Novas por contido

Reclamamos que a conselleira de Medio Ambiente negocie xa, nas mesas, a mellora das condicións laborais cun acordo marco que abranga  todo o persoal axente ambiental
 
A CIG considera positivo que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático dote de formación e medios especializados o persoal axente ambiental  da nova Unidade de Investigación de Conservación da Natureza (UICON), pero critica que a presentación desa unidade se empregue para proxectar unha imaxe de excelencia mentres se mantén abandonada a negociación das condicións de traballo do conxunto da escala.

A UICON está integrada actualmente por oito axentes e a propia Xunta salienta a súa formación especializada e capacidade de resposta rápida. Mais parte destas funcións poderían ser desenvolvidas polo conxunto de axentes ambientais se a Administración fornecese formación, medios e unha organización axeitada do servizo.

Na CIG achamos que a unidade e a especialización, así como o apoio ao persoal axente ambiental dos distritos, son fundamentais,  pero advertimos de que, para non quedármonos en pura propaganda, teñen claramente que reforzar a unidade e ao resto do persoal dotalo tamén de máis medios e formación, así como avanzar cara á mellora dos dereitos laborais. 

Isto é o que vén demandando a CIG, mais a realidade é que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático non volveu reunir a representación do persoal dende setembro de 2025, cando quedaron pendentes cuestións fundamentais como o plan formativo, a adaptación das quendas, os medios para actuar en emerxencias, os EPIs, as emisoras compatíbeis interconectadas co Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) e co 112 e a negociación do regulamento de funcións.

Afondando na división da escala

Ao mesmo tempo, dende a CIG sinalamos que Medio Rural asinou este verán un preacordo que introduce subas de nivel para parte do persoal axente do SPIF, mais que afonda na división da escala e alonga até 2029 a negociación das melloras das condicións de traballo do —seu— persoal axente, como a orde de horarios.

Fronte a isto, defendemos unha escala unida e en igualdade de dereitos, xa que as funcións e responsabilidades do persoal axente ambiental non pode depender da consellaría na que estea destinado nin da unidade á que pertenza. Neste senso, lembramos que a Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais establece un marco común para o exercicio das súas funcións, entre as que están as de policía, custodia e vixilancia do medio natural, con independencia da Administración da que dependan. 

Por iso na CIG concluímos que non se pode empregar ao persoal axente ambiental para facer propaganda mediante unidades de elite mentres se deixa sen resolver a situación destas —non teñen negociadas as dúas condicións específicas— e a do resto do persoal da escala. A protección do patrimonio natural precisa de unidades especializadas, si, pero tamén dun corpo de axentes ambientais suficiente, formado, equipado e con dereitos laborais. A conselleira de Medio Ambiente debe negociar nas mesas XA a mellora das condicións laborais cun acordo marco que abranga a todo o persoal axente ambiental. 

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...