Novas por contido

Tras varias xuntanzas e alegacións, estas catro convocatorias quedaron finalmente aprobadas co voto en contra das catro organizacións sindicais con representación na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

A1-Corpo superior: 30 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
A2-Corpo de xestión: 185 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
C1-Corpo administrativo: 240 prazas da OEP-2020 e 21. Descargar
C2-Corpo auxiliar: 130 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar

Modelo inadecuado. A CIG rexeita o modelo das promocións internas, xa que a experiencia demostra que non é adecuado. Algo falla cando a anterior promoción foi superada por 9 persoas de 46 prazas a A1, e 13 aprobados/as de 52 prazas a C2. A CIG insistiu en revisar o modelo de promoción. Poderíamos non poñer límite ao número de prazas? Abondaría con superar algún tipo de formación? Podemos acordar a simplificación de probas e temario? Podemos recualificar os postos para evitar desprazamentos e localidade? Función Pública non ten intención de negociar nada disto.

Non acumulan OEP-2022 e 2023. Nestas convocatorias meten as ofertas dos anos 2020 e 2021. Negáronse a acumular as do ano 2022 e 2023, que son: 20+20 prazas en A1; 90+60 en A2; 182+100 en C1, 65+120 en C2. Tampouco aceptan acumular as prazas non cubertas da convocatoria anterior.

Restrinxen a promoción vertical (agás consumo e turismo para A1), e non permiten a horizontal. A CIG defende que mentres as persoas aspirantes cumpran cos requisitos esixidos para o acceso ao subgrupo, se permita a promoción horizontal dende outra escala do mesmo subgrupo, e vertical dende calquera escala do subgrupo inferior, en todos os casos e con reciprocidade nas respectivas promocións que se convoquen para todos os corpos e escalas.

A proba de informática. Esta proba para a promoción a C2, ten demostrado exixir un nivel excesivo para o traballo ordinario que ten que realizar unha persoa do corpo auxiliar. A realidade é que o modelo é inadecuado porque o funcionario ou funcionaria do corpo auxiliar vai traballar, na maioría dos casos, sobre aplicacións informáticas específicas, e pouco ou nada con procesador de texto, e menos aínda coa folla de cálculo.

Aínda así, alguén imaxina un letrado da Xunta que non saiba utilizar o procesador de texto? A CIG propón eliminar a proba de informática no proceso selectivo, e no seu lugar convocar cursos formativos (non selectivos) para todas as persoas que superen un proceso de calquera corpo ou escala, adaptado ao uso das ferramentas informáticas (xerais ou específicas) que poida ter que empregar no desempeño do seu traballo.

Non ao dobre exercicio. Independentemente da nosa pretensión de cambiar o modelo de promoción, na actual non compartimos que para A1 e A2 haxa dous exercicios. Moito menos que o segundo de A1 sexa de desenvolvemento escrito de tema. En canto a C1 e C2, ainda sendo un único exercicio, meten dúas partes cun corte mínimo en cada parte, polo que en realidade son dous exercicios. Demandamos un único exercicio, cun único corte.

Comisións de servizo para o traballo desenvolvido. Da redacción desprendemos que o que se valora é o nivel do posto definitivo. Como estamos cansos de que anden a xogar con este asunto, insistimos ao DXFP que nos confirme e non se molla.

Formación privada. Cambian a redacción da formación que se valora. Antes era válida a formación “organizada E impartida ..”. Agora pasa a “CONVOCADA, organizada OU impartida ..”. Entendemos que abren a porta a unha chea de formación privatizada.

Máis. Nas nosas alegacións tocamos moitas outras cuestións que non entran a discutir, como a eliminación de taxas, permitir o control sindical dos tribunais, a non obriga de permanecer no posto a quen ocupe un posto aberto ao subgrupo ao que se promociona, a distribución xeográfica dos postos, cambio no exercicio de galego, a valoración da antigüidade, o grao persoal, axustar os dereitos de conciliación, ..

Para rematar, queremos que convoquen xa os concursos de traslados, e poder dar así destino definitivo ás persoas que superen o proceso.

Outras novas recentes

Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Mércores, 07 Outubro 2026

A CIG solicita oficialmente unha auditoría no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Denunciamos que a Xerencia garda silencio mentres o persoal traballador está ao límite. Despois do peche que fixemos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB) e logo da reunión mantida o día 29 de setembro co xerente do Consorcio, a CIG vén de solicitar oficialmente unha auditoría.  Isto xa non é unha mala xestión: é unha situación insostíbel e un...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar