Novas por contido

Co silandeiro cesamento do director do IGE, Rueda liquida o que até o de agora fora o Instituto Galego de Estatística, vendido ás empresas privadas e transformado nun medio de censura máis, xunto coa RTVG

Esta é a crónica dunha suplantación fría e rapidamente calculada. Dende o intre en que Rueda encargou un informe á medida á empresa Sondaxe —grupo de La Voz de Galicia— para desdicir, previo pagamento, a «Enquisa estrutural a fogares. Coñecemento e uso do galego» do Instituto Galego de Estatísica (IGE), feita pública o 11 de outubro de 2024, e que destapaba a situación crítica da lingua galega, xa todo quedou dito. A cabeza do até entón director do organismo de maior relevancia da estatística pública de Galiza quedou sentenciada, só era cuestión de tempo... As críticas a Rueda, Feijoo e, en xeral, a todo o PP, pola deliberada incompetencia na xestión da política lingüística, non tardaban en chegar, e dirixirse tamén cara ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Saldábanse de contado dende dentro do propio PP, coa dimisión e baixa no partido do seu coordinador de Cultura o 19 de novembro de 2024. 

Para Rueda —activista de Galicia Bilingüe—o IGE cometía o «erro» imperdoábel de transmitirlle á opinión pública a situación de alarmante retroceso do uso do galego, tras 20 anos de manifesto incumprimento de toda a lexislación lingüística galega por parte do PP. Os resultados marcaban un punto de inflexión ao constatar que, por primeira vez, o castelán superaba o galego como lingua máis falada habitualmente na Galiza. 

De contado, o conselleiro da Lingua, José López Campos, lonxe de dimitir, presentaba publicamente o 6 de febreiro de 2025, o seu informe á medida: a «Enquisa sobre a percepción social do galego» de Sondaxe. Inmediatamente despois, o 12 de febreiro de 2025, López Campos anunciaba no Parlamento a suposta «renovación» do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), instrumento aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza o 21 de setembro do 2004, con máis de 400 medidas concretas para favorecer o uso do galego en todos os ámbitos sociais… Plan que o PP se negou a implantar e facer efectivo até agora, en favor dunha verdadeira política lingüística exterminadora da lingua galega. 

Acto seguido, o 10 de marzo de 2025, Rueda ultimaba, a fume de carozo, os correspondentes retoques na estrutura da Xunta, creando varios postos a dedo, usurpándolle ao IGE toda posible autonomía, e apropiándose do control de toda a estatística pública galega. Ese mesmo día, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, anunciaba a licitación dun contrato «para que as empresas tecnolóxicas poidan ofrecer os seus servizos para centralizar, xestionar e explotar» os datos estatísticos públicos, incluíndo os do IGE.

 

Finalmente, a guinda de pastel pona agora o DOG deste 23 de xuño de 2025, co silandeiro cesamento do até agora director da institución, sen ningunha comunicación aos medios. O IGE enteiro non desaparece, é certo, pero pouco importa, porque anulado queda, pois Rueda pasou a ter o control absoluto como presidente do IGE, como presidente do Consello Reitor do IGE e como presidente do Consello Galego de Estatística, o máximo órgano consultivo na materia, como denunciamos hai uns meses, e con el as empresas privadas, métense a manexar e lucrarse —sen maiores espaventos—, cos datos públicos estatíticos de toda a cidadanía galega.

Temos a Santa Trindade —desculpa a comparación— presidindo a nosa estatística pública, nun exemplo estrela do que é o uso partidista das institucións públicas. O até agora director do IGE, e todo o persoal empregado público da institución, foron postos en entredito por non publicar milongas, que era o que se supón que Rueda esperaba que fixeran. 

Así que, agora si…, xa temos o Instituto Galego de Trolas definitivamente montado!!!!

 

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...