Novas por contido

A CIG demandou a administración tras negarse o Consorcio a acatar os requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social

A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de darlle a razón á CIG ao ditar unha sentenza pola que a Xunta de Galiza ten que proporcionar ás súas traballadoras de centros de maiores e escolas infantís máscaras de protección FFP2. A sentenza chega un ano e medio despois do inicio da pandemia e de numerosas denuncias da CIG contra a Xunta por negarse a protexer ao seu persoal e ás persoas usuarias.

Efectos da sentenza

O alto tribunal recoñece nesta sentenza o dereito do persoal das Escolas Infantís e dos Centros de Día dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a dispor, nos seus equipos de protección individual, de máscaras FFP2 abondas para a protección das vías respiratorias fronte á Covid-19, tendo en conta os requirimentos efectuados pola Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS).

Tamén recoñece o dereito das traballadoras e traballadores a recibir información e formación axeitada sobre os supostos nos que sexa preciso o uso das máscaras FFP2.

Ademais condena á Xunta a modificar a avaliación de riscos dos postos para introducir como EPI as máscaras FFP2.

Prevención de riscos laborais

As delegadas de prevención da CIG denunciaron en varias ocasións ao Consorcio e á Consellaría de Política Social ante a autoridade laboral pola falta de medidas de protección fronte á COVID.

Así, a ITSS requiriu ao Consorcio medidas preventivas entre as que estaban o subministro de máscaras FFP2. Pero os responsables do Consorcio negáronse a acatar este requirimento e, xa que logo, non deron as máscaras FFP2 baseándose nunha avaliación de riscos que fixo Mugatra Qualtis.

Precisamente Mugatra Qualtis tamén está condenada posto que se negou a cambiar a avaliación de riscos tendo en conta as recomendacións da Organización Mundial da Saúde e a directiva europea, e posterior transposición á normativa do Estado español que considera a transmisión do SARS-CoV-2 mediante a inhalación de aerosois con partículas virais.

Foi por estes feitos polos que a CIG acudiu ao TSXG. É incrible que a Xunta se negara a dar unhas simples máscaras FFP2 ao persoal, máis cando daquela Feijoo estaba a esixir que fosen obrigatorias para toda a poboación.

Lembramos que nos centros de maiores hai moitos momentos da xornada nos que as persoas usuarias non levan posta a máscara (aseo -lavado de dentes-, momentos de xantar ou porque simplemente non a toleran). No caso das escolas infantís, as crianzas de cero a tres anos non levan máscara en ningún momento e é imposible gardar a distancia de seguridade (cambios de cueiro, colos para consolalos…).

Casualmente o persoal de centros de maiores recibiu as máscaras FPP2 na derradeira semana de xullo. Nas escolas infantís aínda non se recibiron.

Esperemos que desta volta á Xunta perda o costume de recorrer as sentenzas gañadas pola CIG e deixe de afondar nesta vergoña.

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...