Novas por contido

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente.

As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na primeira xuntanza. A ausencia por enfermidade do director xeral e a incapacidade do subdirector para concretar un calendario, fixar uns prazos e presentar un plan de traballo deixaron en evidencia a falta de preparación e de compromiso da Xunta cun proceso que debería ser prioritario.

Este mércores 28 de outubro tiña que ser o día. O día agardado despois de moitos anos de loita, reivindicacións e mobilizacións do persoal non docente. Porén, a Consellaría volveu demostrar que non está á altura das necesidades nin das expectativas das traballadoras e dos traballadores que sosteñen cada día o funcionamento dos centros educativos públicos.

Unha reivindicación histórica, unha loita que vén de lonxe

Cómpre lembrar que a loita pola mellora nas condicións de traballo de centros de ensino ven de lonxe. Nos anos 2007 e 2008 conseguimos negociar melloras para o persoal laboral de centros de ensino que tamén callaron e se recolleron no Convenio Colectivo, e melloras para o persoal funcionario (daquelas só o eran o persoal auxiliar e o persoal subalterno).

Máis recentemente, nestes últimos 3 anos, intentamos poñer no foco a necesidade de novos acordos (con máis forza dende que o anterior director xeral de Emprego Público declarara que despois dos acordos acadados con Política Social e SPIF tocaba o de persoal non deocente).

E así:

- Setembro de 2024. A CIG-Autonómica reitera á Consellaría de Educación a necesidade de abrir as negociacións e remite unha táboa reivindicativa coas demandas do persoal. 

- Outono de 2025. Tras unha concentración diante da Consellaría, a CIG entrega máis de 1.000 sinaturas de traballadoras e traballadores que reclaman avances e respostas ás súas reivindicacións.

- Xullo de 2026. A CIG, xunto co resto das organizacións sindicais, planta a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na negociación da RPT para esixir unha data para abordar o acordo. Daquela presión sae a data inicial do 21 de outubro.

- Setembro de 2026. A CIG solicita á Consellaría que se adiante a xuntanza e presenta un documento no que recolle os piares básicos que, ao seu xuízo, debe contemplar o futuro acordo.

-20 de outubro de 2026. A Consellaría comunica o adiamento da xuntanza por mor da enfermidade do director xeral, trasladándoa ao 28 de outubro.

Escusas de mal pagador

E chegou o día. Mais, en lugar de atopar unha Consellería preparada para negociar, a xuntanza converteuse nunha sucesión de desculpas: que as propostas sindicais eran demasiado xerais, que determinadas demandas —como as relativas ás ratios— non eran competencia exclusiva da Consellaría e, finalmente, que non se podía avanzar sen a presenza do director xeral e sen consultar previamente ás delegacións provinciais.

A enfermidade dunha persoa non pode converterse nun pretexto para paralizar unha negociación nin para deixar o persoal non docente sen respostas. Se a Consellaría tiña dúbidas sobre as propostas presentadas, o que correspondía era concretalas, achegar documentación, aclarar as competencias e fixar un calendario de traballo. Iso é negociar. O que non é aceptable é convocar as organizacións sindicais sen ter preparado un plan de traballo nin unha proposta para avanzar.

Despois de expresar o noso malestar pola falta de respecto ás organizacións sindicais e ao persoal ao que representamos, o único compromiso que conseguimos arrincar do subdirector foi a promesa de propoñer, nun prazo de dúas ou tres semanas, unha nova data, acompañada dunha orde do día e da documentación correspondente.

Un compromiso vago e insuficiente que, lonxe de ofrecer garantías, prolonga a incerteza e evidencia a ausencia dunha vontade real de avanzar con decisión.

O persoal non docente merece respecto e solucións

O acontecido confirma que a Consellaría de Educación non está á altura do persoal que traballa nos centros educativos públicos. Falamos de traballadoras e traballadores imprescindibles para o funcionamento do ensino público, que levan anos reclamando melloras e un recoñecemento efectivo do seu traballo e das súas condicións laborais.

Desde a CIG acudimos á negociación cunha actitude construtiva, con propostas concretas e coa vontade de avanzar cara a un acordo que dea resposta ás demandas do colectivo. Pero a boa fe negocial non pode confundirse con paciencia ilimitada, nin a disposición ao diálogo pode servir para xustificar novos atrasos.

O acontecido nesta primeira xuntanza foi un auténtico xerro de auga fría sobre un colectivo canso de agardar e dun inmobilismo que se prolonga desde hai anos.

A Consellaría debe ter claro que as reivindicacións do persoal non docente son xustas e que non imos renunciar a elas. Non aceptaremos que esta negociación se converta nunha nova promesa baleira nin que o acordo quede atrapado nunha sucesión interminable de adiamentos.

A CIG seguirá defendendo os dereitos e as condicións laborais do persoal non docente, impulsando as iniciativas e mobilizacións que sexan necesarias.

Non imos parar ata acadar un acordo para o persoal non docente!

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...