Novas por contido

Máis preocupados polo CANDO que polo COMO incorporarse

A semana do 11 de maio tivemos tres xuntanzas telemáticas conxuntas dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) de Medio Rural e de Incendios. 

O luns día 11 de maio tivemos un CSSL conxunto dos dous comités existentes na Consellería de Medio Rural, o CSSL de Incendios e o CSSL de Medio Rural. A convocatoria urxente chegara o venres 8: despois de case dous meses de estado de alarma, case sen tempo para poder estudar a documentación remitida ou facer consultas cos compañeiros e compañeiras. 

Tras esta xuntanza viñeron duas máis a mesma semana (13 e 15 de maio). As persoas responsábeis da Administración quedaron en remitirnos un documento base coa estratexia de incorporación para ser estudado polos representantes dos traballadores e traballadoras. Está estratexia, xunto cuns protocolos de incorporación claros e adaptados á realidade, foron sempre defendidas pola CIG para que o persoal se puidese incorporar con seguridade aos diferentes postos de traballo.

A presión da CIG fixo que se pasara dun documento simple de menos de dúas páxinas no que tan só importaba o CANDO incorporarse, a un documento no que aparece unha estratexia máis polo miudo (consulta aquí) no que se define o COMO incorporarse. De feito a incorporación efectiva pensada para o 11 de maio tiveron que adiala ata ter definida unha estratexia concreta para a incorporación do persoal de incendios.

Nas 3 reunións deste Comité mixto a CIG seguiu defendendo as achegas que presentou por escrito (primeiras achegas, e segundas achegas) e que xiran arredor destas cuestións xerais e especificas, moitas das cales foron recollidas no documento final aprobado pola consellería do medio rural:

  1. Avaliación previa de riscos laborais específica por centro de traballo e posto, en base a unha radiografía dos distintos centros que permita unha efectiva planificación das necesidades preventivas para cada lugar e categoría.
  2. Reconsideración do risco biolóxico establecido para o COVID-19:
    O informe de Cualtis recolle o que o risco bioloxico do SARS CoV-2, como de nivel 2, cando dende a CIG defendemos o risco como de nivel 3. Esta redefinición de nivel é un concepto importante para definir os distintos protocolos de traballo.
  3. Formación previa para todo o persoal: requisito imprescindible antes de calquera reincorporación e que inclúa unha parte práctica.
  4. Medidas a aplicar ao persoal sensible/vulnerable: solicitamos que se cumpra co requerimento da Inspección de Traballo (consecuencia da denuncia da CIG) e o procedemento de recoñecemento de persoal especialmente sensible se faga acorde ao procedemento establecido polo Ministerio de Sanidade (solicitude do traballador/a directamente ao Servizo de prevención de riscos laborais que será quen resolva) e que namentres non se resolve o procedemento o persoal vulnerable non se incorpore a traballar. Esta reivindicación aparece recollida na resolución do 18 de maio de 2020 do CECOP.
  5. Medidas para a conciliación familiar e laboral: o persoal que formamos parte do servizo de incendios, aínda que sexa considerado servizo esencial, somos ante todo persoas que no estado actual de alarma nos atopamos pechados os centros educativos, os centros de maiores e os centros de persoas con discapacidade; polo que esiximos que se podan buscar alternativas ás necesidades de conciliación por menores ou maiores a cargo antes da incorporación do persoal que o precise, e que esta tramitación se faga a través do servizo de persoal e non a través do distrito.
  6. Fomento do teletraballo para todas as funcións e categorías que o permitan tal e como aparece recollida nas recomendacións e normativa do Estado.
  7. Medidas preventivas e organizativas en todos os centros de traballo (especialmente oficinas de distrito e puntos de encontro). Estas medidas preventivas e organizativas, que a Xunta pretendía obviar nas tres reunións, foron unhas das liña vermellas que nos marcamos desde a CIG. A incorporación ten que vir precedida dunha estratexia e dunha organización clara. Así o fixemos saber en moitas das nosas intervencións e o recolleramos nas nosas achegas, nas que tentamos detallar e concretar o máis posible esas medidas.
  8. Medidas organizativas en materia de quendas para evitar a rotación constante e o contacto do persoal: xornadas voluntarias de 10 horas para todo o persoal para minimizar o número de xornadas de servizo presencial, establecemento do binomio brigada-condutor/a de motobomba, baseándonos na Proposición Non de Lei xa presentada pola CIG en novembro do 2018 e nunha instrución de quendas do 2018 da propia Administración. Magoa que a Xunta, como na maioría dos puntos tratados, se limitase a dicir que estudará a proposta sen clarexar nada e sen ter presente que con este mínimo cambio reduciríase moito o risco de contaxio asi como o número de vehículos compartidos.


Na CIG defendemos que a incorporación do persoal tense que facer con todas as garantías e seguridade polo que denunciamos a falta de stock, a formación deficiente, a situación de incertidume do persoal, a falta de xustificación da imposición dos medios a incorporarse, a falta de medidas organizativas e a planificación dos distintos lugares de traballo.

Servizo público SI pero seguridade TAMÉN

Outras novas recentes

Venres, 05 Xuño 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión

Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice. Aínda que non...
Venres, 12 Xuño 2026

Crónica dun enchufe anunciado: como a Xunta adaptou a praza da dirección do CGAC á súa candidata

Na CIG denunciamos que o nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe a crónica dun enchufe anunciado e exemplifica un padrón cada vez máis habitual na Xunta do PP, cando pretende favorecer unha persoa determinada: primeiro modifica o posto, despois adapta os requisitos de acceso e, finalmente, nomea a persoa que encaixa exactamente...
Luns, 08 Xuño 2026

Centros de ensino: máis metros de ratio de limpeza para a pública que para a privada

Na Comisión de Persoal do venres 05/06/26 preguntamos por que a Consellaría de Educación segue negándose a actualizar unhas ratios desfasadas até o punto de que nalgúns casos (como o do persoal de limpeza) son máis altas (1.800 metros) que as que a Xunta de Galiza exixe nos pregos de condicións que asina con empresas privadas cando realiza unha externalización ou...