Novas por contido

A Xunta incumpre a Lei de Liberdade sindical no Edificio Administrativo de San Lázaro en Compostela

Taboleiros de anuncios sindicais e dereito á información e comunicación

Os taboleiros de anuncios sindicais son unha ferramenta fundamental para a comunicación entre as delegadas e delegados sindicais, comités de empresa ou xuntas de persoal e as traballadoras e traballadores. O dereito ao seu emprego está garantido pola normativa sindical e laboral, así como la lexislación da función pública, e o seu uso debe axustarse á normativa vixente, respectando en todo momento os dereitos de información e participación do cadro de persoal. Neste senso, o Estatuto das Traballadoras e Traballadores regula o dereito das persoas representantes sindicais ou comités de empresa a dispoñer dun ou varios taboleiros de anuncios para comunicarse coas traballadoras e traballadores, e a Lei de Liberdade Sindical sinala que os taboleiros deben estar situados nun lugar onde se garanta un axeitado acceso a el polo cadro de persoal.

Edificio Administrativo de San Lázaro, Compostela

O Edificio Administrativo de San Lázaro é o segundo edificio administrativo da Xunta de Galiza de maiores dimensións da capital compostelana, tras o Edificio Administrativo de San Caetano, polo que alberga a milleiros de empregadas e empregados públicas/os. Porén, os espazos habilitados para unha comunicación fluída entre as persoas representantes legais do persoal e as traballadoras e traballadores é reducido, e non se corresponde nin coa cantidade do persoal nin coas dimensións das instalacións. 

Os taboleiros de anuncios de parede que hai no edificio apártanse deliberadamente dos lugares visíbeis e de paso do persoal, e ademais non dispoñen das dimensións axeitadas que doten de espazo ás comunicacións de todas as centrais sindicais con representación no ámbito da Xunta de Galiza. Non hai máis que ver o taboleiro de anuncios da entrada ao edificio pola Consellaría de Emprego, situado á man dereita segundo se entra... Está nun recuncho fóra da vista das persoas que entran e saen, separado por un panel e dunhas dimensións que non se corresponden coas requiridas para que poida cumprir minimamente a súa función, e permita o emprego compartido por parte de todas as entidades sindicais existentes no ámbito da Xunta. Ademais, para dificultar aínda máis o acceso á información, diante ponse mobiliario (mesa e cadeiras, andeis).

Emprego das paredes como taboleiro de anuncios sindicais e censura

Por outra banda, dende hai moitos anos non se dotan os longos e amplos corredores do edificio, os espazos de reprografía ou de descanso, cos correspondentes taboleiros, suficientes en número e en dimensións, sexan de parede ou de pé, que garantan a comunicación co persoal e o acceso deste á información sindical do seu interese. Debido a esta situación, a  información sindical está disposta directamente nas paredes dos lugares de maior circulación e visibilidade (inmediacións dos ascensores, zonas de reprografía e corredores) e de par da propaganda institucional, porque non se habilitan os espazos que marca a lei. Esta situación totalmente irregular leva á censura e á retirada das comunicacións sindicais por parte das persoas que circulan polo edificio e por parte de responsábeis que non respectan a liberdade sindical ou non coinciden con determinadas liñas ideolóxicas.  

Por todo o amentado, en cumprimento da Lei de Liberdade Sindical e de toda a restante normativa de aplicación, imos remitir unha queixa oficial, na cal esiximos, entre outros, o seguinte:

1.- Que en tanto non se habiliten os correspondentes espazos consonte á normativa vixente, se paralice decontado a retirada  das comunicacións sindicais dispostas en todo o edificio, impedíndolle deste xeito o acceso do persoal á información, ademais de ocasionar danos e/ou prexuízos a esta central sindical.

2.- A colocación de inmediato dun taboleiro sindical das dimensións axeitadas á actividade da representación legal dos traballadores e traballadoras na ampla parede situada na entrada ao Edificio Administrativo de San Lázaro (Emprego)  á man esquerda (onde antes estaba o rexistro), que é a zona de paso natural do cadro de persoal. 

3.- A colocación sen máis demoras de taboleiros de parede ou de pé, de dimensións aceptábeis e compatíbeis coa existencia de varias centrais sindicais, en todos os corredores das plantas do edificio que carezan del, nas zonas de descanso, nas zonas de entrada e nas zonas de reprografía.

De persistir a censura e retiradas das comunicacións sindicais como as ocorridas esta semana no Edificio Administrativo de San Lázaro (véxase a mostra de fotos), reservámonos o dereito de tomar as medidas legais que esta central sindical considere oportunas.

Taboleiro sindical á man dereita segundo se entra - Edificio Administrativo de San Lázaro (entrada Emprego) (19/02/25)

 

Espazo libre na zona de paso, á man esquerda segundo se entra - Edificio Administrativo de San Lázaro (entrada Emprego)

 

Nota anónima  (19/02/25) - Edificio Administrativo de San Lázaro (entrada Emprego)

 

Retirada de información sindical (19/02/25) - Edificio Administrativo de San Lázaro (entrada de Emprego)

Outras novas recentes

Martes, 11 Agosto 2026

O presidente vai de procesión: Rueda pode facer o que lle pete; a Xunta, non

Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á...
Mércores, 05 Agosto 2026

Xuntanza informativa sobre as eleccións de destino (05/08/26)

Nesta xuntanza comunicáronsenos as datas relevantes de resolucións de adxudicacións de destino, cesamentos, incorporacións, tomas de posesión e outras informacións sobre escolas infantís (A2 e C1), persoal auxiliar coidador, escalas sociosanitarias, e outros asuntos (comisións de servizo, conciliación, adaptacións de postos, prestacións por embarazo e COMEs).
 
Na reunión...
Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...