Novas por contido

Dende que a mediados de marzo difundiramos o borrador do concurso de traslados de corpos xerais que nos pasara a Dirección Xeral da Función Pública, foron moitos os compañeiros e compañeiras que nos achegaron ao noso enderezo, autonomica@cigadmon.gal, propostas de cambios no texto. Todos os correos foron enviados para a súa consideración ás persoas que, en nome da CIG, se encargan do concurso. Grazas por confiar na CIG.

Conscientes de que as circunstancias de cada quen poden influir na visión que teremos dos méritos, o noso papel como sindicato é defender un equilibrio o máis xusto posíbel. En base a esta idea, queremos contarche algunhas das alegacións que fixemos ás bases do concurso. Subliñar que estamos a falar dun resumo das alegacións que presentamos.

A primeira obxección xurde xa nas primeiras liñas: un funcionario ou funcionaria que obtivera o posto por concurso de méritos necesita dous anos de permanencia para poder participar no concurso, requisito que non se aplica a quen obtivera o destino por libre designación. A este último non se lle esixe nin un só día de permanencia. Exemplo de posíbel abuso: funcionario que obtivo destino no concurso anterior, nomeado posteriormente por LD, novamente concursa e obtén destino. En pouco tempo pode xerar dous apetitosos postos para adxudicar en comisión de servizos.

Outro conflito de intereses ten a orixe no diferente tratamento que reciben as persoas que promocionaron permanecendo no posto por estar aberto ao grupo superior ou porque o seu posto foi recualificado, e quen tiveron que escoller destino obrigatoriamente.

Referente á obrigación de concursar, as bases prevén dar un tratamento idéntico a situacións distintas: quen participa tras un reingreso dende a excedencia, quen estea a disposición do conselleiro/a, quen fora cesado/a dun posto de libre designación, e quen foi removido/a do posto por amortización. Non é xusto, especialmente para estes últimos.

A proposta da Administración supón un cambio na fase de resultas, consistente nun sistema de escoller postos concretos e non o que quede libre segundo criterios como a localidade, a consellería, ou o nivel como se viña facendo ata agora. Pois ben, coa automatización que se pode aplicar utilizando ferramentas informáticas, non vemos impedimento para que convivan tres fases, aplicando unha terceira fase de resultas segundo criterios de selección (localidade, consellería, nivel..), e que estes sexan aplicados reiteradamente ata que se esgoten todas as posibilidades de cambios. O inconvinte deste método é que de aplicarse reduciríanse as prazas apetitosas para adxudicar en comisión de servizos, algo co que sempre xogaron os responsábeis políticos da Administración.

Un ano máis, para a fase de resultas resérvanse a posibilidade de ofrecer unicamente as prazas “de necesaria cobertura”. É dicir, se queren poden retirar prazas vacantes da primeira fase e non ofrecelas en resultas. Pois ben, estamos fartos de pelexar nas múltiples modificacións das relacións de postos de traballo e ver como as consellerías suprimen postos continuamente porque, segundo eles, non son necesarios. Unha vez que chegamos ao concurso, a CIG demanda que oferten todas as prazas, porque se están na RPT, SON NECESARIAS, segundo os mesmos argumentos das consellerías.

A puntuación proposta pola Administración para a antigüidade lévanos a que para obter a máxima puntuación hai que ser funcionario/a dende o ano 1978. A CIG considera que estirar a puntuación por antigüidade ata tan atrás no tempo vai xustamente en contra do peso relativo deste mérito en relación cos outros méritos. Por poñer un exemplo gráfico, é como se a un anaco de goma elástica a estiramos máis ou menos, pero cortamos sempre á mesma distancia dende un dos extremosl: canto máis estiramos, o anaco cortado é máis curto. A solución pasa por dar máis puntuación á antigüidade (o anaco de goma, máis longo antes de estirar), ou poñer límites ao estiramento. Non aceptar unha destas dúas alternativas reduce o peso da antigüidade no conxunto do concurso.

Estamos a falar dun concurso de méritos, así que queremos limitar a puntuación polo grao de xeito que o máximo corresponda a aquel que se poida obter mediante esta mesma forma de provisión (nivel 26). Para os superiores, en todo caso, estamos dispostos a fixar unha escala diferente.

O mérito de traballo desenvolvido, tal e como está deseñado, desequilibra a puntuación favorecendo a quen busca un nivel inferior. Sería o caso, por exemplo, das persoas que dende unha xefatura de servizo optan a unha sección. O seguinte beneficiado é quen busca desprazarse de localidade mantendo o nivel. Para finalizar, as últimas persoas beneficiadas son quenes queren ascender. O desequilibrio existente entre os primeiros e os últimos é excesivamente grande. Propomos minorar as diferenzas entre uns e outros.

As medidas de conciliación requiren revisión. Quen teña un fillo/a non escolarizado/a queda en desigualdade respecto de quen o/a teña escolarizado. Temos o caso de quen resida nunha localidade na que non existan vacantes: tal e como están as bases non se poderá beneficiar das medidas de reagrupamento familiar que si benefician a quen opte a localidades con vacantes (os primeiros non poden beneficiarse, sequera, dunha aproximación á localidade de residencia).

Propomos a inclusión de máis cursos entre os que se valoran para todos os postos, ao entender este sindicato que se tratan de cursos transversais. Insistimos en que a valoración dos cursos sería máis xusta de facerse tendo en conta o número de horas, en troques do actual sistema de tramos. Entre as entidades formativas válidas para os cursos de idiomas oficiais da Unión Europea falta meter ás escolas oficiais de idiomas.

Estas son tan só algunhas liñas das alegacións presentadas pola CIG dentro dun elaborado documento de 6 páxinas que contempla múltiples aspectos polo miudo. Agardamos a convocatoria de Función Pública para sentarnos a discutir as bases polo miudo. Mentres tanto, agradecemos calquer aportación que queiras facer.

Outros concursos de traslados e promoción interna

Como informamos o 13 de marzo, o Director Xeral da Función Pública anunciou na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos que para o resto de concursos non teñen datas, e que en dúas semanas enviarían os últimos borradores da promoción interna, con cambios substanciais. Pasaron xa varias semanas, e novamente temos outro incumprimento de Función Pública.

Outras novas recentes

Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...
Mércores, 18 Decembro 2024

Consellarías de Educación e de Economía van adiante co traspaso forzoso e non negociado de persoal propio, laboral e funcionarial de GAIN

A última hora da xornada laboral do 16 de decembro, dende a dirección da Axencia Galega de Innovación (GAIN) remítesenos o texto oficial do 2º Acordo de traspaso: adscripción de postos con nivel orgánico inferior a sevizo e traspaso de créditos asignados aos servizos traspasado, entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería...