Novas por contido

Seguimos adiante na loita aínda que CCOO, UGT e CSIF intenten deixar vendido ao persoal do Servizo de Incendios Forestais

Denunciamos a actitude desleal e irresponsable de CCOO, UGT e CSIF, que solicitaron DESPOIS DA CONVOCATORIA DA MANIFESTACIÓN, unha reunión coa Consellería do Medio Rural excluíndo a representación maioritaria do persoal.

Esta manobra, xusto antes da mobilización do 30 de outubro, busca desmobilizar, dividir e confundir, freando a loita colectiva por acadar melloras laborais e dignidade profesional.

Trátase dunha práctica propia do sindicalismo amarelo que prefire ir contracorrente cando hai mobilizacións e refuxiarse no colo da empresa antes que defender os dereitos do persoal. Romper a unidade ten consecuencias, e este tipo de accións traizoan ao conxunto do persoal empregado público.

Cómpre lembrar que a mobilización SI dá resultados. En comunidades como Asturias, Aragón ou Andalucía, as protestas e a presión do persoal fixeron posible negociar melloras reais para o colectivo de bombeiros forestais. É que a CCOO, UGT e CSIF non están de acordo con avances que se conseguiron?

Non é novo: xa deixaron vendido ao persoal do SPIF cando pactaron antes da negociación formal un Acordo só para funcionarios, sacrificando ao persoal laboral. Dende a CIG, tratamos de paliar as eivas e incluímos unha adenda para que se estendera a todo o persoal confiando e “pecando de boa fe” en que se fixera efectiva. Porén, dous anos despois, nin Medio Rural nin os outros sindicatos, quixeron cumprir este compromiso e as consecuencias páganas hoxe máis de 1.000 traballadores e traballadoras do servizo.

 

👉 O 30 de outubro, ás 11:00 horas, diante da Dirección Xeral de Defensa do Monte.
Aí é onde se defenden os dereitos: na rúa, co persoal, e non agochados nos despachos!!

Outras novas recentes

Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...