Novas por contido

A CIG presenta achegas ao borrador de Real Decreto que desenvolve a Lei básica de bombeiros forestais en materia de prevención incidindo, entre outras cuestións, na limitación da xornada máxima, a formación previa, a obrigatoriedade de investigar os accidentes, na inclusión de todas as actividades onde estea presente o lume e o estudo, XA, das enfermidades profesionais.  

O borrador de Real Decreto polo que se desenvolve a disposición final primeira da Lei 5/2024, de 8 de novembro, básica de bombeiros forestais obriga á prevención de riscos laborais dentro dos incendios forestais. En xeral valoramos positivamente o texto de borrador que nos remitiu o Goberno. Imos poñer o maior empeño en sacar para adiante un texto que responda ás necesidades do noso persoal, como así llo fixemos saber. Pero aínda así faltan cousas e temos que destacar que a modificación do RD 1561/1995 de xornadas especiais de traballo co que pretenden ampliar a xornada máxima de 12 a 14 horas, non é algo correcto. 

 

Que vai regular este Real Decreto?

 As cuestións que afectan aos riscos para a seguridade e saúde das tarefas de extinción de lumes. 

 

Que di o borrador? 

  • Afecta unicamente a bombeiros/as forestais cando realicen actividades de extinción dentro dun incendio forestal.
  • Modifica o RD 1561/1995 sobre xornadas especiais de traballo co que meten a burrada de permitir ampliar a xornada máxima ordinaria de 12 a 14h cada 24h (durante a extinción dun incendio forestal, causas de forza maior excepcionais e xustificadas). Como positivo o descanso de 12h entre xornadas e que os desprazamentos, as pausas e descansos e o tempo de retirada dos EPIS e materiais empregados para o traballo son tempo de traballo.
  • Crean un novo artigo co que limitan o tempo de traballo dentro dos lumes e sinalan pausas na actividade: 8 horas máximo/día cun descanso de 15 minutos por cada hora de traballo, que se reducirán a 6 no caso de fenómenos meteorolóxicos adversos de nivel laranxa ou vermello (AEMET ou Meteogalicia) 
  • Obriga á Xunta a facer as avaliacións de riscos laborais das actividades dentro dos incendios.
  • Dentro das medidas preventivas obriga a ter ben dimensionado o cadro persoal ao igual que os tempos de traballo e as pausas, os EPIs, os procedementos de traballo seguros etc. 
  • A Xunta será a responsable da retirada e entrega para limpeza e descontaminación dos EPIs que teremos que ter en número suficiente e limpos ao comezar a xornada (queda prohibido lavalos na casa) e terá que ter os repostos necesarios.
  • Dereito a o avituallamento e a unhas bases adecuadas, con zonas de recuperación e aseo. 
  • Deberá formar e informar aos bombeiros/as forestais sobre os riscos e medidas preventivas deste RD e os sinala especificamente por bloques.
  • Teñen que elaborar, implantar e comprobar ás medidas de emerxencias nos  incendios forestais (ata agora so o facían nos centros de traballo -oficinas-)
  • Recoñecementos médicos anuais obrigatorios e específicos. 
  • As administracións terán que coordinar as actividades empresarias e verificar que cumplen estas normas tamén no caso de subcontratas e empresas auxiliares. 
  • Crean a figura de vixiante de seguridade e saúde designado/a entre o persoal bombeiro de cada unidade operativa básica.

 

Que NON di, o que lle falta ou o que hai que corrixir… 

  • Opoñémonos ás 14 horas. A xornada máxima ordinaria de traballo debera ser de 10 horas ampliable a 12 horas en situacións de causa maior, excepcionais e xustificadas.
  • Sinalar a obrigatoriedade da formación previa, en tempo de traballo e a definición das horas mínimas necesarias por bloque.
  • Que se inclúan todas as actividades nas que se usa o lume (queimas controladas, ou as de extinción que están fora do limite do incendio forestal) e as tarefas posteriores a declaración de extinción dun incendio pero nas que seguimos en contacto con tóxicos e risco.  
  • A definición específica da necesidade do estudo de enfermidades e danos pola exposición repetida aos riscos nos incendios forestais, como trastornos musculoesqueléticos ou enfermidades consecuencia ou agravadas pola inhalación de fumes e exposición repetida a tóxicos.
  • Un artigo que sinale a obrigatoriedade de investigar os accidentes e incidentes laborais e o establecemento de medidas correctoras. Incluídos os incidentes nos que non houbo danos pero con risco para a seguridade e saúde laboral, como por exemplo os atrapamentos nun incendio forestal.  
  • Referencia ás probas psicofísicas previas adaptadas ao tipo de posto/actividade e aos diferentes sexos. 
  • A perspectiva de xénero está ausente en todo o documento, dende a vixilancia saúde específica xa que a exposición a tóxicos e máis lesiva nas mulleres por exemplo, linguaxe inclusiva, medidas para compensar a infrarrepresentación de mulleres, etc.

 

Esta norma ten que servir para avanzar e non para limitar dereitos, por iso e polo RESPECTO a todo o persoal bombeiro forestal dende a CIG animámosvos a acudir á manifestación, convocada pola PASF na que participa a CIG, en Madrid este sábado 18 de outubro. 

Estamos a organizar autobuses para acudir a mobilización, contacta coa CIG. 

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...