Novas por contido

Na CIG negámonos a participar do paripé da Xunta para aprobar as bases dos procesos selectivos.

Negámonos a participar da pseudonegociación dos procesos selectivos (de novo) por ser discriminatorios, incoherentes e desiguais entre grupos e corpos e por non respectar acordos previos.

Amparados polo mal chamado "Acordo de Concertación" asinado por CCOO, UGT e a Xunta, agora pretenden varrer cos procesos selectivos de consolidación de prazas de laborais, eliminan as prazas da promoción interna de cada convocatoria (o 50% polo V convenio do persoal laboral e do 25-50% para persoal funcionario) e cocen bases de convocatorias de procesos intragables.

A Xunta de Galiza capitaneada pola dirección xeral da Función Pública non garda nin sequera as formas e atrévese a mandar os borradores finais para as mesas de negociación antes de que remate o prazo para presentar alegacións.

Chegados a este punto negámonos a participar do paripé no que converteron a Mesa Xeral e Comisión de Persoal que esta a ser empregada para lesionar os dereitos do persoal empregado público e das persoas opositoras. Por iso acordamos que a CIG NON VOTA pois non imos ser cómplice de toda esta situación, aínda que algúns se empeñen en dicir que nos abstivemos.

Sobran razóns para a dimisión do director xeral da Función Pública:

  • Os borradores xa estaban enviados ao DOG antes da negociación.
  • Propuxémoslles en mesas anteriores acordar uns criterios xerais para todos os procesos selectivos antes de negociar un por un e negouse.
  • Seguen improvisando, dando bandazos con borradores diferentes e incoherentes entre procesos de grupos similares, como procesos con tres exercicios e desenvolvemento de temas uns e con un exercicio e sen temas outros para o mesmo subgrupo, ou algún proceso con maior materia en subgrupos inferiores que en superiores en determinadas leis.
  • Promocións internas insuficientes e máis duras que procesos de acceso libre.
  • Distinto criterio sobre notas de corte en cada convocatoria.
  • Procesos que proveñen dunha Oferta Pública de Emprego raquítica, insuficiente, discriminatoria e inxusta. Para colmo funcionariza prazas que tiñan que saír como laborais.

Esto foi o que cociñaron na Mesa Xeral e Comisión de Persoal do 21.11.2019:

  • Convocatorias de acceso libre e estabilización de funcionarios de corpos xerais A1-A2-C1-C2 e consolidación de persoal laboral I-II-III-IV (funcións administrativas). As bases pasaron por Mesa Xeral e foron aprobadas en CP, o mesmo día; coas seguintes modificacións respecto dos borradores iniciais (recibidos fai unha semana): Reducción dalgúns temas: A1 pasa a 101 temas, A2 queda en 70, C1 en 16 e C2 en 13; aumentan tempo para as probas; no exercicio de temas pasan de 3 de 6 a 2 de 4, e sen lectura posterior dos temas (A1 e A2); primeiro exercicio en 4 meses para C1/C2 e 5 para A1/A2. Tomas de posesión despois da resolución do concurso de corpos xerais.
  • Aprobaron en Comisión de Persoal a convocatoria de persoal biólogo sen ningún cambio.
  • Aprobaron a retirada de prazas dos procesos de consolidación de persoal laboral que requirían titulación especifica para incorporalas aos futuros procesos de escalas. Recibimos presións para que apoiaramos a medida cando nin a propia Función Pública pode garantir que a medida fose de aplicación a todo o mundo que estea nas mesmas situacións. Non podemos apoiar nestes termos esta medida proposta e acordada dun día para o seguinte, porque non se fixo coas garantías precisas.
  • O director xeral informou dunha nova data para a publicación do concurso de traslados de corpos xerais no DOG: o 27 de novembro.
  • As convocatorias destes procesos selectivos publicaranse no DOG un día da semana que ven.

A CIG negámonos a participar destes procesos inxustos e pedimos de novo a retirada dos borradores que a Xunta quere impoñer sen negociar. A CSIF votou en contra e a “minoría amable” de CCOO e UGT apoiaron só a convocatoria de C1 e C2, non a de A1 e a de A2.

Como consecuencia desta longa lista de desatinos, a Xunta de Galiza provoca conflito, desigualdade, discriminación e procesos de selección incoherentes e pretende descapacitar o emprego público. Porén, dende a CIG non imos quedar paradas e anunciamos accións de loita e mobilizacións combativas!!

Descargar os borradores que foron á Comisión de Persoal do 21/11/2019 (non conteñen os cambios feitos na propia sesión):

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...