Novas por contido

A contratación de novos equipos de valoración da discapacidade hai meses, como medida paliativa para sacar adiante expedientes e minimizar así o tempo de agarda por valoración, foi unha montaxe da Xunta pra sacarse de enriba aos medios de comunicación que lles podían facer dano diante de calquera proceso electoral. Logo diso volvemos á mesma desatención e a xerar distanciamento coa sociedade, coma consecuencia do desmantelamento deses equipos que tampouco eran un luxo asiático, e volvemos a ter unha espera de un ano, ou ata dous, como en Pontevedra, para poder atender un expedente.

INDOLENCIA E INCOMPETENCIA A PARTES IGUAIS

Dicimos que é indolencia por parte da administración do PP mais tamén é unha bufonada diante dese electorado que logo carrexan dende aquelas residencias da terceira idade á urna de votación correspondente e cun voto na man, falamos de trampulleiros e trampulleiras que dominan ese xogo do engano con dependentes. Non é menor o asunto coma tampouco o é esa suma de incompetencias varias dun goberno ausente dos servizos sociais dende hai moitos anos. A evidencia está na multitude de concellos que claman dende hai anos por axudas para loitar contra a soidade dos anciáns ou enfermos e enfermas nos fogares do meio rural. Por provincias, naquelas décadas dos 80 e 90, Lugo e Ourense representaban os focos máis afectados, non imos analisar agora as causas, mais tamén isto caeu en picado demostrando o avellantamento de toda a sociedade galega, e a inversión da campana poboacional da que xa nos avisaban sociólogos de moito renome.

Xa non é só a emigración dende o agro de labregos e labregas ás grandes vilas e cidades para transformarse en operarias especializadas nas industrias, senón o desleixo absoluto de gobernos nefastos que non souberon ou non quixeron ver o desastre ao que nos acercabamos a ritmo frenético.

Algo ou pouco do que se podería valer a xente para conquerir unha axuda familiar diante dun proceso de enfermidade grave, é a posibilidade de solicitar unha valoración do grau de discapacidade, co recoñecemento dese grau correspondería determinada axuda, e para poder levar ao día estes procedementos, o sistema de citas debería de ser escrupuloso priorizando as enfermidades máis graves e estabelecendo a base de bos criterios un sistema xusto e áxil desta axuda á dependencia.

Mais comezaron as privatizacións e decidiron adxudicar o sistema de cita telefónica ao 012 cun resultado caótico. A xestión dos expedientes adxudicáronllelos nun primeiro momento a Indra, outra empresa amiga; un fiasco pagado dos nosos petos, porque non souberon xestionar ese volume de expedientes, o que derivou nunha catastrófica saturación por cúmulo de erros que tiveron que solventar as compañeiras e compañeiros de servizos sociais (como non, empregadas e empregados públicos).


A DIGNIDADE DO COIDADOR QUE COIDA

Mentres Feijó siga a desfollar a margarida do que vai facer coa súa vida, as vidas de milleiros de galegas e galegos fican no limbo agardando a que deixe de chorar polas esquinas e se poñan mans á obra na procura de solucións, e impulsando medidas que axuden a paliar o défice de servizos sociais en toda a súa amplitude. Xa está ben de percorrer lugares dándose golpes de peito e presumindo de que o Partido Popular está moi afincado no rural e mover ese discurso segundo conveña tal ou cal proceso eleitoral cando a realidade dese rural clama por unha revisión/actualización dos servizos sociais encamiñados a paliar a soidade da xente anciá ou enferma, a falla de dignificación dos nosos maiores en vilas, cidades ou no rural, a tremenda desertización no público de AXUDA (así, con maiúsculas) pra non morrer coma cascudas ao pairo con políticas que se poñen de perfil exípcio.

Se cadra é o momento da patada na mesa e dicir ”até aquí chegamos”. Quen máis ou quen menos temos un amigo ou familiar pendente do informe de valoración da discapacidade que vincula co da dependencia para poder ter unha axuda miserenta dunha hora diaria para atender á súa nai con alzhaimer, e iso se cha dan, e todo este percorrido dura máis dun ano de atrancos, estrés, perda económica e como non, tamén da saúde do coidador ou coidadora que coida do dependente.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

Erros na elección de destino en C1-C2-AP de mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza

A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza). Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e...
Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...
Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...