Novas por contido

Máis de 400 traballadoras e traballadores públicos concentráronse dentro do recinto de San Caetano en contra da discriminación que supón o recorte nas extras con respecto ao persoal do Estado e para manifestar a súa protesta contra o proceso de desmantelamento dos Servizos Públicos por parte do goberno da Xunta de Galiza.

Novamente, pero desta vez con peor tempo aínda que nun número maior que a semana anterior, unha chea de traballadoras e traballadores públicos dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza desafiaron o temporal que estamos a sufrir no noso país para manifestar o seu rexeitamento ás declaracións e Feijóo hai dúas semanas, nas que anunciou que o recorte das extras do 2013 se mantería para o ano 2014, o que significaría un novo pau para os empregados públicos e un novo paso máis no proceso de desprestixio dos Servizos Públicos.

O incremento na participación nesta concentración, na que o espazo cuberto ficou pequeno de máis, é un feito que de seguro veu provocado pola confirmación, a semana pasada, de que o persoal do Estado non ía sufrir ningún recorte adicional ao que xa de por si supón a propia conxelación salarial anunciada. O lema principal desta concentración volveu ser “Non somos empregados/as públicos/as de segunda”.

No día de onte, representantes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa dos Servizos Centrais entregaron unha carta dirixida ao presidente da Xunta de Galiza esixíndolle un trato xusto para cos seus traballadores. Neste escrito tamén se poñía de manifesto que os empregados públicos están a facer moito máis con menos e que non se lles debería esixir máis sacrificios dos que xa levan soportando ao longo dos últimos anos. Así mesmo, facíase unha defensa contundente dos Servizos Públicos Galegos e que se cesase na política de recortes que se está a levar a cabo. Tamén no día de onte, se produciron entrevistas coa totalidade dos grupos parlamentarios da oposición (AGE, PSG-Psoe e BNG) para solicitarlles o seu apoio nestas reivindicacións e que foron asumidas por parte destes partidos políticos.

Na concentración de hoxe, previa a unha xuntanza destes representantes dos órganos de representación co grupo parlamentario do Partido Popular, no medio da choiva e do vento berráronse as consignas habituais (ou non tanto) de “Mans arriba, isto é un atraco” ou “Non hai pan para tanto sobre”. Ademais, púxose o acento sobre o proceso de privatización dos Servizos Públicos no xeito de externalización por medio de Asistencias Técnicas, reivindicouse a importancia do traballo escuro pero imprescindible que se fai dende unha oficina, por parte do persoal administrativo, para que a cidadanía poida dispor dunha sanidade universal ou dunha educación de calidade e rematouse co xa tradicional minuto de ruído dirixido ao Consello da Xunta que se estaba a celebrar a escasos metros.

Tal e como tamén se comentou na propia concentración: "Xesucristo comezou con 11 apóstolos e un traidor e só hai que mirar a que montou". Nós cada día somos máis nesta marea en defensa dos Servizos Públcios. O que está claro é que a loita é o único camiño. Animo e adiante!!

Outras novas recentes

Xoves, 23 Outubro 2025

Resumo da Comisión de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría do Mar

Na xuntanza da Comisión de Seguridade e Saúde laboral da Consellaría do Mar, celebrada o pasado 16 de outubro tratouse a problemática do radón, os resultados das avaliacións de risco (AR) de varios servizos, a necesidade de formación en condución segura así como aspectos relacionados coa roupa de traballo. Medicións de Radón. Das medicións levadas a cabo nos centros da...
Luns, 20 Outubro 2025

Monte queimado e axentes baixo mínimos: a Xunta abandona o control da caza

No ano de maior devastación polos incendios, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non activa as gardas de reforzo e deixa reducida ao 25 % a operatividade do cadro de axentes ambientais A tempada de caza comeza este domingo 19 de outubro nun contexto especialmente delicado para o medio natural galego. Despois dun verán no que arderon milleiros de hectáreas,...
Luns, 20 Outubro 2025

Concursos de traslados de veterinarios/as e escalas sociais: relación provisional admitidos/as e excluidos/as

Recibimos comunicación da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na que nos informan de que o mércores 22 de outubro publicarán no Diario Oficial de Galiza as seguintes resolucións: Resolución do 15 de outubro de 2025 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0325, escala de veterinarios....