Novas por contido

O Goberno central vén de trasladarlles ás organizacións sindicais un proxecto de Real decreto que dá entrada ás empresas de traballo temporal na Administración. O ámbito do dito Real decreto atinxe as Administracións Públicas e as Entidades de Dereito público que sexan dependentes, así como o resto de Entidades, Corporacións de Dereito Público, Fundacións e Consorcios.

As actividades para as que as Administracións Públicas poderán recorrer ás empresas de traballo temporal (ETT) son as seguintes:

a)     Actuaciones puntuais de conservación de edificios

b)     Mantemento e reparación de maquinaria e equipos

c)      Obtención de datos para a elaboración estudos e enquisas da opinión pública

d)     Transporte, porteo e análogos

Non está previsto, xa que logo,  que se poida recorrer a este tipo de contratos para actividades propias de persoal funcionario. Porén, hai persoal laboral da Xunta que realiza estas actividades como persoal laboral fixo e listas de substitucións do decreto 37/2010 que contemplan estas categorías (mantemento, enquisador, etc.).

En calquera caso, V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta, asinado pola CIG e UGT, no seu artigo 7.5.b.1, mantén a prohibición expresa de que a Xunta contrate a través de ETT. Xa que o borrador deste Real decreto estabelece o recurso ás ETT con carácter potestativo, desde a CIG non imos permitir que a Xunta rompa o pactado en Convenio.

Por outro lado, desde a CIG non admitiremos que o traballo a través de ETT poida constituír un mérito para o acceso a postos de traballo na Administración de carácter temporal a través das listas de substitucións.

Outra consecuencia de enorme gravidade que desde a CIG consideramos con preocupación vai ser a previsible escalada de demandas por cesión ilegal de traballadores contratados a través das ETT, que como é sabido rematarán en sentenzas de indefinición laboral, coa conseguinte desnaturalización do sistema de acceso á Función Pública.

A pesar des que no proxecto de Real decreto a entrada de  ETT está limitada a uns casos concretos, cómpre ter en conta así mesmo a  posibilidade de ampliar estes supostos nos vindeiros anos. Até o de agora, as actividades nas que a Administración Pública tiña permitida a contratación a través de ETT cinguíanse unicamente á realización de enquisas, á toma de mostraxes e a servizos de carácter estatístico.

Máis recortes na Administración

Ao mesmo tempo que se traslada o proxecto de Real decreto aos sindicatos,   Administración vén de pór formalmente en marcha o Observatorio do Emprego Público. Un organismo creado para estudar as condicións do persoal da administración e avaliar as necesidades humanas da mesma.

Desde a CIG cuestionamos a creación deste Observatorio ao mesmo tempo que se abre camiño á entrada  das ETT na Administración, e precisamente nun momento no que se teñen producido importantes recortes nas diferentes administracións públicas, tanto a nivel de rebaixas salariais como a través da taxa de reposición de efectivos, actualmente fixada no 10% (é dicir de cada 100 funcionarios/as que se xubilen ou causen baixa só serán reemprazados 10), da prohibición de xeito expreso da cobertura de baixas, da conxelación da oferta de emprego público, e da privatización a pasos axigantados de múltiples servizos.

O obxectivo de todas estas medidas é desvalorizar os servizos públicos e instalar na cidadanía a idea de que funcionan mellor cando se privatizan. E con este horizonte estanse reducindo prestacións e convertendo en deficitarios os servizos públicos esenciais. Paradoxalmente, coa entrada das ETT estase a facilitar o lucro ás grandes empresas privadas a través da xestión de servizos públicos.

Desde a CIG-Autonómica, demandámoslle ao Goberno galego que actúe con responsabilidade e que non dea entrada ás ETT na Xunta, respectándose  a prohibición destas no ámbito da Administración autonómica, tal e como se recolle no V Convenio Colectivo Único asinado pola CIG e UGT.


Premer aquí para descargar o proxecto do Real decreto regulador das ETTs na Administración Pública

Outras novas recentes

Xoves, 26 Febreiro 2026

Información listas de contratación: apertura, peche e novas (DOG)

Este venres publicarase no Diario Oficial de Galiza (DOG) a resolución para a apertura do prazo de novas inscricións para as listas de contratación temporal da Xunta de Galiza. Segundo a información adiantada, prevese a apertura dun gran número de categorías. A actualización de datos do Consorcio presenta actualmente un atraso significativo. Para solventar esta situación,...
Mércores, 18 Febreiro 2026

EGAP: convocatoria de actividades de formación contínua

No DOG do 18/02/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2026 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta...
Xoves, 19 Febreiro 2026

Convocatorias de concursos de traslados: expertas lingüístas e escala técnica de estatística

No DOG do 19/02/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se convoca o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de expertos/as...