Novas por contido

No mes de xullo, a CIG solicitou a revisión dos pregos no procedemento de licitación para a contratación da conservación ordinaria e da viabilidade invernal das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galiza. Con data do 10 de xuño de 2025, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) fixo pública, a través da Plataforma de Contratación Pública de Galiza, a documentación relativa ao procedemento de licitación para a contratación da conservación ordinaria e da viabilidade invernal das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galiza.

Nos pregos que rexen a devandita contratación especifícase a esixencia de persoal con dedicación exclusiva por parte das empresas adxudicatarias, incluíndo expresamente a figura de "vixilantes de explotación". Nos pregos correspondentes ás zonas norte e sur da provincia da Coruña indícase, de forma concreta, a obrigatoriedade da contratación de catro vixilantes nesa categoría. Así mesmo, no Anexo 2–apartado 2.3, establécese o requisito de coñecemento do dominio público viario e da normativa específica en materia de explotación de estradas, aplicable ao persoal das catro provincias.

Cómpre lembrar que tanto a Lei 8/2013, de estradas de Galiza, como o seu regulamento de desenvolvemento, outorgan á persoa funcionaria encargada da explotación das estradas a condición de autoridade pública, no exercicio das súas funcións inspectoras e de vixilancia administrativa. De igual xeito, tanto a Lei 2/2015, do Emprego Público de Galiza, como o Texto Refundido da Lei do estatuto Básico do empregado público (TREBEP), delimitan claramente que o exercicio de potestades públicas, tales como as tarefas de inspección ou as actuacións con carácter de autoridade, deben ser exercidas exclusivamente por persoal empregado público, seleccionado mediante os procesos previstos na normativa vixente.
Así mesmo, a Lei 9/2017, de contratos do sector público, establece límites respecto da externalización de funcións públicas, vetando a súa encomenda a terceiros cando impliquen o exercicio de autoridade administrativa ou o uso de potestades que impliquen control, inspección ou sanción.

Que nos pregos, as empresas adxudicatarias teñen que dotar ao seu persoal dedicado a vixilancia de medios dos que non dota a AXI ao seu persoal, teléfonos, tabletas, ordenadores portátiles con datos para a realización do traballo de campo, etc.

Que os pregos fai referencia a que o persoal das empresas adxudicatarias (vixilantes), teñen que traballar coordinados co persoal de vixilancia propio da AXI.

Que nos pregos, os vehículos das empresas teñen unha rotulación similar á do persoal da AXI, o que vai producir unha indefensión nas/nos administrados/as ao non distinguir con que persoal está a tratar.

Por todo isto, a CIG no mes de xullo presentou por escrito a solicitude de:

  • Que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e a través dela a Axencia Galega de Infraestruturas, procedan á revisión dos pregos de condicións administrativas e técnicas do procedemento de licitación mencionado, para garantir o seu estrito cumprimento coa legalidade vixente, excluíndo calquera figura profesional que leve aparellado o exercicio de potestades públicas que corresponderían en exclusiva ao persoal funcionario.
  • Que se suprima calquera referencia á contratación por empresas privadas de persoal que vaia a realizar funcións reservadas ao persoal funcionario, como é o caso das tarefas de vixilancia, inspección e demais funcións de policía administrativa no ámbito viario.
  • Que se abra un proceso de diálogo estruturado coa representación legal do persoal co fin de abordar a situación de déficit de efectivos, artellando solucións dentro da legalidade e do réxime estatutario vixente, tales como:
    - A cobertura temporal mediante listas de contratación do persoal da escala de Axentes de Inspección (especialidade Vixilancia de Estradas, subgrupo C1).
    - A convocatoria urxente de procesos selectivos para o ingreso na escala de Axentes de Inspección do subgrupo C1, garantindo unha dotación suficiente e axeitada ao servizo público

POR UNHA RPT ACTUALIZADA, POLA COBERTURA DE TODOS OS POSTOS E POLA CREACIÓN DE VACANTES PARA GARANTIR O SERVIZO PÚBLICO.

A CIG SEMPRE NA DEFENSA DOS SERVIZOS PUBLICOS

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...