Novas por contido

A experiencia no mesmo posto durante anos, e o achegamento ao domicilio de fillos/as e persoas en situación de dependencia, deixan de ser un dos baremos para decidir os traslados do persoal funcionario.

Nos últimos concursos de traslados, recentemente levados pola Xunta ás mesas de negociación e convocados (escalas de estatística, expertos/as lingüistas, educación infantil, coidador/a, persoal de servizos xerais, xerocultor/a ..), suprimen a puntuación polo tempo de permanencia no mesmo posto, un mérito consolidado durante máis de vinte anos. Trátase dun recorte claro no recoñecemento da experiencia profesional que muda as regras do xogo no medio da partida. A permanencia valora a estabilidade, a continuidade no desempeño, o coñecemento consolidado do posto e o compromiso co servizo público; eliminala é desincentivar a especialización adquirida coa práctica diaria.

Xustifícao a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), argumentando que coa aprobación do Decreto 151/2022 (decreto de mobilidade), xenera unha desigualdade na valoración dese mérito, dependendo de se o anterior posto foi obtido por concurso de traslados ou por proceso selectivo. Se hai tal desigualdade, é responsabilidade da Xunta modificar o Decreto que ela mesma aprobou sen negociación.

Tamén se restrinxe gravemente a conciliación: elimínase a puntuación por achegamento a fillos, fillas e persoas en situación de dependencia, mantendo unicamente o reagrupamento coa parella. Esta decisión deixa fóra ás familias monoparentais e monomarentais e ignora situacións de separación ou dependencia. Ademais, esta modificación debería ir acompañada do preceptivo informe de impacto de xénero, tal e como esixe a normativa de igualdade aplicable á actuación da Administración pública. A supresión deste mérito ten un impacto directo nas responsabilidades de coidados, asumidas maioritariamente polas mulleres. Se non se avaliou expresamente este efecto, estariamos ante un posible incumprimento da obriga legal de integrar a perspectiva de xénero e evitar discriminacións indirectas.

A escusa da Dirección Xeral de Emprego Público é que a aplicación informática, FIDES, utilizada para xestionar os concursos, non está adaptada para valorar este mérito. A tecnoloxía debe adaptarse ás bases negociadas, e non ao revés. Non podemos depender deste aplicativo do Sergas nin imos tragar que en 2026 non exista unha ferramenta propia e adaptada ás necesidades da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

Esiximos a rectificación inmediata destes cambios e un sistema adaptado aos dereitos do persoal. Non imos permitir que este recorte se consolide nin que se estenda ao conxunto dos concursos da Administración Xeral.

Outras novas recentes

Martes, 06 Outubro 2026

A Consellaría da Lingua  mantén o abuso laboral do persoal lingüista e segue sen achegar os datos necesarios para negociar (xuntanza do 5...

A segunda xuntanza remata sen compromisos concretos para garantir a xornada completa e doce meses de actividade. O luns 5 de outubro tivo lugar a segunda mesa de negociación das condicións de traballo do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, do grupo I, categoría 40.  Un mes despois da anterior xuntanza, a Consellaría de Cultura, Lingua e...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar
Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....