Novas por contido

Na xuntanza do 17 de xaneiro para o seguimento do acordo do SPIF a Consellería do Medio Rural ven de propor:

Reagrupar as brigadas con 7 compoñentes e libranzas conxuntas (de maneira unilateral en contra da opinión das organizacións asistentes a reunión).

A CIG mantense na postura inicial da proposta, de brigadas de 5 compoñentes (1 xefe/a de brigada e 4 bombeiros/as), creando as prazas necesarias para cubrir este servizo as 24 horas cun mínimo dunha brigada por distrito.

Dende a CIG entendemos que a media de brigadas unificadas en 7 compoñentes traerá consigo a inoperatividade dos distritos asi como o aumento nos tempos de reacción no inicio da extinción, polo menos nos períodos nos que está o persoal fixo-descontinuo. Dependendo dos distritos, o número de brigadas varía de 5 a 7/8, que coas secuencias impostas por esta consellería (rotacións cada 5 semanas), quedan ocos libres sen persoal nos distritos. Sirva como exemplo que nos distritos de 5 brigadas traballarán un día 2 e o seguinte 3, acontecendo que o día de tres hai secuencias repetidas que da lugar a que non se cubran as 24 horas. Pasará tamén o mesmo nos distritos nos que haxa 4 brigadas cada día. Ante a consulta da CIG de como se cubrirán eses ocos, o director xeral indicounos que “iso é responsabilidade deles, que diso si que saben”. O tempo dará e quitará razóns.

Emisoristas e brigadas helitransportadas

Pretenden que fagan o mesmo horario que o helicóptero na primeira quincena de marzo e segunda de outono. Dende a CIG expoñemos que iso nos parece sensato; é dicir, se está o helicóptero, o horario sería de orto a ocaso. Pero como xa é un período fixo establecido a maiores do que se pretendía ó inicio (1º quincena de marzo e 2º de outubro) nos que pode haber helicóptero, o normal sería que se modifiquen os horarios propostos para este persoal durante ese período en relación co orto e ocaso, e así, durante os meses nos que non hai helicóptero (novembro, decembro, xaneiro e febreiro), se estableza un horario que compense as horas que foron sumadas o período adicional.

Ao mesmo tempo, na base de Marroxo hai que recalcular as horas do persoal laboral fixo-descontinuo, dado que nos períodos nos que traballan sempre se fai de orto a ocaso, co que se pasan de horas en computo anual. Isto xa se levou á comisión e desta vez, si parece que o DX se vai por con ela para buscarlle unha solución. Agardamos vaia desta.

Formación física

A Consellería argalla isto sen estar na orde do día (ao final xa se lle denominou simulacros). En principio para brigadas que pretenden estender ao persoal de campo. O instrutor, Pablo García, expón un plan piloto no que se pretende que os/as xefes/as de brigada sexan os/as encargados/as de que todo o persoal faga estes exercicios polo menos un par de veces á semana. Realizaríase en quenda de traballo, sendo de dúas horas de duración e os exercicios terían que ver coas labores de extinción (estirar e recoller mangueiras...). Consideran que preferiblemente os/as traballadores/as terían que estar equipados coa roupa de traballo, non de deporte. Comenzarían por unhas andainas de unha hora de duración quedando o coche da brigada na metade do percorrido, por se houbese que saír a unha alarma).

Dende a CIG consideramos que a formación sempre nos parece axeitada, e que fai 10 anos está instaurada no Comité de Seguridade e Saúde. Outro tema é o xeito desapropiado no que se levou á comisión de seguimento. Consideramos que non é para tratar na comisión. Ao ser de maneira obrigatoria, como pretende a Dirección Xeral, ten que ter un plan aprobado de formadores/as, exercicios, presuposto, etc. É un tema moi serio para intentar colalo desta maneira tan pouco clara.

Preguntamos á Dirección Xeral de Defensa do Monte para cando tiñan previsto iniciar o recollido no acordo e trasladar este acordo de funcionarios ao persoal laboral con todas as consecuencias tanto de horarios como económicas dado que comprometera a consultar o referente á aplicación de horario ao persoal laboral e enviarnos aclaración, cousa da que polo momento non recibimos contestación.

Dende Defensa do Monte mantense a aplicación do V convenio para todo o persoal laboral.

Dado que a provincia de Lugo e a da Coruña teñen negociación nos comités de empresa de horarios diferentes aos expostos no V Convenio (negociacións ente a representación do persoal e as delegacións provinciais) non se opoñen a esas negociacións.

Os/As representantes na mesa de Ourense e Pontevedra expoñen que seguirán unha instrución que teñen de aplicación de horarios de Convenio, e que se atopa en vigor se non se derroga. Así que dende a CIG apoiaremos as propostas do persoal (se queren guerra teremos guerra).

Asuntos propios

Aclaración ante a denegación do 7º día en distritos de Ourense e Pontevedra

  • Ano 2024 (7 días de asuntos propios), quedan de mandar unha circular a todos os distritos, para que antes da terminación do mes de xaneiro a xente que non os pediu ou se lle denegaron, colla o sétimo día.
  • Ano 2025 ( 8 días de asuntos propios)

Recálcase que todos os compañeiros e compañeiras deben solicitar os permisos polo PORTAX (sistema no que queda rexistrado tanto a aprobación como os motivos da denegación). Algúns distritos de Pontevedra a día de hoxe aínda non o teñen implementado. Faremos forza neste punto, xa que é a terceira vez que se leva á comisión e parece que seguimos tendo algún xefe de distrito remiso a seguir as normas que nos competen a todos e todas.

Solicitudes de días de vacacións

Hai que presentalas antes do 28 de febreiro. Dende a CIG mantemos que as persoas que non desexen presentar os 6 días que se poden anexar aos días de asuntos propios como días de vacacións individuais, non teñen a obrigatoriedade de facer a previsión, baseándose na instrución de Función Pública (https://ficheiros-web.xunta.gal/funcion-publica/instrucions/20160224-Res_PLV.pdf). Non tivemos resposta ao preguntar se no caso do persoal funcionario tamén era así.

Solicitamos a certificación e envíos aos correos corporativos de domingos e festivos así como as noites. No caso de non ser enviadas solicitaremos por rexistro aos respectivos xefes de persoal (xefes de distrito correspondentes).

Proposta de cuadrantes de emisoristas e vixilantes nos CCP: a CIG presentou unha proposta para cubrir as 24 horas que nin se dignaron a tratar.

Consultamos para cando van ser as probas físicas das listas de contratación. Refiren que “botando contas de cabeza, alá para finais de febreiro”.

Outras novas recentes

Luns, 22 Xuño 2026

RPT de Aturga, concursos de traslados, vacacións e asuntos propios, devolución de taxas (MSPF 19/06/2026)

Na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSFP) do venres 19 de xuño tratamos a modificación da RPT de Aturga, e preguntámoslle á DXEP sobre varias cuestións a respecto dos procesos en marcha: as tomas de posesión das escalas sociais, as devolucións dos pagamentos de taxas de procesos selectivos do SPIF anulados, o concurso F0425, a IT no momento da elección de destino e as...
Venres, 26 Xuño 2026

O totum revolutum de Emprego Público: a nova receita do caos nas eleccións de destino

Hai días nos que un pensa que a capacidade de Emprego Público para sorprendernos chegou ao límite, pero despois supéranse. Vaia cristo formaron! Se o obxectivo era xerar o caos absoluto e cabrear a todo o persoal, temos que darlles un aplauso. Conseguírono. Non sabemos moi ben quen está aos mandos da cociña en San Caetano, pero decidiron que a mellor forma de xestionar os...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27. Os...