Novas por contido

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas

Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas usuarias dos distintos servizos. Por iso, esta mañá concentráronse diante da Xunta de Galiza, para presentar o calendario de mobilizacións que desenvolverán nos vindeiros meses e para reclamar a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas que garanta condicións dignas para persoal e persoas usuarias.

CIG, CUT e SNEP levan anos denunciando a situación, tanto laboral como profesional, das escolas infantís 0-3, dos centros de protección a menores e reforma xuvenís, das Residencias de Maiores, dos Centros de Día, dos Centros de Noite, das Vivendas Tuteladas e dos Fogares Residenciais, dos Centros de Atención á Diversidade, dos Servizos de Axuda no Fogar, equipos de valoración da discapacidade e dependencia, atención temperá á discapacidade, equipas de protección da infancia. Servizos que o goberno do PP na Xunta ven desmantelando e precarizando con políticas privatizadoras para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis.    

Como lembraron na comparecencia, a crise da COVID-19 puxo máis de manifesto que nunca a necesidade de poñer a formación, a protección dos máis vulnerábeis e os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de máis investimento público en servizos de atención ás persoas.

Porén, consideran que é evidente “a ineficacia da prestación de servizos de atención social e de coidados por parte das entidades públicas e privadas”, co desleixo e irresponsabilidade do goberno do PP que seis anos despois segue sen adoptar medidas que garantan unha atención adecuada e de calidade. “Son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento, abusos patronais e importantes niveis de explotación laboral e precariedade”. Unha situación que, advertiron, “teñen unha compoñente de xénero ao seren sectores moi feminizados”.

Xestión directa

Tal e como alertaron, os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna. Por iso denunciaron que “non é de recibo que os coidados, a protección e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos”, denunciaron.

Ante esta situación CIG, CUT e SNEP, defenden a xestión directa polas Administracións Públicas de todos os servizos públicos. Exixen que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas deixen de ser unha actividade socialmente pouco valorada e en condicións precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais a prestar pola Administración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal.

Por iso, reclaman a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que atinxa os centros educativos para o ciclo 0-3, que deben encadrarse na Consellaría de Educación; centros de menores tanto de protección como de reforma xuvenís; centros asistenciais e residenciais de maiores; centros de día, centros de noite, vivendas tuteladas e fogares residenciais; centros de atención á discapacidade: asistenciais, de emprego e educativos; SAF e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado, EVO, equipas de menores ou atención temperá á discapacidade, entre outros.

Para todos estes servizos exixen dotación suficiente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos. Unha rede pública na que se integren tamén todos os SAF, para os que exixiron a negociación cos axentes sociais dun convenio colectivo único que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas.

Xunto a isto, demandan, na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, que se priorice a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas xunto coa eliminación de todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.

Consideran imprescindíbel o incremento dos equipos de valoración da discapacidade e dependencia así como dos equipos de protección do menor, para axilizar os trámites, así como o incremento e adecuación dos orzamentos públicos destinados a este fin, ademais dos dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo e á protección á infancia vulnarábel ao despregamento efectivo e áxil da lei da dependencia.

Do mesmo xeito, exixirán a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia e a elaboración de protocolos que garantan a seguridade e a saúde das persoas traballadoras ante calquera situación de violencia no traballo.

Reclamacións  e calendario de mobilizacións

As organizacións sindicais teñen acordado priorizar a mellora das condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo mesas de diálogo tanto no ámbito privado, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, como no público, coa Dirección Xeral de Función Pública. Responsabilizan á Xunta de Galiza da situación actual e advirten de que a súa negativa a negociar non freará a defensa de melloras como a baixada das ratios, a redución da carga de traballo, máis persoal especializado e salarios dignos e xustos.

Para o día 15 de outubro, ás 11:30 horas, teñen previstas concentracións diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza; o 14 de novembro, ás 11:00 horas, convocan unha manifestación nacional con saída da Alameda e en decembro, unha concentración no Parlamento o día da presentación e debate dos orzamentos. Ademais se non obteñen resposta da administración, non descartan mesmo a  convocatoria de folga.

Outras novas recentes

Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...