Novas por contido

A CIG Administración Autonómica reuniuse cos principais grupos parlamentarios no Congreso dos Deputados para tratar de mellorar os textos das leis básicas de axentes ambientais e de bombeiros forestais

Os proxectos de leis básicas elaboradas polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) están en fase de tramitación parlamentaria. Polo de agora para o persoal da Galiza non supoñen un avance en dereitos laborais e aínda menos nos dereitos de seguridade, sáude e xubilación. Para tratar de achegar solucións e mellorar os textos co trámite de emendas, reunímonos con PSOE, Unidas Podemos, BNG e PP.

Proxecto de lei básica de axentes forestais

Aínda que mellora a Proposición do ano 2018, segue a a deixar a ese persoal sen xubilación anticipada con coeficientes redutores. É necesario que se recollan as funcións de DTE e ter en conta os riscos laborais na extinción e un catálogo de enfermidades profesionais e vixiancia de saúde adecuadas. Ademais cumpre eliminar o artigo 6 que marca a obriga dunha cooperación cos corpos e forzas de seguridade, cando son competencias propias e exclusivas do persoal axente forestal recollidas no Estatuto de Autonomía de Galiza.

Proxecto de lei básica de bombeiros/as forestais

A situación seguirá igual se os coeficientes redutores non recollen toda a vida laboral, polo tanto no texto ten que vir prevista esa retroactividade. Lembramos que grazas á loita da CIG conseguiuse por fin no ano 2017 o recoñecemento da categoría de bombeiro/a forestal, base que serve para que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñeza o coeficiente redutor de 0,20 (por cada 5 anos cotizados a xubilación sería un ano antes).
Preocúpanos que establecen unha normativa de referencia diferente ao Estatuto dos Traballadores/as , o RD 1561/1995, polo que se abre a posibilidade de empeorar as condicións laborais coma os periodos mínimos de descanso entre xornadas. Pérdese a oportunidade de establecer unha vixilancia da saúde específica e un catálogo de enfermidades profesionais acorde a esta profesión de alto risco.

Para non quedarmos diluídas nos distintos plans xerais de igualdade das administracións públicas, propoñemos para ambas normas un plan específico con medidas concretas que permitan a conciliación efectiva (con reforzos e medidas organizativas), que garantan a vixilancia da saúde dende unha perspectiva de xénero, o acceso ao emprego e o dereito á roupa, calzado e EPIs adaptados a anatomía de cada sexo.

Posicionamento dos grupos políticos

Tratamos polo miúdo as normas cos principais grupos parlamentarios. O PSOE acolleu con interese as nosas propostas e quedaron en facer unha valoración xurídica da posibilidade da retroactividade dos coeficientes redutores mais por outra parte recoñece que a elaboración dunhas normas básicas destas características ten moitos intereses enfrontados polo que manifestan que procuraron chegar a acordos e non introducir elementos conflitivos na súa elaboración.

A reunión con Unidas Podemos foi moi intensa e con eles discutimos tamén a xubilación anticipada e sobre a ideonidade ou non do artigo 6 que obriga aos axentes a cooperar cos corpos e forzas de seguridade. Unidas Podemos mantén en ambos textos unha base mínima de condicions para o conxunto do Estado como camiño de inicio.

O BNG mostrou coincidencia coas reclamacións que expón o sector e a súa disposición a presentar emendas para tentar corrixir o texto e mellorar as condicións laborais na seguridade e saúde, ao tempo que recoñecen a necesidade da xubilación anticipada.

O PP pola súa parte defende as funcións dos corpos e forzas de seguridade, e din que entenden as diferentes características dos lumes na Galiza, recoñecendo a complicación e a intensidade do traballo e funcións na extinción.

Contactamos tamén con outros grupos parlamentarios tales coma ERC, BILDU, PNV…aos que lles fixemos chegar as nosas propostas e que imos completar coas cuestións que nos solicitaron nas reunións de traballo desta xornada.

Na CIG valoramos positivamente os encontros e a disposición de todolos grupos parlamentarios a reunirse coa representación do persoal empregado publico na Galiza, mais insistimos en que o único camiño de futuro é un servizo de incendios 100% público, único, profesional, estable e coa maior seguridade ao persoal nesta profesión de alto risco. Cuestións que hoxe non se resolven nestes textos que son de todo insuficientes.

Quedan poucas semanas para tratar de avanzar nestas cuestións e imos insistir e loitar na mellora das condicións dos axentes ambientais e das bombeiras forestais. Para facernos chegar as túas achegas contacta coa CIG ou cos teus delegados/as de referencia.

 

 

 

 

   

 

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de varias escalas do subgrupo C1, C2 e da agrupación profesional

No DOG do 30/09/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escalas técnicas de mantemento...
Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...
Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...