Novas por contido

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural convocou dun día para outro ás organizacións sindicais a unha xuntanza na que se nos informou de que van facer unha ampliación progresiva do tempo de traballo do persoal de 6 meses do SPIF ata acadar os 9 meses. Así, a idea é que o tempo de actividade anual sería 7 meses no 2024, 8 meses no 2025 e 9 meses no 2026.

Este anuncio da Administración resulta sorprendente pois ata hoxe negábanse a atender a demanda da CIG para a ampliación do tempo de traballo cunha boa organización e xestión do persoal sen aumentar practicamente o custe.

A ninguén se nos escapa que este anuncio fóra de mesa de negociación ten unha intención política provocada pola nosa mobilización prevista para este xoves 25. Loitaremos para que non quede no aire e se plasme nun ACORDO ASINADO.

E si, é unha boa nova, calquera ampliación do tempo de traballo do persoal é benvida!

E como as propostas da CIG sempre van máis aló de medidas illadas, loitamos por un servizo integral de multiemerxencias no ámbito forestal e rural, con dereitos laborais para todo o persoal.

Quédanos un longo camiño por percorrer e levamos moitos anos loitando contra o desleixo e a inacción da Xunta, que ralentiza todo o tempo a negociación dun ACORDO DE CONDICIÓNS DE TRABALLO NO SPIF con DEREITOS LABORAIS PARA TODO O PERSOAL.

 

RUEDA XA QUE TE POS, ISTO É O QUE NOS QUEDA POR FACER!

1. Recuperar os dereitos suspendidos no 2012, como as compensacións por traballar domingos e festivos, os Fondo de Acción Social, gratificación extraordinaria por xubilación, etc.
2. Traballo todo o ano para todas.
3. Un Acordo que nos integre a todo o persoal, sen discriminacións nen diferencias nas condicións laborais.
4. Un servizo 100% público, que apoie ao rural galego e atenda as multiemerxencias.
5. Implantación efectiva de medidas de prevención de riscos laborais.
6. Cotización adicional para os coeficientes redutores para a xubilación anticipada.
7. Plan integral de mellora das instalacións.
8. Plan formativo axeitado e negociado.
9. Conciliación real e efectiva.
10. Regulación das adaptacións de posto por motivos de saúde e posibilidade de optar a un posto alternativo no caso de IPT.
11. Sistema de chamamento de prazas áxil para vacantes, vacacións e baixas.

Mobilízate polos teus dereitos este xoves 25 de xaneiro ás 10:30 horas diante da Consellería do Medio Rural.

 

Coa mobilización e a loita entre todas e todos conseguimos avanzar!!

 

Outras novas recentes

Luns, 23 Novembro 2026

A CIG esixe que a Xunta faga o seu traballo e realice unha revisión integral dos niveis das persoas empregadas públicas

Na súa deriva discriminatoria cara ao persoal, a Xunta leva tempo facendo propostas de subas de niveis a cachos e onde lle peta. Vimos de rexistrar unha petición para que fagan dunha vez por todas un estudo serio da estrutura de postos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que está completamente obsoleta e cuns niveis mínimos inferiores a outras...
Martes, 24 Novembro 2026

MX e MSF 24/11/26: procesos selectivos de acceso libre de corpos xerais, enquisador e FOL (e outras informacións)

Na Mesa Xeral e na Mesa Sectorial (martes 24 de novembro) tratáronse as propostas de convocatoria de seis procesos selectivos de persoal laboral e funcionario, ademais de diversas cuestións sobre listas de contratación e procesos en marcha. Nos distintos procesos abordados nas mesas, a CIG mantivo unha liña reivindicativa común para garantir procesos xustos, obxectivos e...
Venres, 27 Novembro 2026

Xuntanza axentes ambientais: presentación, boas palabras e ningún traballo feito nin compromiso

Este mércores 25 de novembro fomos convocados a unha xuntanza coa Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático co fin de abordar as condicións de traballo do persoal axente ambiental. Tamén apareceu por sorpresa, xa que non se informou na convocatoria, unha subdirectora xeral da Consellaría de Economía e Industria. O resumo desta xuntanza é sinxelo, aínda que non...