Novas por contido

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acepta a demanda da CIG e anula a RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria publicada o 17/07/2018, por vulneración do dereito á negociación colectiva, vulneración do procedemento, ausencia de avaliación orzamentaria e falta de motivación dos actos administrativos.

En xuño do 2018 aprobouse en Comisión de Persoal unha modificación da RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria, conxuntamente cun “Plan de ordenación de recursos humanos de las oficinas de empleo y centros integrados de formación profesional“ e un “Acordo dobre condicións laborais do persoal de supervisión e seguimento da Formación Profesional para o Emprego”. A Resolución foi publicada no DOG do 17/07/2018. 

As persoas que exercen a dirección política da Administración Autonómica galega están acostumadas a facer o que lles peta, a pasar por riba dos dereitos dos traballadores e traballadoras baixo a escusa da potestade organizativa, sen repetar as súas obrigas de sentarse a negociar.

A RPT anulada destruía máis de 90 postos de traballo, creaba 70, modificaba a forma de provisión e áreas funcionais de numerosos postos, creaba diferenzas entre as Oficinas de Emprego que dividían en tres clases con diferentes formas de provisión e remuneración. Vamos, que facía importantes cambios na estrutura de postos de traballo, e facíao despachando o asunto en poucos días convertendo o deber de negociar en meros trámites formais. Finalmente a CIG quedou en solitario rexeitando a modificación da RPT proposta (CCOO, CSIF e UGT votaron a favor na Comisión de Persoal, e a CIG votou en contra).

Unha vez publicada en DOG, a CIG presentou un contencioso ante o TSXG, por:

  • Violación do dereito á negociación colectiva e información, en relación coa substitución do proceso de negociación do conxunto da RPT aprobada por un mero tráfime de consulta: a Administración consultou e resolveu as alegacións das centrais sindicais, máis eso non foi negociar a RPT.

  • Vulneración do procedemento legalmente establecido para a negociación das modificacións de RPTs: a Administración non só non negociou senón que violou o procedemento legalmente establecido, ao incorporar ao proceso un Plano de Reordenación das Oficinas de Emprego e dos CIFP a última hora, polo que modificou a proposta de RPT inicialmente entregada ás centrais sindicais sen dar opción a negociar nada.

  • Ausencia de avaliación e informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda: a Administración vulnerou o procedemento establecido polo artigo 16 da LEPG sobre o carácter previo á aprobación da RPT do informe da consellería competente en materia de orzamentos.

  • Infracción do ordenamento xurídico por falta de motivación dos actos administrativos, como garantía fronte á arbitrariedade e á incongruencia, en relación coa adecuación dos postos de traballo dos directores/as dos Centros Integrados de Formación Profesional e a nova clasificación das Oficinas de Emprego e adecuación dos postos de traballo dos seus directores e directoras (complementos, e cobertura mediante libre designación).

O 17 de xuño de 2020, foi ditada sentenza polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que estima o recurso contencioso-administrativo contra a referida RPT, que anula. A sentenza non é firme, pois cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo. 

A CIG dirixiu escrito ao DXFP solicitando unha reunión urxente para coñecer cales son agora as pretensións da Administración para solucionar os problemas xerados por eles.

Outras novas recentes

Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...