Novas por contido

Preto de 300 traballadoras e traballadores públicos dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza concentráronse hoxe dentro do recinto San Caetano esixindo un trato igualitario co resto de traballadoras e traballadores públicos fóra do noso país. Moitas persoas vestían de negro e algunhas portaban cartaces co lema "Non somos traballadores públicos de segunda".

O detonante das mobilizacións foron as palabras de Feijóo que aseguraban a semana pasada que se lle volvería a recortar as pagas extras para o 2014 a todas as empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza. Pola contra, en Madrid, Rajoy anunciaba (de feito levábase hoxe ao Consello de Ministros) que as traballadoras e traballadores públicos do Estado lle conxelarían o seu salario pero seguirían cobrando as pagas extras completas.

Desde entón, e por demanda das traballadoras e traballadores, os órganos de representación de Servizos Centrais decidiron convocar asembleas nos principais centros de traballo para tratar de artellar unha resposta unitaria e desde a base a este agravio comparativo.

Unha das medidas exprés que se tomaron nesa asemblea foi a concentración precisamente para o día de hoxe; día de consello da Xunta e tamén día de Consello de Ministros esixíndolle a Feijóo unha rectificación.

Na concentración a xente alí congregada berrou consignas en defensa dos servizos públicos (“Servizos públicos e non privados”) denunciando as privatizacións e asistencias técnicas que día a día gañan espazo na Xunta. Por outra banda, demandaban o mesmo trato que para o resto de persoal da Administración do Estado, destacando o agravio comparativo nas súas nóminas. Porén, quixeron de deixar claro que non só lles preocupa o salario senón a dignificación da súa función. "Detrás doutras figuras máis queridas pola cidadanía como os médico ou profesores hai un traballador da Administración xeral que ten que contratar as camas dos hospitais, os medicamentos, xestionar os centros, as axudas dos comedores, etc."

Por último pecharon cun “non hai pan para tanto chourizo” pero si “sobres” aseguraban. Tamén se fixo un alegato de loita conxunta das diferentes mareas con toda a cidadanía en defensa dos servizos públicos e da xente máis feble no canto de andar rescatando bancos e amnistiando a defraudadores e corruptos. No aspecto máis local, criticouse moito o tema dos convenios, subvencións así como as contratas con empresas amigas para facer traballo propio de empregado público ou directamente para a saca sen redundar nun beneficio para a cidadanía. “Non é un recorte de diñeiro, é tamén un recorte de postos e para qué!? Para dar mellor servizos públicos á xente? Non, para dar máis diñeiro aos seus amigos.”

E cun “mans arriba isto é un atraco” remataron quedando congregados para o xoves que vén no mesmo sitio á mesma hora.

Feijóo rectifica ou volve para AFICA

Unha das consignas con máis éxito foi esta, recordando o pasado sindicalista do presidente da Xunta na asociación de interinos AFICA. Se lle pedía que rectificase e que lles dea un trato igual na Administración do Estado aos seus traballadores, un Estado que ten peor situación de déficit que a nosa comunidade. De feito, resaltaron que os únicos traballadores públicos que non van cobrar a súa paga extra completa serán probablemente os galegos.

En todo caso, recoñecen a dificultades económicas actuais que atravesa boa parte da sociedade (non os que andan en iate, insisten) e din que só piden o xusto, o mesmo tratamento que os traballadores públicos doutras Administracións que aínda por riba teñen unha situación de déficit peor.

Recordo para os compañeiro ausentes

Tamén houbo un momento para recordar as persoas que faltaban deixando claro que o éxito de calquera actuación está na constancia e na participación de cantas máis persoas mellor. Nese sentido repartíronse uns "diplomas de dignidade" para que as persoas asistentes puxeran nun lugar visible do seu posto recordándolles aos seus compañeiros este día no que estiveron en San Caetano defendendo e esixindo os seus dereitos porque a "maioría silenciosa" tamén desfruta deles aínda que non os demande.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...