Novas por contido

“Analizando, valorando, esperando”. Estas son as expresións máis utilizadas pola directora xeral de Emprego Público (DXEP, antiga Función Pública), en resposta a case todas as preguntas que lle fixemos tanto a CIG como as outras organizacións sindicais (CCOO, CSIF e UGT) na Comisión de Persoal do xoves 19 de setembro. Por dicir algo.

CONCURSOS DE TRASLADOS

Na anterior Mesa Xeral, a DXEP deu información só dalgúns concursos, pero tan xustiña que saímos como entramos. Así que a CIG repreguntou: “queremos saber o estado de TODOS os concursos XA CONVOCADOS, así como as datas previstas para a publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas/excluídas, a eleición de postos e a toma de posesión. E de TODOS os concursos aínda NON CONVOCADOS, cando teñen pensado comezar as negociacións e cando a convocatoria”.

A resposta da DXEP foi simple: que se remitía á información que dera na anterior Mesa Xeral e que dos concursos non convocados estaban pendentes da RPT do consorcio. Punto final.

Pode ser que non teña a informacion, ben porque non existe, ben porque non lla facilitaron, ben porque non a lembre. E pode ser que si teña a información e non lle dea a gana facillitárnola por vergoña de como van as cousas. Pero en todos os casos, NON DIXO NADA.

Pois haberá que ser pesados e insistir e insistir, a ver se conseguimos que se poñan as pilas.

PROCESOS DE ESTABILIZACIÓN

A Lei 20/21 marca a data do 31/12/2024 como aquela en que os procesos tiñan que estar rematados. Preguntamos pola previsión que teñen de remate, e como vai ser o destino. Aquí si se mollou algo máis: di que o 31/12/2024 é a data prevista de finalización, e os destinos van ser provisionais.

Preguntamos tamén polos criterios que seguirían para os casos en que haxa unha persoa que supere dous procesos de estabilización (xunta e entes). A resposta da DXFP limitouse a dicir que cando estivesen rematados ou a piques de rematar os procesos, entón analizarían os casos. Punto.

RESTO DE PROCESOS SELECTIVOS

Respecto da escala de auxiliar de clínica (OEP-2021), publicaron o listado de persoas aprobadas o 10/05/24. Di que están a analizar os postos para a futura eleición de destino.

Para enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal, que xa se sabe quen superou o proceso e levan un ano agardando pola eleición de destino, volve a dicir o que xa dixera antes do verán: están analizando as prazas para a eleición de destino.

FUNCIONARIZACIÓN

Na orde do día da Comisión de Persoal ían dous puntos de modificacións da RPT por funcionarización, un ao corpo administrativo-C1 por execución dunha sentenza, e outro aos corpos superior-A1 e auxiliar-C2. Concordamos coa necesidade de executar as sentenzas, pero manifestamos que abondan outras sentenzas (por exemplo, persoal de cociña ou categoría III-99), que non executan porque non queren. A Xunta non pode escoller que sentenzas executa e cales non, teñen que facelo en todos os casos.

En todo caso, por coherencia coa nosa postura sobre as formas en que levaron adiante a funcionarización do persoal laboral fixo e dos postos de persoal laboral na RPT, a CIG votou en contra dos dous puntos. CCOO e UGT votaron a favor dos dous. CSIF votou a favor dun e en contra doutro.

OUTROS ASUNTOS

Contratación de persoal investigador: din que hai unhas instrucións conxuntas das direccións xerais competentes en materia de persoal (simplificación, emprego público e orzamentos), cos criterios aos que se teñen que axustar os entes do art. 45.b da Lofaxga, e que están a chegar contratacións que van ir para a sinatura dos directores/as de inmediato. Aseguran que están a tramitar a contratación temporal nas fundacións e non saben doutros atrancos.

Adscrición temporal a prazas de persoal funcionario de escalas pendentes de funcionarizar: a DXEP menciona o caso da escala de aux. de coidador, co persoal pendente de funcionarizar pero cos postos xa funcionarizados en RPT. Di que están a prorrogar escepcionalmente ata que sexa a funcionarización, as adscricións temporais do persoal laboral fixo que actualmente ocupa as prazas en adscrición temporal.

Outras novas recentes

Venres, 17 Xullo 2026

Datas dos concursos de traslados e procesos selectivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do xoves 16, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) deu información actualizada das previsións das datas de toma de posesión dalgúns concursos de traslados e procesos selectivos. Indica a DXEP que debido ás incidencias técnicas das últimas semanas, tiveron que ampliar os prazos (como foi en corpos xerais ou escalas sociosanitarias) para...
Xoves, 23 Xullo 2026

Zasca do Tribunal Supremo! á carreira profesional (ST 636/2026)

O que Xunta, CCOO e UGT che quitaron a CIG devólvecho nos xulgados Mentres a CIG gastaba tapas de zapato nos xulgados defendendo a dignidade do persoal laboral que obrigaban a funcionarizarse para cobrar a carreira profesional, os do "pacto da foto" (Xunta-CCOO-UGT) dicíannos de todo menos "bonitos/as" diante das traballadoras e dos traballadores. Axeonlláronse diante da...
Luns, 20 Xullo 2026

Esiximos novas avaliacións de riscos para gardas e axentes ambientais

A CIG reclama avaliacións de riscos para todo o persoal axente ambiental e garda de recursos naturais en base as novas directrices do INSST Nestes días estamos a solicitar á Xunta a elaboración de novas avaliacións de riscos laborais adaptadas á Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais, e ás novas directrices do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no...