Novas por contido

Na Mesa Xeral do venres 25 de marzo tratáronse os seguintes temas:

Criterios xerais para a OEP 2011:

A Administración nos presenta un texto cos criterios xerais, pero sen o anexo de prazas que se van convocar. Segundo informaron, se nos facilitará o luns 28. Rexeitamos este proceder de Función Pública, xa que non houbo información previa nin negociacións.


Nos informan que a OEP 2011 será de ao redor de 150 prazas e que o luns informarán máis polo miúdo. Destas 150 prazas, 96 serán para a promoción interna derivadas da non cobertura nos procesos de promoción interna da OEP 2008, 15 serían prazas da Escala Superior de Informática, e habería  24 prazas derivadas de sentenzas de indefinición laboral.


A CIG considera que esta OEP é ridícula, tanto para a promoción interna dos Corpos Xerais como para os Especiais, e que ven imposta por criterios políticos de cara a intentar comunicar á cidadanía que están a seguir unha política de austeridade reducindo persoal, frente a calquer criterio técnico en xestión de RRHH, sendo isto mentira cando están medrando o número de asistencias técnicas, de contratacións externas incluso para traballos administrativos e engordando a Administración Paralela.

A CIG esíxelle a Función Pública que inclúa nesta OEP todas as prazas que en convocatorias anteriores non se cubriron por aprobar menos opositores que prazas, tal e como fixan as convocatorias deses procesos, e non só as do C2.

Así mesmo, a CIG esíxelle a Función Pública que non volvan a excluír ao persoal das Escalas da promoción interna. Na OEP do 2009 loitamos por conseguir que a promoción interna puidese ser cruzada xa que os funcionarios dos corpos xerais poden facelo. Despois de conseguilo isto é un paso atrás e un agravio comparativo con respecto funcionarios/as.

Preguntamos se se vai acumular esta oferta á do 2009 e nos din que non, que no 1º semestre deste ano se convocarán os procesos selectivos da OEP 2009 e no 2012 se convocarán os da OEP 2011.

Solicitamos que se volva a contemplar o dereito a conservar o exame aprobado de cara a estar exentos da realización dalgún dos exercizos da seguinte convocatoria, algo que viña contemplado no decreto da OEP do 2009 e que nesta o deixan de xeito que potestativamente o poderán recoller as convocatorias.

Solicitamos que se poña en marcha a promoción por consolidación de grao contemplada na OEP do 2008 para o subgrupo C1. Función Pública di que se porá en marcha este ano.

Intruccións dos tribunais:

Informaron que rexerán para os novos procesos selectivos.

Concurso Corpos Especiais e Escalas:

Manteñen as datas previstas.

Concurso Corpos Xerais:

Función Pública anuncia un novo concurso antes do verán con 500 ou 700 prazas.

Concurso de persoal laboral:

Convocarase a semana que vén e incluirá as 146 prazas do SPDCIF, das cales 104 levarán unha observación de estar pendentes dun proceso de reorganización.

Proposta de modificación do Decreto 144/2001, de 7 xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

A CIG reitérase nas súas alegacións presentadas en novembro e di que o borrador que nos presentan é igual ao presentado hai 6 meses sen recoller ningunha das nosas alegacións.

Con esta proposta de modificación se perde a oportunidade de facer unha máis ampla onde se recollan idénticas indemnizacións para todos os subgrupos.

Reclamamos unha actualización das axudas de custo tendo en conta a variación do IPC dende o último ano que se revisaron. É alarmante que os funcionarios que están obrigados a utilizar vehículo propio para realizar o seu traballo vexan como sube o IPC e o prezo dos carburantes manténdose o mesmo importe das axudas.

En relación ao nomeamento de persoal que realiza tarefas de auxilio dos procesos selectivos a CIG solicita que se faga por sorteo entre todo o persoal da Xunta de Galicia que voluntariamente o solicite, dándolle a oportuna publicidade tanto á convocatoria das listas como as persoas que resulten seleccionadas.

Respecto ás labores de auxilio aos tribunais da Consellaría de Educación parécenos un insulto que se pretenda que os subalternos dos centros de ensino teñan que colaborar obrigatoriamente a cambio de 25 euros brutos ao día. Propoñemos que a participación destes funcionarios que atenden os centros sexa voluntaria e que a contía sexa idéntica á de quen participa noutros procesos selectivos: 100 euros en quenda de mañán e 180 euros en quenda de mañán e tarde tendo en conta que as oposicións de persoal docente se realizan en período non lectivo.

Proposta de temario do subgrupo A1 Informática.

Consideramos que a proposta de temario é relativamente axeitada aínda que bastante ampla. Facemos as seguintes alegacións:

No bloque de ARQUITECTURA DOS SISTEMA DE INFORMACIÓN creemos que se deben coñecer as arquitecturas web pero non saber desenvolver contornos específicos como .NET e J2EE. Isto é excesivo e máis cando son fabricantes con nomes e apelidos (o primeiro con licenza de pago) (Temas 40 e 41)

No tema 42 solicitamos que se retire struts.

Os temas 63 e 64 son esaxerados para un temario de enxeñeiros informáticos. Son propios dun temario de enxeñeiros de telecomunicacións, a non ser que a Administración pretenda facer un corpo híbrido.

Solicitamos que se retire INFORMIX e ORACLE como bases de datos, a primeira porque  está en desuso e é moi concreta e a segunda porque é outro fabricante con nomes e apelido e con licencia moi caras.

Rogos e preguntas

-Preguntamos a Función Pública cando se vai abrir a Mesa de Negociación para a Promoción do grupo E contemplada no Acordo de Mellora de Emprego de 2008. Levamos facendo esta pregunta en innumerábeis ocasións sen que a Administración nos de unha resposta. Seguimos sin ela.

-Demandámoslle á Consellería de Educación que tome medidas coa xefa territorial da Coruña en relación  á súa forma de obrar no colexio "O Mosteirón" de Sada (A Coruña). Non se pode ir a un centro amenazando ás funcionarias dese centro que ou asumen tarefas que deixa de facer unha empresa privada ou lles amortiza a praza e darlles un prazo de 24 horas para que decidan a que IES queren relocalizadas. Desde a CIG rexeitamos esta forma de conducirse en base a ameazas e imposicións por parte da Xefatura Territorial.

-Preguntamos que vai pasar cos postos e co persoal da antiga Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, unha vez extinta e transformada na DX do Libro, Arquivos e Bibliotecas. Os funcionarios e funcionarias desta DX nas delegacións territoriais mostran a súa inquedanza xa que a Consellaría non da ningunha explicación. A Consellaría  de Cultura non manda ningún representante á Mesa Xeral polo que non se nos da resposta.

-Chiringuitos da CMATI: Esta consellería está a facer un esforzo por situar as súas estructuras fóra da órbita da Administración Xeral. Este mesmo día houbo dúas xuntanzas para negociar os Estatutos da Axencia Galega de Infraestruturas e de Augas de Galiza, que tamén se vai transformar en Axencia.

Mentres no primeiro caso a CMATI aceptou as reivindicacións da CIG renunciando á potestade que lle da a LOFAXGA de ter persoal propio e tamén renunciou a fixar os criterios de selección e a organizar os procesos selectivos, solicitamos na Mesa Xeral que se lle marquen directrices a Augas de Galicia para que faga o mesmo, xa que na proposta de Estatutos seguen a contemplar a existencia de persoal propio o que vai dar lugar a unha precarización do emprego público é a posibilidade de casos de clientelismo e nepotismo.

Outras novas recentes

Venres, 10 Xullo 2026

Listaxes provisionais de axudas aprobadas do Fondo de Acción Social

No DOG do 10/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Fan...
Venres, 10 Xullo 2026

Modificacións das RPTs do Medio Rural e de Presidencia, Xustiza e Deportes (CP 10/07/2026)

Na modificación da RPT do Medio Rural os postos creados son insuficientes e non prevalece o sistema ordinario de provisión de postos, aínda que se incluíu o posto no acordo do SPIF. Canto á RPT de Presidencia, Xustiza e Deportes, non tiveron en conta o incremeto de media hora en todos os postos de persoal limpador, non aceptaron o aumento do complemento específico dun posto...
Sábado, 04 Xullo 2026

Carreira profesional e concursos F0425, F0326 e F0525 (CP 03/07/2026)

Na rolda de intervencións da Comisión de Persoal do venres 3 de xullo preguntamos polas solicitudes da carreira pendentes de resolución, así como pola concreción de datas das distintas fases dos concursos F0425, F0326 e F0525.  Resolucións pendentes da carreira profesional  Preguntamos pola situación na que está a tramitación das solicitudes, dado que nos consta que a día...