Novas por contido

A CIG asiste a unha xuntanza co SXT da Consellaría de Medio Rural. A xuntanza era para escoitar as cuestións do persoal da Consellería de Medio Rural que a CIG considera que hai que atender á maior brevidade. A modo de resumo serían as seguintes:

Axentes

  • Demandamos a negociación do regulamento de funcións da nova escala de axente técnico en xestión ambiental, que tiña que estar rematado no ano 2019.
  • Queremos unha revisión do acordo de condicións de traballo de axentes, debido a que os lumes xa non entenden de estacións, e deben adaptarse os horarios aos novos tempos e aos horarios de bombeiros/as forestais.
  • Grupo B: o acordo do 2016 di que se activaría ao chegar ao 40% de axentes coa titulación de acceso. Xa é hora.
  • UIFO e UDEX: previsións de creación de postos. E necesaria convocatoria de concurso de traslados para a súa cobertura.

Bombeiros/as forestais e emisoristas/vixilantes

  • Seguridade e saúde laboral: manifestamos que desdobrar as brigadas e deixar unha delas sen xefe/a de brigada, á parte dunha eiva organizativa, provoca unha mingua importante na seguridade laboral. A maiores solicitamos que se implante xa e para todo o persoal un protocolo de desinfección dos EPIS.
  • Conciliación: pensamos e así o transmitimos que xa é hora de que a Consellaría se pare a pensar e negociar medidas que supoñan a posibilidade real de conciliación da vida laboral e familiar do persoal da Consellaría de Medio Rural e non abocalos a ir á vía xudicial sistematicamente.
  • Acordos pendentes: reiteramos que deberían instar a Función Pública para asinar dunha vez a modificación substancial das condicións de traballo do persoal descontinuo de 6 meses para ampliar o seu tempo de traballo. Ademais, debería asinarse tamén xa o novo acordo de condicións de traballo do persoal funcionario e non estar a aplicalo por “anacos”. A modo de exemplo dende o 1 de maio implantaron as quendas de 10 horas pero non a parte económica.
  • Coeficientes redutores: preguntamos se teñen previsto establecer a cotización adicional económica precisa se como todo apunta se aproba a nova Lei do estatuto do bombeiro/a forestal.
  • Nocturnidade: puxemos de manifesto os continuos problemas que se suscitan co cobro da nocturnidade e que non suceden noutras consellerías, e iso que cobran mensualmente.

AGACAL

  • Xudicialización dos dereitos do persoal: solicitamos que se active unha interlocución real para negociar dereitos xudicializados nos últimos anos, como a roupa de traballo e EPIs, a unificación dos complementos do persoal de campo e a falta de transparencia nas contratacións de persoal nesta axencia.
  • Capacitación para traballos con animais de investigación e docencia: preguntamos como se vai solucionar que boa parte do persoal investigador e todo o persoal de campo da axencia non teña en vigor esta acreditación, e como afecta ás iniciativas de investigación. Lembramos que a responsabilidade de que se cumpra esta normativa recae precisamente na propia AGACAL.
  • Fondos europeos perdidos: segundo se observa no Contrato de xestión 2021-2024 AGACAL, deixaron sen executar algo mais de 10 millóns de euros de fondos de recuperación destinados a investimentos. Manifestamos a nosa preocupación por esta nefasta xestión económica.

Persoal técnico

  • Solicitamos da Consellaría a convocatoria urxente (antes da campaña de verán) da mesa de seguimento do acordo das escalas de enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes do Servizo de Prevención Contra Incendios Forestais, que foi rexistrado con data do 6 de marzo do 2024.
  • Solicitamos información para cando son as tomas de posesión pendentes das escalas de enxeñería forestal.
  • Preguntamos que pasa coas especializacións, que non se está contando co persoal técnico.
  • Solicitamos apertura de prazas no AGADER para as escalas de enxeñería forestal, para dar cumprimento a Lei de recuperación de terras (lei que ten gran parte do seu articulado referido aos terreos forestais).

Outras cuestións xerais

A maiores das cuestións específicas, demandamos que se cubrisen regulamentariamente dunha vez as prazas de concurso específico, pois as persoas que as ocupan están a bloquear outras prazas; solicitamos que deixen de concentrar postos en servizos centrais, pois dificultan a provisión e promoción do persoal; demandamos que dunha vez poñan en funcionamento as dobres listas de substitución (funcionariado e persoal laboral); para rematar este apartado, queremos que convoquen cunha periodicidade adecuada as comisións de seguimento dos acordos pactados.

Unha última observación que fixemos foi a necesidade de solucionar o problema que a Administración lle está a causar á cidadanía: a obrigatoriedade de realizar trámites telemáticos nas oficinas agrarias e nos distritos forestais, como permisos de queimas, etc. O envellecemento da poboación, e a fenda dixital existente, obriga ás persoas a acudir a xestorías para xestionar trámites de non teñen maior complicación.

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...