Novas por contido

O concurso do persoal veterinario paralizado pola ineptitude de Sanidade. CCOO e SEPGA defendendo a retirada de postos de persoal veterinario na RPT de Sanidade con criterios corporativos.

O martes 13 asistimos a unha xuntanza sindicatos-Sanidade para tratar unha modificación da RPT de Sanidade. A primeira intervención da CIG foi para queixarnos polo bloqueo que a Consellería de Sanidade estaba a producir na negociación e convocatoria do concurso de traslados do persoal veterinario.

Foi en xaneiro do 2020 cando Función Pública nos enviou un borrador da convocatoria dese concurso. A CIG fixo os deberes de inmediato e presentamos alegacións escritas. Ano e medio despois aínda non houbo nin a primeira xuntanza para discutilo, nin recibimos un segundo borrador. As únicas explicacións que recibimos ao longo de tantos meses foi que a dilación era consecuencia de que Sanidade quería modificar a súa RPT de persoal veterinario. Sanidade é responsable, por ineptitude, pero tamén Función Pública por inactividade, xa que é esta dirección xeral a que ten as competencias en materias de persoal.

Ao longo da discusión na xuntanza do martes 13, Sanidade respondeunos que na actualidade eles xa fixeron os deberes, e pasan o balón a Función Pública ao dicirnos que todo o expediente está xa nas súas mans. Veremos cal é a película do director de Función Pública na seguinte xuntanza que teñamos con el.

Volvendo á RPT: a consellería decide abrir moitos postos de escalas sanitarias para poder ser cubertos por corpos xerais, administración especial e persoal estatutario, incluíndo outras comunidades autónomas, administración do estado e Sergas. Din que por “dificultades para cubrir prazas”, unido “ao obxectivo de enriquecer o desenvolvemento das actividades [..] e aumentar o carácter multidisciplinar dos postos”. Vamos, que abren os postos para ter máis opcións.

Pero en contradición co anterior, deciden pechar 18 postos, todos eles xefaturas de sección (15 en servizos centrais e 3 en Lugo), que ata agora poden ser ocupados por persoal veterinario, e que con esta proposta deixarían de selo.

Curiosamente a explicación non nola deu a representante da consellería, se non CCOO (a representante gabouse de que foron eles os impulsores da proposta), co apoio da representante de SEPGA.

A xustificación de CCOO-SEPGA é a seguinte: os postos de escalas sanitarias que están abertos ao persoal veterinario, nunca os ofertan no concurso de veterinarios/as, polo que están ocupados por estes sempre en comisións de servizos. Por esa razón retiran as veterinarios/as.

En primeiro lugar iso contradí as xustificacións de Sanidade para abrir outros moitos postos. En segundo lugar, que non se convoquen postos dunha escala nun concurso é unha decisión política que poden mudar cando queiran. Abondan os exemplos de postos abertos, por exemplo, a corpos xerais e a algunha escala, que son convocados tanto no concurso de corpos xerais como no da escala. Nada impide que un mesmo posto vacante aberto a varias escalas sexa ofertado nos respectivos concursos de traslados.

Na CIG temos claro que os postos deben estar abertos aos corpos/escalas que sexan necesarios para cumprir coas funcións encomendadas e dar así servizo público óptimo. Por tanto, non cuestionamos a conveniencia ou non de pechar o acceso ao persoal veterinario. O que non aceptamos son as xustificacións que, no fondo, teñen un importante compoñente corporativo.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...