Novas por contido

Mesa Sectorial de Funcionarias do 13/09/2024 polo miúdo

A directora xeral de Emprego Público leva á Mesa Sectorial de Funcionarias (3/09/24) a destrución de 2 prazas de emprego público para crear 1 nova praza. En concreto, queren crear unha xefatura de sección de habilitación de nóminas (Área de persoal), con forma de provisión por concurso específico, para que AGACAL poida asumir a competencia de xestión de nóminas do seu persoal; e amortizar dúas xefaturas de sección con postos non ocupados que non son vacantes, pero cuxas persoas titulares están en comisión de servizo e consta no expediente a súa “conformidade”. A nova xerente deste ente, Laura Mezquíriz Miguel, indica que é urxente esta modificación polo ben do persoal de AGACAL, porque a persoa que está facéndose cargo das nóminas traballa ao 110% e ten un nível inferior ao que lle corresponde por estas funcións; mais ignorando por completo as necesidades do resto de persoal de AGACAL que tamén traballa a ese 110% ou ao 150%, e cuxas condicións laborais se negan a negociar dende hai máis de un ano.

Dende a CIG denunciamos frontalmente que non existiu ningunha negociación da RPT que se nos presenta, e opoñémonos a unhas amortizacións e destrución de emprego que en ningún momento se xustifican na memoria. Non entendemos que por 1.312 €/ano de diferenza se cometa o absurdo de amortizar un posto de nível 22.

Esta proposta de modificación da RPT de AGACAL remítenola en xuño de 2024 Laura Mezquíriz Miguel, daquela xefa do Departamento de Coordinación Administrativa de AGACAL, a agora xerente, alegando que xa fora negociada. Esiximos, pois, saber cando foi nomeada xerente a persoa que asina os escritos que se nos presentan, e quen alega a existencia dunha “resolución de suplencia”; así como se dispón de capacidade negociadora. A resolución do nomeamento como xerente de AGACAL solicitámola formalmente por escrito en xuño de 2024, e tivemos a calada por resposta. Nin a directora xeral de Emprego Público nin a propia xerente de ACAGAL responderon a esta cuestión durante esta mesa sectorial.

Reiteramos, tamén, nesta xuntanza, a solicitude feita en xuño de 2024 de que Laura Mezquíriz nos convoque formalmente ás mesas de negociación, dado que non nos respondeu en todo este tempo, e sempre no caso de ter validez o seu nomeamento como xerente. Non hai excusas para atrasar as negociacións. En agosto, xa que a xerente non se pronuncia, propuxémoslle esta mesma solicitude ao director de AGACAL, quen tampouco responde.

Á nova xerente de AGACAL ocórreselle dicirnos que esta proposta non é a concretamente negociada, pero que, segundo as súas palabras, as razóns de urxencia, emerxencia e paralización en AGACAL levárona a ter esta inicitativa, consensuada co director xeral de AGACAL, por cuestións de dereitos dos e das traballadores/as de non ter prexuízos nas nóminas ao non facerse cargo ninguén delas, e polo prexuízo que se lle está ocasionando a unha persoa que se fai cargo das nóminas do persoal dunha axencia, de quen di que ten que ter o nível e a sección de habilitación que se propón.

Na CIG non dubidamos de que a persoa que fai o traballo de nóminas na AGACAL traballa ao 110%, nin de que sexa un traballo moi importante que afecta a máis de 350 traballadores e traballadoras, pero temos moitas outras persoas tamén traballando ao 110% ou incluso ao 150%, que están tamén pendentes de que se resolvan os seus problemas nesas negociacións, e o trato que se lles dá non é con esa mesma urxencia e emerxencia.

Por todo isto, esiximos a Emprego Público e a AGACAL que devolvan a RPT presentada ao ente para poder ser negociada entre este e as organizacións sindicais, e se proceda, posteriormente, a traela novamente a esta Mesa Sectorial de Funcionarias.



Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o listado de postos e continuarán en breve, pero non da...
Mércores, 30 Setembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de varias escalas do subgrupo C1, C2 e da agrupación profesional

No DOG do 30/09/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escalas técnicas de mantemento...