Novas por contido

A segunda xuntanza remata sen compromisos concretos para garantir a xornada completa e doce meses de actividade.

O luns 5 de outubro tivo lugar a segunda mesa de negociación das condicións de traballo do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, do grupo I, categoría 40. 

Un mes despois da anterior xuntanza, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude volveu invocar a súa «vontade de acordo», sen acompañala de feitos nin de propostas que resolvan a situación do colectivo.

O peche do persoal: unha mobilización necesaria

A mesa comezou con vinte minutos de atraso, mentres o persoal lingüista e a CIG mantiamos un peche diante da sala de xuntas para esixir o fin do abuso laboral. A Consellaría manifestou o seu rexeitamento á protesta, ao tempo que aseguraba manter a vontade de negociar. Porén, abondaron uns minutos para volver ás mesmas escusas: «non hai financiamento»,«non é posíbel modificar a RPT» e o que se reclama «non depende de nós». Esta resposta non fixo máis que confirmarnos a necesidade da nosa mobilización!!

Mentres a Administración prolonga a negociación e mantén o aforro á custa das súas condicións laborais, o colectivo vén de cobrar a nómina de setembro a media xornada: o dobre de traballo polo mesmo salario e coa mesma esixencia de cumprimento dos prazos; unha situación límite, insostíbel e inaceptábel.

 

Rexeitamos o segundo borrador

Dende a CIG rexeitamos un borrador que empeora o anterior. 

O que se presentara como unha solución transitoria pasa a ser o único acordo proposto, prorrogábel anualmente e sen efectos retroactivos. Non garante nin a xornada completa nin a prestación de servizos durante os doce meses do ano. Pretende perpetuar a media xornada e os sete meses de actividade, con ampliacións «a demanda», sen criterios nin compromisos concretos e, segundo o propio texto, «como se viña facendo até agora».

O borrador só recoñece que un curso de linguaxe administrativa de 11 semanas, incluídas as probas de avaliación, e con 25 persoas por grupo equivale a media xornada, e que 2 cursos supoñen unha xornada completa. 

No caso dos cursos Celga, non recolle esa equivalencia, malia a carga de traballo acreditada e o seu recoñecemento até agora como media xornada por curso. Limítase a propoñer «ampliar o período de actividade e axustar a programación», sen explicar en que consiste esa reorganización.

A CIG esixe transparencia e os datos básicos sobre a formación promovida de xeito directo, convenios e carga de traballo para a negociación

Non pode haber unha negociación real sen transparencia. Por iso, volvemos reclamar que a Consellaría entregue:

  • Todos os convenios en vigor.
  • A relación completa da formación que promove a Secretaría Xeral da Lingua, tamén á marxe dos convenios, e a identificación de quen imparte todos os cursos 
  • A listaxe do persoal colaborador, cos criterios de selección, as remuneracións e o réxime de compatibilidades
  • Os datos da carga de traballo real, a definición de todas as tarefas e a identificación das que se derivan a outro persoal, como a coordinación, determinadas avaliacións ou a elaboración e actualización dos materiais.

Tamén pedimos explicacións sobre os cursos Celga impartidos polo persoal das escolas oficiais de idiomas (EOI), ao entender que esta actividade non forma parte das súas funcións ordinarias, e reclamamos que as volva asumir o persoal lingüista da Xunta. 

Falso carácter coxuntural e inconcreción do traballo «en liña»

A Consellaría insiste en cualificar a actividade de coxuntural porque depende de convenios. Rexeitamos este argumento: a EGAP e as deputacións subscriben convenios de formación de galego ano tras ano. A continuidade desta demanda evidencia unha necesidade estrutural que require emprego estábel e condicións dignas.

Tampouco aclara o réxime de prestación dos servizos. Nega que a actividade poida desenvolverse mediante teletraballo e denomínaa agora «traballo en liña», sen concretar as condicións, os horarios nin as tarefas ou os cursos que requiren presencialidade.

Estabilización sen rematar e sen listaxes de substitución nin información sobre os chamamentos deixados de facer

A CIG denuncia que a estabilización segue sen rematar, xa que as numerosas renuncias producidas, debido á precariedade dos postos, seguen sen solucionarse coa toma de posesión do persoal após a publicación da correspondente listaxe complementaria. Ademais, o persoal denuncia que neste proceso hai persoal sen baremar. A Consellaría xa nos adiantou que non ten ningunha présa e pretende solucionar este asunto o ano que vén, unha actitude que nos parece totalmente inaceptábel. 

Tampouco vimos progresos coas listaxes de substitución, e non facilitaron ningunha información nin aclaracións sobre os chamamentos deixados de facer.

Respostas da Consellaría da Lingua

Ás nosas peticións de información, a Administración respondeu que «cre» que todos os convenios están publicados no Portal de Transparencia. 

Negou tamén que haxa persoal colaborador asumindo traballo do colectivo lingüista, coa afirmación de que «iso era antes». Constatamos que menten, porque a resposta contradí a realidade que coñecemos de preto: actualmente segue habendo persoal alleo á categoría de titulado superior lingüista impartindo cursos.

A Consellaría pretende, ademais, excluír da negociación as tarefas derivadas a outro persoal, invocando a súa potestade de autoorganización. Presenta a coordinación da formación LAG/LXG da EGAP como unha actividade técnica que non corresponde ao colectivo lingüista. Ante a nosa insistencia, acabou recoñecendo que a coordinación do persoal lingüista da Xunta está externalizada en persoal alleo á Administración. 

Confirmou tamén as nosas informacións sobre que hai outras persoas que realizan correccións e a elaboración e actualización dos cursos, e limitouse a indicar que podería valorar a atribución das correccións ao persoal lingüista.

Sobre os cursos Celga impartidos polas EOI, a resposta foi remitirnos á vía xudicial e dicirnos que lles reclamemos ás propias escolas, eludindo ofrecer unha solución na mesa, e excluíndo calquera posibilidade de tratar este asunto nela.

Non responden ás nosas preguntas sobre as listaxes complementarias do proceso de estabilización e sobre o feito de que hai persoal nas súas casas ao que se lle está a impedir traballar. Tampouco aclaran a situación das listaxes de agarda.

Conclusións

A xuntanza rematou sen datos suficientes sobre a carga de traballo e cun texto inzado de incoherencias e indefinicións. Na CIG cremos que a vontade de negociar demóstrase con información, propostas e compromisos, non repetindo unha declaración que os feitos desmenten.

Esiximos o envío inmediato dun novo borrador que incorpore as nosas alegacións, garanta a xornada completa e doce meses de actividade, estableza unha carga de traballo proporcionada e sen desvíos a outro persoal e que teña efectos retroactivos desde o 1 de setembro de 2026. 

Dende a CIG reclamamos, tamén, que o acordo debe respectar as condicións de traballo previas do persoal e impedir que a estabilización se utilice para empeoralas.

O persoal lingüista e a lingua galega non poden seguir pagando coa súa precariedade a falla de compromisos e solucións da Consellaría que ten a ben chamarse «Consellaría da Lingua»!

Outras novas recentes

Xoves, 01 Outubro 2026

A Xunta fabrica comisións de servizo: (con) concursos a contagotas e postos a dedo

Nestes días vanse dar máis postos en comisión de servizos que no concurso de traslados de corpos xerais. Remata un concurso de traslados de corpos xerais e volven dispararse as comisións de servizo. Nada novo baixo o sol da Administración da Xunta: dende o 16 de setembro de 2026 (día seguinte ao da resolución do concurso) xa se concederon 292 postos en comisión de servizo....
Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...
Domingo, 04 Outubro 2026

Os sectores de atención social e coidados únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas eowpzSxtLVM Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas...