Novas por contido

A nosa central sindical celebrou asembleas de persoas delegadas nas comarcas para analizar a situación socioeconómica e abordar as problemáticas laborais.

 

 

A CIG fixo este 11 de febreiro un chamamento a acumular forzas mediante a loita nas empresas e administracións e na rúa contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo, datas nas que a central sindical aposta por unha importante mobilización da clase traballadora galega en demanda de traballo digno nunha Galiza con dereitos.

Precisamente con este obxectivo a CIG celebrou asembleas de persoas delegadas en todas as comarcas do país, na que tamén se analizou o actual contexto socioeconómico e se abordaron as principais problemáticas laborais.

                                                                                                                                                          

Nas asembleas a CIG sinalou a importancia dunhas convocatorias que para o noso sindicato teñen unha especial significación polo que representan historicamente para o sindicalismo nacionalista galego, e que chegan nun momento de extensión da precariedade laboral e dos baixos salarios, especialmente entre as mulleres e a xente nova. Un intre no que asistimos, ademais, ao medre do fascismo da ultradereita, que se alimenta da aplicación de políticas neoliberais a través das últimas reformas laborais e dun diálogo social que o único que fai é lexitimar medidas que provocan o empobrecemento xeneralizado da poboación.

                                                                                                              

E todo isto nun contexto internacional no que o proceso de globalización neoliberal non ten límite na súa agresividade, impoñendo a guerra e o militarismo como arma para seguir acumulando riqueza, sen importarlle o mantemento dun sistema mundial inxusto baseado na desigualdade e no bloqueo a países como Cuba, na intervención directa noutros, como Venezuela, e nas ameazas, como no caso de Groenlandia ou Irán.

Fronte a todo isto, instamos a trasladar as alternativas aos centros de traballo e a animar á participación do maior número de persoas nas convocatorias do 8 e 10 de Marzo, porque só con loita e mobilización seremos quen de conquistar dereitos.

Medidas urxentes

As principais medidas urxentes que a CIG insiste en reclamar concrétanse en seis grandes actuacións: posta en marcha do Plan Galego de Creación de Traballo Digno e Industrialización, que faga posíbel unha transición enerxética galega xusta; a recuperación, ampliación e fortalecemento dos Servizos Públicos, que prioricen o benestar colectivo fronte aos intereses do capital; a aprobación dun Plan Galego pola Igualdade; un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas; vivenda digna e prohibición dos desafiuzamentos; e apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía en vigor, para que se recoñezan os dereitos nacionais da Galiza.

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...