Novas por contido

O Xulgado do Social nº 4 de Ourense, recoñece o dereito dun traballador do SPIF a adaptar a quenda de traballo por conciliación familiar sen ter que reducir a xornada nin o salario.

O pasado 5 de decembro, este traballador fixo unha solicitude de adaptación horaria para poder conciliar a vida familiar e laboral diante da Consellería do Medio Rural, ao abeiro do recollido no Real decreto lei 6/2019 de 1 de marzo de medidas urxentes para a garantía de igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres no emprego e na ocupación.

Este decreto recolle, que diante dunha petición, a empresa empresa abrirá un proceso de negociación coa persoa solicitante no prazo de trinta días. A Consellería do Medio Rural, nin sequera iniciou tal negociación e cinguiuse a desestimar a petición o día 14 de xaneiro, polo que o traballador tivo que denunciar ante o Xulgado para defender un dereito fundamental amparado pola norma.

Non é de estrañar este proceder por parte da consellería, tendo en conta, que o propio decreto de medidas para a conciliación establecía o prazo dun ano para acadar o plan de igualdade na empresa, e a Consellería do Medio Rural e a propia Xunta de Galiza a día de hoxe seguen sen plan e a velas vir. Levan 12 anos de retraso en elaborar un plan de igualdade que ten que ser obxecto de negociación colectiva, e o persoal do SPIF -e o resto do persoal a quendas- foi excluido pola propia Xunta de Galiza das medidas de flexibilización horaria recollidas no Anteproxecto de Lei de impulso demográfico. Suma e segue.

A sentenza, contra a que pode haber recurso, brinda unha primeira vitoria neste campo no que os servizos de emerxencias -e máis en concreto o SPIF- estaban discriminados automaticamente polo mero feito de traballar neste sector.

Dende a CIG consideramos esta sentenza un paso importantísimo no camiño cara unha conciliación real e efectiva, e convidamos a Xunta a retomar o camiño da negociación para cumprir a norma , evitar un ronsel de denuncias, e cumprir coas obrigas legais, máxima cando estamos a falar da Administración pública e incumprimentos de dereitos fundamentais.

A conciliación é un dereito e unha necesidade. Defende os teus dereitos.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...