Novas por contido

O parque de automóbiles da Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais (Consellaría da Presidencia, Xustiza e Deportes) conta, polos datos que manexamos, con arredor de 65 vehículos que en parte non se usan, e con tres automóbiles directamente alugados polos conselleiros vía renting; mentres que os coches empregados a diario son desaxeitados para o uso para o que están destinados, teñen un alto consumo de combustíbel e escasa autonomía (son coches apropiados para facer uns 50 km diarios), disparando o gasto público do seu mantemento e repercutindo negativamente no desempeño, seguridade e saúde laboral do persoal condutor

Parque móbil de coches oficiais desaxeitados para o uso diario, con avarías continuas, alto consumo de combustíbel e escasa autonomía

O persoal condutor dependente deste departamento ascende a unha cifra que ronda as 200 persoas en toda a Comunidade. A súa principal ferramenta de traballo son os coches oficiais, e dados os traxectos dunha media de arredor de 300-400 km diarios, cobran especial relevancia as características técnicas dos vehículos e as  destrezas e habilidades para a condución segura e a prevención de riscos laborais e accidentes na estrada.

Malia a ser un colectivo de traballadoras e traballadores amplo e con directa repercusión no día a día e seguridade diaria dos altos cargos desta Administración e da súa propia, o persoal condutor dispón dunha situación laboral que dista das óptimas condicións, dado que se priman outros intereses moi distintos á eficiencia do gasto público.

Neste parque móbil hai arredor de 65 vehículos modelo Citroën C-5 AirCross, parte deles parados porque non os queren os altos cargos, e porque non transmiten ningunha seguridade na estrada; os cales a Xunta vai enviar ás delegacións por estes motivos. Entre 2023 e o que levamos en 2024, xa houbo varios sinistros con eles. Co resto de vehículos do parque móbil, modelo Citroën C5X Hybrid, pasa outro tanto: sendo un pouco máis confortábeis, seguen tendo as mesmas carencias cós modelos anteriores: pouca autonomía e seguen transmitindo pouca seguridade na estrada, ademais de que o persoal condutor está obrigado a repostar só nas gasolineiras de Repsol, non dándolles outra alternativa por parte do parque móbil. Iso conleva que estes profesionais teñen que pagar do seu peto o combustíbel. Estes coches híbridos levan un motor pequeno, co cal ao longo prazo van ter continuas avarías. Tanto é así que nestes momentos temos polo menos até tres conselleiros da Xunta de Rueda que teñen renunciado ao emprego destes coches oficiais e teñen contratado tres vehículos de xeito particular e a cargo doutros orzamentos públicos, polo sistema de renting, dobrando o gasto nestes conceptos.

Dende a CIG esiximos que os parques móbiles se doten con vehículos tipo berlina, a ser posíbel de tracción 4x4, cos mínimos estándares actuais de calidade, seguridade e eficiencia enerxética e autonomía, sobre todo á hora de saír da Comunidade.

En conclusión: os únicos coches axeitados para a realización do traballo son os utilizados polos/as escoltas do Sr. Rueda e polo condutor do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Por certo, Sr. Rueda: o V Convenio Colectivo contempla, como medida de fomento de emprego, a xubilación aos 65 anos (a nova normativa sitúaa en 68), polo que un encargado teña MÁIS DE 70 ANOS, non parece lóxico, moral e normal. Que segredos garda para que non se cumpra o ordenamento xurídico, incluído o VCCU?


Só 25 prazas de formación técnica e específica da Xunta na AGASP para o persoal condutor en 2024

A única formación coa que contaba o persoal condutor até agora é a de condución segura, coches eléctricos e actualización en materia de tráfico. En 2024 este persoal só tivo un curso sobre coches eléctricos de 40 h cun total de 25 prazas, o que supuxo que a maioría do persoal quedou sen poder facelo, motivo polo que as e os traballadoras/es máis veteranas/os teñen que renunciar a ela para que o persoal máis novo teña unha mínima opción de formarse.

É necesario contar cun plan de formación técnica e específica anual e estábel que garanta a contínua e necesaria posta ao día e desenvolvemento de destrezas e habilidades que axuden ao correcto desempeño laboral, á seguridade de condutor/a e usuarios/as e á prevención de riscos para a saúde e accidentes. 

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Domingo, 04 Outubro 2026

Os sectores de atención social e coidados únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas eowpzSxtLVM Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas...
Martes, 06 Outubro 2026

A Consellaría da Lingua  mantén o abuso laboral do persoal lingüista e segue sen achegar os datos necesarios para negociar (xuntanza do 5...

A segunda xuntanza remata sen compromisos concretos para garantir a xornada completa e doce meses de actividade. O luns 5 de outubro tivo lugar a segunda mesa de negociación das condicións de traballo do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, do grupo I, categoría 40.  Un mes despois da anterior xuntanza, a Consellaría de Cultura, Lingua e...