Novas por contido

A Lei Xeral da Seguridade Social, no seu art. 215.2 e na disposición transitoria 10ª establece os requisitos para o acceso do persoal laboral á xubilación parcial anticipada. Un destes requisitos é a necesaria celebración dun contrato de remuda cunha persoa desempregada para a substitución pola porcentaxe de traballo suxeita á xubilación.

A Xunta de Galiza, por boca do director xeral da Función Pública, veu manifestando a súa disposición para efectivizar o contrato de remuda para facilitar a xubilación parcial anticipada.

Esta actitude favorable mudou e a semana pasada manifestou o bloqueo ao negarse ao contrato de remuda. A súa alegación, é o encarecemento da cotización por canto aínda que o contrato a tempo parcial do remudista sexa polo 50% da xornada a tempo completo do xubilado, as cotizacións deberán ser cando menos polo 65% da base que tiña o xubilado/a; mentiras sobre mentiras, xa que este encarecemento é compensado polo aforro en abono de trienios ao xubilado.

A CIG levou ao pleno do comité intercentros do persoal laboral da xunta de Galiza, celebrado o 19/11/19, a necesidade de propoñer á Xunta de Galiza un Acordo regulador que, ao marxe de comprometer o contrato de remuda, tamén puidese establecerse un premio de xubilación; premio que xa estaba establecido tanto no convenio (suspendido pola Lei 1/2012 para os laborais), como no fondo de acción social para o persoal funcionario (tamén suspendido pola mesma Lei 1/2012).

A CSIF apoia a proposta da CIG en aras de recuperar dereitos. Sen embargo, CCOO e UGT volven a votar en contra de negociar un acordo, manifestando que esta é unha negociación que se leva en Madrid.

Que gran contradición. En xullo do 2019, CCOO, UGT, CIG e CSIF asinaron coa Universidade de Santiago un acordo para o acceso á xubilación parcial anticipada -aplicación estrita da Lei- máis un premio de xubilación de tres mensualidades de haberes.

Para rematar, lembramos que nos borradores do Acordo de concertación para o Emprego Público había referencias a iniciativas políticas encamiñadas a conquerir o dereito á xubilación parcial anticipada tanto para persoal laboral como funcionario. Pero no texto final que pactaron CCOO, UGT e Xunta, desapareceu toda referencia ao persoal funcionario.

Outras novas recentes

Martes, 25 Novembro 2025

OEP-2025, carreira profesional (ordinaria e extraordinaria) e avaliación do desempeño (para CP 28/11/25)

Os sindicatos con representación na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT), vimos de ser convocados a unha Comisión de Persoal na que se van votar a Oferta de Emprego Público do ano 2025, a carreira profesional extraordinaria (graos I, II e III), e o decreto de carreira ordinaria e a avaliación do desempeño. Vai ser o venres 28 de novembro, e esta é a documentación:...
Venres, 28 Novembro 2025

Carreira extraordinaria ou maratón ordinario? Últimas novidades

A carreira extraordinaria que se iniciou no 2019, e que nos venderon que era para que a xente que tiña xa certa antigüidade non tivera que comezar de cero a través da ordinaria, parece máis ben un maratón. Imos facer 7 anos coa carreira e a día de hoxe aínda estamos cobrando só o grao II. Si o obxectivo da carreira extraordinaria era colocarnos a cada un no grao de carreira...
Venres, 28 Novembro 2025

Aprobada unha carreira ordinaria cunha avaliación do desempeño penalizadora, coercitiva e que abre a porta ao control político do persoal

A Xunta vén de aprobar en Comisión de Persoal do 28 de novembro, co voto favorable de CSIF, CCOO e UGT, unha carreira administrativa condicionada a un modelo de avaliación do desempeño profundamente punitivo, desigual, clasista e que deixa amplísimos espazos para o control político sobre o persoal empregado público. O chamado proceso de “negociación” limitouse a unha única...