Novas por contido

Chegaches ao cargo cunha aura de persoa metódica, responsable, recta, matemática, de mentalidade alemá, como non podía ser doutro xeito ao adornar estas virtudes o posto de auditora do que procedías.

E tiñas un camiño doado, pois simplemente obrando dese xeito ías transmitir que a túa podería ser unha xestión eficaz e que ías imprimir o dinamismo necesario a unha dirección xeral que estaba anquilosada e paralizada. Coas obras e milagres do anterior tiñas o camiño expedito para, con pouco facer, quedar como unha campioa da boa xestión.

Pero mira ti por onde que vimos de coñecer que os procesos de promoción interna de corpos xerais os vas paralizar. E que igual se fan os exames no 2025.

Se non te lembras, benquerida directora, aquí estamos nós para traerche ao presente o que sucedeu con estes exames. Comecemos polo final: había unha data anunciada para a realización dos exames, o 14 de decembro de 2024 (aos 11 meses da convocatoria cando pactaramos que sería aos 6). Isto anunciouse mediante nota de prensa, xa sabes Nuria que a propaganda política é fundamental para que a poboación sinta que o goberno fai algo. E a maiores colgouse o pseudocalendario da páxina de Función Pública, da que desapareceu, supoñemos que por orde túa.

E como comezamos polo final, imos marcha atrás, que vai en consonancia coa túa xestión polo que se ve. Xa en febreiro de 2023 dende a CIG esixímoslle ao daquela director xeral que convocase a promoción interna derivada das ofertas de emprego de 2020, 2021 e 2022. A base de asembleas por todo o país conseguimos que se convocaran. Tamén lle fixemos ver que non podía ser que os procesos de libre derivados das mesmas ofertas estiveran en marcha e os de promoción interna conxelados.

Pois ben, a día de hoxe os procesos de libre ESTÁN REMATADOS e os de promoción interna, que ían chegar co nadal nolos aprazas para o 2025.

O xoves 13 e o venres 14 de xuño imos ter unhas reunións contigo despois das protocolarias. ESPEREMOS estar equivocados e que nos chames a atención dicindo que o calendario se mantén, que é un erro noso, que todo isto se trata dun malentendido e que hai que ser metódicos, responsables, rectos, matemáticos e de mentalidade alemá... OU NON, NURIA?

Outras novas recentes

Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...