Novas por contido

Asistimos a unha xuntanza con Sanidade, na que a maiores de discutir coa consellería, tocounos tirar das orellas a CCOO e SEPGA pola súa postura corporativista.

Os sindicatos fomos convocados a unha xuntanza o martes 13 con responsábeis da consellería. Puro trámite que comezou ás 9:30 e, pouco máis dunha hora despois, a vicesecretaria xeral marchou deixándonos coa palabra na boca. En fin, bo comezo para ilustrar a vontade negociadora que teñen.

Sanidade propón amortizar un posto de subalterno en servizos centrais. Preguntamos sobre a súa situación de ocupación e a resposta foi que está vacante porque no ano 2019 xa a amortizaran. É dicir, Sanidade parece querer xogar ao mesmo que Educación: executar modificacións na RPT cando lles veña ben, e xa despois facer o trámite. A maiores, sobre este posto, engadir que a amortización é para financiar a estrutura. Outro exemplo de cortar por abaixo para crear por arriba.

A un monte de postos (seccións, servizos e subdireccións) modifícanlles o corpo/escala e ábrenos a outras administracións. Supostamente para facilitar a súa cobertura. Así que reclamamos os datos de cantas desas prazas están con problemas de cobertura. Responderon que facilitarían esa información (veremos).

Entre os postos que modifican, hai algúns que están abertos exclusivamente á escala de saúde pública e administración sanitaria, esquecendo que teñen outra escala, a de atención primaria e especializada, que non son máis que 17 postos en todo o País e que a consellería quere forzalos a que pasen a persoal estatutario. Se non os queren, que lles abran postos para facilitarlles o cambio de posto voluntario.

A Consellería ten en pouca estima ao seu persoal, razón pola que non teñen problema algún en abrir postos e máis postos a outras administracións. A maiores de reducir así as opcións de promoción do seu propio persoal, crean un sistema no que para vir á Administración autonómica necesitas un carné ou un padriño/madriña. Que abran os postos que realmente teñan dificultades para cubrir, e o resto que o fagan con persoal propio.

A Consellería continúa sen cumprir a obriga de montar o seu propio arquivo documental, dotado co persoal necesario. Incumpren así as leis ditadas polo Parlamento de Galiza (impulsada polo mesmo partido que dirixe a consellería).

CCOO e SEPGA defenderon que as xefaturas de servizo deberían ser exclusivamente para o subgrupo A1, pois abrilas a A2 é “degradar” os servizos. Para a CIG, os postos deben estar abertos ao que sexa adecuado para prestar un servizo público adecuado, e non vamos a entrar en pelexas corporativas. Con ese razoamento de CCOO e SEPGA, e posto que as subdireccións xerais son A1, os servizos deberían ser A2, as seccións C1, e os negociados C2. A proposta que lanzaron eses sindicatos na negociación con Sanidade sería para aplicar só aos postos que lles interesa? (nunha postura corporativa), ou farían extensiva a exclusión do persoal funcionario de A2 á totalidade de xefaturas de servizo de toda a Administración autonómica? Estas son as consecuencias de ir a negociar “lo mio”.

Antes de fuxir, a representante da consellería informou de que están a traballar nunha modificación da RPT máis importante. A CIG aproveitou para reclamar unha discusión a fondo da estrutura xeral dos postos: distribución de efectivos entre grupos, niveis, distribución territorial, etc.

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...