sectores de actividade. Por outra banda, demandamos formación na lexislación específica de cada consellaría ou entidade, sen esquecer as propostas do eido do traballo social, a elaboración de informes técnicos, a I+D+i, as emerxencias, a condución, a conservación do patrimonio e a recuperación de fauna silvestre, a cociña, a fisioterapia, as institucións culturais, as institucións sociosanitarias (centros de maiores, centros de día, centros de menores, centros de persoas con discapacidade e dependencia, centros de educación infantil, centros de educación especial e ordinaria, etc.), a saúde pública, a sanidade vexetal, as obras e edificacións, e un longo etcétera.

Non imos parar até conseguir cambios e melloras substanciais para todas e todos! «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO»!

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Luns, 07 Setembro 2026

Mesa sectorial de funcionarios/as (04/09/2026): modificación RPT, datas actos de elección pendentes, PI23, escolas infantís, PND

Na MSF trouxeron a proposta da modificación da RPT Administración Xeral da Comunidade Autónoma na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na que se amortizan dous postos para crear outros dous. Dende a CIG non estamos de acordo coas amortizacións pero o que ademais lle fixemos saber á DXEP é que estas presas débense...
Venres, 04 Setembro 2026

A Consellería do Medio Rural coloca adhesivos nas motobombas “Prohibido subir á parte superior agás persoal autorizado con equipo anticaida"

O que non resulta admisible é establecer unha norma de seguridade sen dotar previamente os vehículos e o persoal dos medios necesarios para poder cumprila. Hai que  cumprir a norma SI, pero co material adecuado: 1. Real Decreto 1215/1997 • Art. 2: definición de equipo de traballo. • Anexo I, apartado 1.6: risco de caída superior a 2 m → varanda ou protección colectiva...
Mércores, 02 Setembro 2026

Carné de conducir + Persoal auxliar coidador

Chegounos información nestes días, de que persoal auxiliar coidador estaba a recibir un correo electrónico do Servizo de Selección de Persoal (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal), no que se lle informaba de que "para os efectos de acreditar estar en posesión do carné de conducir tipo B que se precisa para desenvolver determinados postos da escala...