Novas por contido

Rematamos o mes de xullo cunha restra de modificacións de Relacións de Postos de Traballo (RPT) que destrúen emprego público, e o que crean é para ser cuberto con persoas doutras administracións e postos de libre designación. A CIG non apoiou ningunha desas propostas que si recibiron apoio doutras organizacións.

Foi na Comisión de Persoal do venres 29 de xullo, onde quedaron aprobadas as seguintes RPT: Presidencia da Xunta; Economía, Industria e Innovación; Medio Rural; Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga); e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. No lote meteron un “Acordo” sobre as condicións de traballo das futuras oficinas agrarias móbiles. A RPT de Aturga quedou para a semana que ven.

RPT DA PRESIDENCIA DA XUNTA

Eliminan 10 postos (todos de concurso), para crear 6 (ningún de concurso). E dos 6 creados, 5 están abertos a persoal doutras administracións. Descargar.

A proposta foi apoiada por CSIF. CCOO e UGT abstéñense. CIG votou en contra.

RPT DA VICEPRESIDENCIA 1ª E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

Nesta proposta non amortizan postos. Crean 4 postos, dos que 3 están abertos a outras administracións, e ningún é de concurso ordinario (3 de libre designación e 1 de concurso específico). Máis estrutura, e con menos opcións para o persoal propio. Descargar.

Contou co apoio de CSIF e UGT, a abstención de CCOO, e o voto en contra da CIG.

ACORDO DE CONDICIÓNS DE TRABALLO DA OFICINA AGRARIA MÓBIL

Mentres amortizan prazas nas Oficinas Agrarias Comarcais, ou non cubren as que existen, teñen a cara dura de crear uns postos itinerantes, para facer suplencias e para ir polas feiras en sábados, domingos e días de gardar. Todo isto sen compensación económica. Descargar.

CCOO, CSIF e UGT votaron a favor. CIG votou en contra.

RPT DE MEDIO RURAL

Vinculado co punto anterior, aquí se concreta a amortización dos postos das oficinas agrarias comarcais para crear as oficinas agrarias móbiles. Na proposta vai tamén a creación das Unidades de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dotadas de 15 postos (dos que 12 serán de concurso). Pero para financiar esta creación, suprimen 17 postos (que retiran do monte e da extinción de lumes). Por riba, para cubrir estes postos poñen como requisito imprescindible ter feito un curso que só puideron facer 50 persoas, elixidas como lles veu en gana. Descargar.

En total amortizan 83 postos para crear 65. A proposta foi apoiada por CCOO e UGT. Votamos en contra CIG e CSIF.

RPT DE FOGGA

Crean 17 prazas, que financian destruíndo 39 postos. E de paso meten o mérito de permiso de conducir a moitos postos, mesmo a postos base C2 como se tivesen que ir de ruta a facer inspeccións. Descargar.

Nesta ocasión a proposta foi apoiada por CSIF. UGT abstívose. E CIG e CCOO votamos en contra.

RPT DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

Crean 5 postos, dos que 3 están abertos a outras administracións, e só 2 de concurso ordinario. Para financialo destrúen 8 postos de traballo. Descargar.

Ningún sindicato apoia esta proposta. CCOO e UGT abstivéronse. CSIF e CIG votamos en contra.

ASUNTOS RETIRADOS DA ORDE DO DÍA

Antes do comezo da sesión, o director xeral de Función Pública retirou da orde do día a proposta de RPT de ATURGA (Axencia de Turismo de Galiza), e un acordo de incremento retributivo do persoal da escala de inspección de turismo. Segundo nos informou, os asuntos van falarse o martes, e votaranse nunha comisión de persoal o mércores 3 de agosto.

Sobre a RPT de Aturga, a ver o que nos contan para xustificar que se destrúan 8 postos para financiar a creación de dous. E do acordo da escala de inspección de turismo, vermos o que pasa, porque ata a comisión de persoal todo foi de palabra, con cambios de criterio por parte da Administración, sen documentos, sen negociación.

ROGOS E PREGUNTAS

O director xeral de Función Pública informa:

- En vindeiras semanas desbloquearán algúns puntos que quedan da RPT de Illas Atlánticas e o acordo dos axentes medioambientais. En setembro remitirán texto.

- Hoxe publicaron en DOG os baremos provisionais de persoal subalterno, auxiliar de clínica e bioloxía. Na primeira semana de setembro seguirán saíndo, e a finais de setembro estarían todas. Algúns procesos comezarán coa toma de posesión en setembro. Estarían todos rematados ata decembro. Publicarán información aclaratoria sobre os prazos no web de Función Pública.

- Na xuntanza do martes darán unha explicación do listado de prazas da Lei 20/21.

- Sobre as 330 prazas de MR que viñan de Seaga e que di que non cumpren os requisitos da Lei 20/21, di que serán incluídas na oferta ordinaria de 2022. O martes tamén o explicará.

Outras novas recentes

Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...