Novas por contido

A CIG denuncia que a Xunta bloquea unha negociación efectiva ao non facilitar os datos reais da actividade, das cargas de traballo e de quen as desempeña. 

As negociacións iniciadas o 8 de setembro non achegaron solucións e desembocaron nunha nova proposta de acordo que se trae á mesa o 5 de outubro, e que na CIG consideramos totalmente inaceptábel para un colectivo de persoal empregado público fortemente feminizado e especialmente maltratado, que xa sufriu conflitos laborais que derivaron en sentenzas condenatorias para a Xunta do PP, obrigándoa a recoñecerlles o seu vínculo laboral. 

A Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude pretende perpetuar a precariedade do persoal asignándolle media xornada e só durante 7 meses ao ano para realizar as funcións de titorización, formación e avaliación dos cursos Celga e de linguaxe administrativa galega (LAG) e linguaxe xurídica galega (LXG). 

A RPT recolle 18 postos, só 9 ocupados polas persoas titulares, cunha repartición desequilibrada: 15 na Coruña, 1 en Lugo, 2 en Pontevedra e ningún en Ourense. A Administración aínda non publicou a listaxe complementaria para poder completar a totalidade dos postos fixos e tampouco se creou ningunha listaxe de substitucións. O parche foi que dende o 1 de setembro a Administración lles dobrou a carga de traballo sen ampliarlles a xornada. Así mesmo, este persoal público traballa baixo a coordinación dun empregado alleo á Administración. 

A CIG denuncia que a carga de traballo é estrutural e non conxuntural. Proba disto é que se encargan funcións coincidentes a persoal colaborador ao longo de todo o ano: profesorado das EOI, profesorado de secundaria ou persoal da Administración que xa traballa a xornada completa, sen que exista transparencia suficiente sobre a selección, retribucións e custos.

Na CIG levamos moito tempo denunciando que o desfasamento entre a oferta de formación en galego e a demanda efectiva que fica desatendida ano tras ano é alarmante, e máis na actual situación de emerxencia lingüística, sen que a Xunta faga absolutamente nada para solucionalo.

Un bo exemplo témolo nos cursos de LAG/LXG. En 2026, a EGAP, mediante un convenio coa Secretaría Xeral da Lingua, convocou 1.200 prazas de LAG/LXG fronte a 5.650 solicitudes, o que supón que se deixa sen atender o 78,76 % da demanda, unha porcentaxe semellante á dos anos anteriores. Ademais, parte da formación canalízase a través doutros convenios con entidades privadas que establecen un acceso restrinxido por titulación ou colexiación e matrículas de até 400 euros.

A CIG esixe datos completos, negociación efectiva, postos a xornada completa durante doce meses, reforzo do persoal e formación pública e gratuíta suficiente, e advertimos de que, tal e como aconteceu anteriormente, adoptaremos todas as medidas que correspondan contra o proceder inaceptábel, irresponsábel e hipócrita da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

A Xunta non pode proclamar o seu compromiso co galego, nin pretender «actualizar» o Plan xeral de normalización da lingua galega mentres precariza a quen o ensina e deixa a demanda de capacitación lingüística do seu propio persoal empregado público sen atender!

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...