Novas por contido

Achegámosche, para a túa información, cales foron os asuntos tratados nesta xuntanza:

1. Entrega de EPIs e cumprimento dos elementos de identificación das diferentes escalas
Levamos sen entrega normalizada de EPIs dende hai case 2 anos, polo que esiximos que se axilice esta entrega de equipos e de toalliñas hixiénicas ao persoal participante na extinción de incendios forestais, e que se cumpra rigorosamente a orde de uniformidade de axentes.

A Administración indicounos que se van entregar estes lotes de EPIs e equipamento nas seguintes datas:                                 

  • Xuño 2024: 2.630 botas da empresa Fall; 500 cascos; lentes marca Bollé; semimáscaras con filtros físicoquímicos 
  • Xullo 2024: 5.600 cubrecalugas, chaquetas e pantalóns (2 equipos por axente e por bombeiro/a), que cumprirán a orde de uniformidade (axentes) e disporán de escudo e a denominación Bombeiro/a Forestal (bombeiros/as)                         
  • Agosto 2024: sopradores-aspiradores de batería para limpeza e descontaminación derivada dos hidrocarburos aromáticos policíclicos (entregarase 1 por vehículo).

2. Entrega dos autorrescatadores 
Esta é unha vella demanda da CIG, e trátase dun paso moi importante para a seguridade do persoal do SPIF. Función Pública di que a entrega rematará antes de xullo. Tamén pedimos que se trate coa máxima urxencia a compra dunha mochila ou outro sistema para poder levar o autorrescatador, botica de primeiros auxilios individual, cantimplora e semimáscara. En conxunto este equipamento pode pesar arredor de 5 kg, peso que consideramos excesivo para portar sen elementos adicionais de suspensión.

3. Protocolo de descontaminación de EPIs
A pesar de que é unha boa iniciativa por parte da Administración o uso de sopradores-aspiradores portátiles para minimizar a exposición a hidrocarburos aromáticos policíclicos, é preciso un protocolo claro para establecer as accións preventivas e as accións necesarias para acadar o mínimo risco para o persoal. Neste senso a Administración vai con moito atraso. Na CIG xa temos elaborado un documento, polo que urximos á Administración a que redacte dito procedemento, no que, por suposto, estamos dispostas a participar.

4. Dotación de auriculares para o persoal condutor de Bulldozer
Dende a CIG pedimos que se faga a compra antes da campaña de alto risco, para garantir a seguridade do persoal que durante a extinción requira a presenza do Bulldozer, xa que a correcta comunicación entre persoal SPIF e maquinaria pesada é garantía de maior seguridade e calidade nas operacións que se realizan en conxunto.
A Administración, aínda que é reticente, está a valorar diversos modelos e fala de mercalos en breve.

5. Plan de formación 2024. Simulacros
A Administración informa de que se van a impartir 37 cursos, cuxa programación saíu publicada no Pladiga. Porén, dende a CIG manifestamos que o plan formativo elaborouse sen contar coa parte sindical, e esiximos que se escoite ao persoal. É importante que se incremente o nivel formativo actual para todos os grupos e escalas, e que se mellore a formación da categoría de vixilantes, xa que son quen poden achegar mellor información na detección do lume.
Toda esta formación debe encadrarse nas correspondentes unidades de competencia, reguladas pola norma estatal, para permitir que o investimento formativo leve á obtención das certificacións profesionais normalizadas que se están a instaurar en toda Europa. Precisamos pechar o círculo investimento-formación-certificación.
A Administración informou tamén sobre os simulacros realizados. Dende a CIG insistimos na necesidade de que se aplique a circular de simulacros en todos os distritos, e se cumpra o nela estipulado, pois segue habendo distritos onde non se fixo ningún simulacro.

6. Información de alertas meteorolóxicas para vixilantes
No último comité a CIG formulou a necesidade de establecer un procedemento obxectivo para limitar o acceso ás casetas de vixilancia en circunstancias de condicións meteorolóxicas adversas. Neste senso a Administración trae a este Comité un procedemento asociado aos niveis de risco e ás condicións meteorolóxicas que, cando se perfeccione, establecerase como unha orde. A priori este documento parécemos correcto, aínda que faltan afinar algúns puntos.

7. Outras peticións por parte da CIG
Na CIG recibimos algunhas queixas pola excesiva anchura da forma da bota de extinción actual, o que está a producir danos nos pés das e dos traballadoras/es.
Tamén manifestamos que se debe mellorar inmediatamente o punto de encontro de Meis (Pontevedra), onde o persoal non dispón de neveira nin dos elementos básicos para poder facer unha comida; e onde non hai butacas ou sofás para poder descansar cando sexa preciso.
Igualmente, indicamos a necesidade de engadir na botica de primeiros auxilios as pinzas especiais para retirar carrachas.

Para calquera aclaración ou consulta sobre estes ou outros asuntos, podes contactar connosco dende aquí.

 

Outras novas recentes

Martes, 11 Agosto 2026

O presidente vai de procesión: Rueda pode facer o que lle pete; a Xunta, non

Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á...
Mércores, 12 Agosto 2026

A Xunta chama «absentismo» ao colapso do Sergas

Galiza non ten unha taxa de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada, debido ás listaxes de agarda do Sergas, que bloquean as recuperacións; motivo polo que a CIG esixe a derrogación de calquera medida penalizadora da incapacidade temporal do persoal empregado público e o reforzo da atención sanitaria...
Martes, 11 Agosto 2026

A Consellaría do Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF

O luns día 10 de agosto a Consellaría do Medio Rural e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT asinaron uns acordos parciais para o persoal do SPIF que entenden que son un logro sen precedentes. Para a CIG isto dista moito da realidade. Deseguido explicámosche o porque.En primeiro lugar, a Consellería tiña moita présa en pechar estes acordos en pleno verán; tanta, que...