Novas por contido

Seguen os problemas co aplicativo e as dúbidas das persoas interesadas nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021. A modificación das bases, publicadas en medio do prazo de inscrición (no DOG do 23 de xaneiro de 2023), aumentaron as incertezas.

A modificación das bases foi unha actuación opaca de Xunta con CCOO e UGT da man, feita fóra das mesas de negociación (dúas semanas despois aínda non se nos entregou o documento que contén a proposta votada a favor por estes sindicatos, e ao que CIG e CSIF negámonos a votar).

A falta de criterios nidios, recollidos nun acordo publicado, vai producir inseguridade xurídica nestas convocatorias que son das máis complicadas dos últimos anos, tanto polo volume de prazas como pola excepcionalidade do concurso de méritos que mandata a Lei 20/2021.

Co fin de ordenar o proceso, dotalo de maior seguridade e transparencia ao mesmo, consideramos que Función Pública debe ampliar a través do seu web a información sobre as cuestións que expoñemos dun xeito claro e conciso. Polo que, é o noso deber insistir nas cuestións que seguimos a recibir sobre eivas do funcionamento do proceso e solicitamos que sexan contestadas coa máxima brevidade posible para dar resposta as persoas traballadoras e aspirantes afectadas:

Problemas na aplicación (sistema Fides)

  • Problemas co CELGA requirido para grupos IV-C2: non deixa Celga 3, esixe meter o 4.
  • Non lles deixa completar a solicitude ás persoas que están inactivas nestes intres.
  • Non introduce de oficio a formación do expediente electrónico (formación EGAP e outra).
  • Non permite meter as probas superadas nas escalas de persoal xerocultor e PSX (e tampouco traslada os puntos a formación).
  • Segue a aparecer o pago de taxas previo ao cálculo de puntos para ver se chegas ao mínimo.
  • Se fas unha nova solicitude na mesma categoría/escala obriga a pagar taxas de novo.

Erros ou cuestións dos procesos de estabilización

  • Vacacións retribuídas e non desfrutadas que veñen recollidas na vida laboral: entendemos que deben contar para cómputo de tempo no concurso de méritos e concurso-oposición. Mais esta cuestión, que xa presentamos en varias ocasións, non ven recollida nin nas preguntas xerais nin nas aclaracións publicadas no DOG.
  • Seguen sen solucionarse ou aclararse as cuestións da titulación requirida para lingüistas, linguaxe de signos e outras.
  • Solicitamos os informes de idoneidade emitidos pola consellería de educación, e que sexan publicados para que as persoas aspirantes saiban se cumpren os requisitos.
  • Na escala de expertos/as lingüistas, creada na LEPG empregando a Lei de medidas que acompaña a lei de orzamentos do 2020, non houbo ningún proceso selectivo ata a data. Entendemos que a puntuación de exercicios non pode ser valorada e se debe incrementar na formación (7,5).
  • Por outra parte a cuestión que está de fondo é que a equivalencia de laborais a funcionarios/as persiste a pesar de que nestes caso existen convocadas prazas de laborais neste proceso (titulado/a superior lingüista) que son independentes, polo que de persistir na equivalencia esta debera ser recíproca.
  • Reiteramos a nosa petición de que naquelas escalas nas que hai un conflito de titulación, porque a que hoxe se solicita é diferente a que se lle esixiu con anterioridade ao persoal para ocupar esa praza, se alongue o proceso a prazos máximos para permitir que as persoas traballadoras saquen o título requirido.
  • Non se sabe aínda se van valorar os exames superados dos procesos selectivos do Consorcio. E isto causa un problema: se non se valoran deberían incrementar a puntuación da formación en 7,5 puntos. Isto en xeral, pero en particular, no caso de xerocultores/as e PSX resulta que xa non dá opción a meter exames aprobados pero tampouco incrementa a puntuación.
  • A nova redacción do punto III.1.1, apartados a) e b), fai que non se puntúe nada polo tempo traballado no Sergas (estatutarios/as interinos/as ou eventuais). Este cambio radical fai que as solicitudes xa solicitadas poidan estar erradas: se esta era a intención da Administración teñen que comunicalo a todas as persoas que xa fixeron a solicitude con anterioridade.
  • Existe un número importante de persoas que a pesar de terse presentado e aprobado procesos na Administración Autonómica, non aparece ningún resultado cando realiza a consulta no web de Función Pública.
  • As prazas fixas-descontinuas das residencias de tempo libre non están identificadas, e tampouco se indica que a puntuación mínima vaia ser 0,10 como no caso das prazas fixas-descontinuas do SPIF. E polo tanto se as persoas que xeran praza non chegan ao mínimo para poder inscribirse, que dereitos van ter no caso do cese?
  • A listaxe de prazas do web de Función Pública debe estar asinada ou validada para que poda ser empregada polas persoas que teñan interese en reclamar (xa foron publicadas varias versións diferentes).
  • Traballadoras subrogadas dos concellos nos que teñen unha sentenza onde se recolle o seguinte: "declaro o dereito á demandante a ser considerada persoal laboral indefinido deste último, con categoría profesional de educadora infantil, e con antigüidade dende o 2 de xaneiro de 2008 (a data de subrogación é o 01/06/2008) e condeno ao demandado a estar e pasar por esta declaración". O recoñecerse isto nunha sentenza poderían computar o tempo traballado durante eses seis meses?
  • Persoal das 3 oportunidades da antiga Lei de Función Pública (enx. tec. agrícolas, axentes forestais e vixiantes pesqueiros…): seguen a figurar como persoal funcionario interino e cobrando como tales. Necesitan unha resolución individual onde diga que son persoal laboral fixo, porque se non terán que matricularse.
  • Inclúen un novo requisito de agudeza visual ao persoal emisorista do grupo V, que non foi negociado na Mesa Xeral de Empregados Públicos nin votado na Comisión de Persoal.
  • Puntúa o tempo traballado en administracións doutros estados da UE?
  • No caso dunha persoa interina anterior ao ano 2016 que cumpre as condicións previstas na DA8 da Lei 20/2021, mais a praza que ocupa non sae no proceso, se é cesada, ten dereito a compensación económica prevista na lei? A onde se presenta se na escala na que está a traballar non saen prazas?
  • Hai que presentarse ao concurso-oposición destes procesos de estabilización (a pesar de que apenas saen prazas) para que os exercicios superados puntúen nas listas de contratación?

Sobre as prazas convocadas

  • Seguimos sin saber si se van incrementar as prazas en base ás alegacións presentadas.
  • Tampouco temos a listaxe de prazas de estabilizacións anteriores que se dixo que se ía publicar. Se non a temos non podemos comprobar.
  • Retiráronse da convocatoria as prazas de varias escalas, posto que se dixo que as persoas que as ocupaban e que xeraban ditas prazas xa tiñan estabilidade de seu. Solicitamos xustificación ao respecto. Entendemos que moitas delas non cumpren con ese requisito polo que solicitamos que se recuperen as prazas.
  • Fixaron o criterio de quitar as prazas de escalas a extinguir. Entón, porque permanecen as de axentes ambientais do C1 que tamén é unha escala a extinguir? En todo caso vaise producir unha concentración de persoas aspirantes para esas dúas prazas.

Outras novas recentes

Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Xoves, 19 Decembro 2024

De non vacante a vacante: onde están as miñas vacacións?

Aínda que a administración xeral da Xunta ten personalidade xurídica ÚNICA, hai consellerías que non o queren entender e van por libre. Esta insubmisión dalgunhas consellerías crea problemas coas vacacións xeradas polo persoal temporal e interino das listas cando están cubrindo un posto “non vacante” e son chamados para cubrir un posto vacante e aceptan. É certo que...
Mércores, 18 Decembro 2024

RPT do Consorcio: morrer matando

Durante anos sen convenio, sen trienios... e agora queren meter o acelerador para que apandemos con todo o que queiran impoñer A directora xeral de Emprego Público e o xerente do organismo propoñen niveis e salarios máis baixos que na Xunta para o persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar. A nova RPT chega nos últimos días do ano 2024, non negociada, inzada de centos de...